Modificado o prazo de presentación de cesións de dereitos de pago básico

Modificado o prazo de presentación de cesións de dereitos de pago básico

O Boletín Oficial do Estado (BOE), publica este luns a orde ministerial que atrasa o inicio do prazo de comunicación das cesións de dereitos de pago básico da Política Agraria Común (PAC).

O período de comunicación das cesións de dereitos de axuda, que habitualmente comezaba o 1 de novembro, iniciarase na campaña 2021 o mesmo día en que comeza o prazo de presentación de solicitude única, é dicir, o 1 de febreiro de 2021. A data de finalización prevista será o 31 de maio de 2021.

“Coa publicación desta orde, o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA) anticípase aos posibles cambios normativos que se deriven da situación transitoria en que quedará a PAC durante os anos 2021 e 2022 e garante seguridade xurídica tanto aos cedentes como aos cesionarios dos dereitos de axuda”, destacan desde o Ministerio.

O próximo mes de decembro termina o septenio 2014-2020 da política agraria da Unión Europea e comeza o período 2021-2027. Porén, os regulamentos polos que terá que rexerse este último non entrarán en vigor até 2023, polo que 2021 e 2022 serán anos de transición nos que a PAC funcionará coa normativa actual, na que haberá que introducir algúns axustes.

O 1 de febreiro do ano próximo xa se coñecerán estes axustes (normativa transitoria e a súa adaptación nos reais decretos relacionados coas axudas da PAC en España) e os actos que a partir desa data realicen os agricultores e gandeiros beneficiarios das subvencións terán total seguridade xurídica. En todo caso, os criterios para a percepción das axudas na campaña 2021 permanecerán practicamente sen cambios con respecto aos de 2020.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información