Mocidade de ganderías irlandesas visita Galicia para coñecer o seu modelo cooperativo

A Asociación Galega de Cooperativas Agroalimentarias colaborará co grupo na organización das visitas técnicas, nas que visitarán centros de investigación, cooperativas e explotacións gandeiras representativas do modelo galego

Mocidade de ganderías irlandesas visita Galicia para coñecer o seu modelo cooperativo

Un momento da visita do grupo irlandés na granxa Ugasma, en Boimorto.

Un grupo de mozos e mozas gandeiras procedentes de Irlanda, integrantes da Irish Co-operative Organisation Society (ICOS), están a visitar Galicia este xoves e venres para coñecer de primeira man o funcionamento do cooperativismo agroalimentario galego. Verán exemplos de boas prácticas no sector lácteo e cárnico, así como de experiencias cooperativas de éxito e proxectos de investigación de referencia.

A visita forma parte dun programa formativo impulsado por ICOS (Irish Co-operative Organisation Society), dirixido á mocidade do sector agrario co obxectivo de fomentar a súa implicación nas cooperativas e promover a participación xuvenil e feminina na súa gobernanza. O programa combina formación teórica en Irlanda con visitas a outros países europeos, onde se abordan cuestións como a remuda xeracional, a igualdade de xénero, a participación cooperativa e a innovación nas explotacións agrarias.

Durante o xoves, o grupo visitou o Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM), dependente da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (AGACAL), onde foron recibidos polo investigador César Resch Zafra, que explicou as principais liñas de traballo en innovación agraria, sostibilidade e mellora xenética do gando.

Visita ó LIGAL.

Visita ó LIGAL.

Tamén coñeceron a labor do Laboratorio Interprofesional Galego de Análise do Leite (LIGAL), da man do seu director-xerente Roberto Lorenzana Fernández, quen presentou o papel do laboratorio no control da calidade do leite e na trazabilidade do sector lácteo galego.

Pola tarde, a delegación desprazouse a Boimorto (A Coruña) para visitar a explotación láctea UGASMA SL, xestionada pola gandeira Laura Seoane Novo, exemplo de relevo xeracional e emprendemento feminino no rural galego.

Unha das actividades inclúe unha exposición sobre as estratexias de remuda xeracional no cooperativismo galego e español

Este venres estarán na cooperativa AIRA, en Taboada (Lugo), onde serán recibidos polo director xeral, Cándido Cancelo Cabanas, e polo responsable de servizos agro, José Enrique Otero Díaz, quen lles explicarán o modelo de integración cooperativa e os servizos que prestan ás súas persoas socias. Durante a visita, Loli Couso, responsable de Formación en AGACA, ofrecerá unha exposición sobre as estratexias de remuda xeracional no cooperativismo galego e español, un dos temas de maior interese para o grupo irlandés.

Logo irán ata a gandería Novoa SC, acompañados polo gandeiro David Novoa e o veterinario de AIRA Javier Campos, para coñecer a xestión técnica e económica dunha explotación familiar galega.

A última parada será na sede da Indicación Xeográfica Protexida Ternera Gallega, en Santiago de Compostela, onde serán recibidos polo director técnico, Antonio Xende Barbeito, e polo director-xerente de AGACA, Hixinio Mougán Bouzón, quen explicarán o sistema de control integral e trazabilidade desta carne de calidade diferenciada, así como o papel do cooperativismo no seu desenvolvemento.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información