A situación de bloqueo de prezos do leite no campo levou a Unións Agrarias a anunciar o inicio de mobilizacións. As dúas primeiras serán o xoves 11 de novembro ante as plantas de Larsa (Outeiro de Rei, Lugo) e Lactalis (Vilalba, Lugo). A organización agraria considera que estas dúas industrias son as “principais culpables” da conxelación de prezos no campo.
Unións acusa a ambas industrias de beneficiarse dun aumento de rendibilidade nas últimas semanas, ao recuperarse os prezos de venda ó público nos supermercados. Se esa recuperación non chega ó campo -razoa Unións-, “é porque as industrias se están a quedar cos cartos”.
O aumento de custos de produción está a representar un serio problema para as granxas de leite, que se ven incapaces de trasladar ese aumento de custos ó resto da cadea. As subas que experimentan as granxas afectan a practicamente tódolos insumos, desde alimentación animal a combustible, plásticos e fertilizantes, así como á enerxía eléctrica.
Dada a situación, desde as organizacións agrarias e cooperativas mantiveron nos últimos meses conversas coas cadeas de supermercados para facerlles ver a necesidade de encarecer as marcas brancas de leite, a fin de que eses cartos compensasen ás granxas polo aumento dos custos. Tal suba que se reclamaba desde o agro xa se foi formalizando nas últimas semanas na maioría de cadeas da distribución, pero a penas está a chegar ás granxas.
Só industrias que traballan con Mercadona, como Naturleite e Entrepinares, procederon a unha suba significativa (2 céntimos), en tanto Pascual subiu 1 céntimo e Leche Celta anunciou unha suba de entre 0,5 e 1 céntimo. O resto de industrias a penas fixeron movementos polo de agora, salvo cooperativas que optaron por estreitar ó máximo as súas marxes para beneficiar ós socios.
Unións lembra tamén en nota de prensa que o prezo do leite en Galicia é o máis baixo do Estado e ten unha diferenza de case 3 céntimos co de Asturias, onde a empresa propietaria de Larsa, Central Lechera Asturiana, paga prezos sensiblemente maiores ós abonados en Galicia por Larsa.