Moeche organiza este sábado unha charla sobre os trampeos de primavera contra a velutina

Moeche organiza este sábado unha charla sobre os trampeos de primavera contra a velutina

Vespa Velutina. Foto: César Galdo

Para falar dos métodos de loita contra a Vespa velutina nigrithorax, o Concello de Moeche organiza este sábado ás 12:00h na nave do Mercado unha charla na que se explicará  o ciclo reprodutivo desta especie invasora, como facer un trampeo efectivo -e selectivo- e como actuar no caso de que máis adiante se atope un niño embrionario, primario ou secundario.

Da primeira parte da sesión encargarase Vanesa López Basanta, que é veciña de Moeche, técnica ambiental, abelleira e promotora en Balocos da iniciativa Abellariza Apicultura. Ela explicará como diferenzar a velutina das avespas autóctonas -e doutros insectos beneficiosos- e tamén cal é o ciclo anual da especie, que reinicia a súa actividade neste tempo coa saída dos seus tobos das raíñas fundadoras de novas colonias.

Nun primeiro momento as raíñas fecundadas antes do letargo invernal construirán un niño embrionario onde criarán a primeira xeración de obreiras. O intre en que se encontran fabricando ese niño -algo máis pequeno ca un puño- é o máis crítico para elas: están soas traballando e teñen a obriga de facerlles casa ás larvas o antes posible. De aí que se se captura unha raíña neste tempo, acabouse, xa non hai posibilidade de que a nova familia prospere e no futuro haberá un problema menos do que preocuparse.

O habitual é que as raíñas se movan nas proximidades de onde houbo niños a temporada pasada e que empecen a criar en lugares abrigosos, como son cabanas, cortes e debaixo de uralitas. Por iso os trampeos deben concentrarse nesas zonas e, sobre todo, nos arredores das árbores e arbustos de floración temperá onde se alimentan, nomeadamente camelias e outras especies con flor vermella ou de cores vivas.

As trampas máis axeitadas son as que se fabrican con botellas de plástico onde logo se bota unha mestura atraente. Hai múltiples fórmulas caseiras moi efectivas: levadura disolta en auga, cervexa con algún licor aromático, viño tinto mesturado con auga azucrada, etc. 

É importante, iso si, que as trampas sexan selectivas, de maneira que cumpran a función de capturar velutinas pero tamén a de facilitar a saída doutros insectos necesarios para o ecosistema. É fundamental, ademais, renovar o atraente cada 20 ou 25 días e procurar que as trampas estean situadas nun lugar soleado e a uns 2 metros de altura.

Na charla explicarase como confeccionar trampas e onde colocalas, para o que Vanesa López contará con apoio de Moisés García, bombeiro de profesión e novo concelleiro da Corporación municipal.

Tamén se tratará a maneira de proceder no caso de que máis adiante se descubra un niño primario (o que constrúe a raíña con axuda dun pequeno exército de obreiras, de tamaño similar a un balón de fútbol) ou un niño secundario (o definitivo, que pode superar o metro de envergadura). Moeche adheriuse ao protocolo autonómico de contención da velutina e, neste sentido, se se bate cun niño nun lugar que supoña un perigo haberá que chamar ao 012 (ou ao 981 900 643 para evitar cargos na factura do móbil) para que os servizos autonómicos acudan retiralo ou neutralizalo.

Ademais, se se van facer traballos en zonas con maleza ou montes débese facer unha inspección previa do chan e do bico das árbores. Se ben as velutinas non son unha especie moito máis agresiva que calquera outro tipo de avespa, si supoñen un grande perigo no caso de que se esnaquice un niño accidentalmente ou se vaia remexer a el sen protección adecuada.

A charla na que se tratarán todas estas cuestións arredor da avespa asiática desenvolverase este sábado 19 de febreiro a partir das 12:00h na nave do Mercado de San Ramón. Non fai falla inscrición previa, aínda que desde o Concello se recorda a obriga de usar mascarilla e de non asistir se se teñen síntomas coincidentes cos da COVID-19.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información