Mobilización en Lugo para esixir solucións para os viticultores da Ribeira Sacra

Publicidade

ribeira sacra slgViticultoras e viticultores da Ribeira Sacra mobilizáronse na mañá de hoxe diante das dependencias da Consellaría do Medio Rural (CMR) en Lugo, convocados polo Sindicato Labrego Galego, “en demanda de medidas realmente efectivas para que aquelas persoas produtoras ás que lles quede a uva sen recoller teñan unha compensación económica que cubra, como mínimo, os custos de produción nos que incorreron durante todo o ano”. Tamén se procedeu a rexistrar na Consellería do Medio Rural un escrito con medidas concretas a aplicar para paliar a crise de excedentes na Ribeira Sacra.

A mobilización desta mañá estaba convocada inicialmente por Unións Agrarias (UUAA) e o Sindicato Labrego Galego (SLG). A Consellaría ofreceu esta semana unha xuntanza a todas as organizacións para o vindeiro mércores 18. “UUAA descolgouse, e a Consellaría ofreceulle unha xuntanza para hoxe mesmo. A continuación no SLG recibimos un correo da CMR cancelando a reunión do mércores”, lamentan dende a organización labrega.

Neste sentido, lembran que “as mobilizacións da traballadoras e traballadores son unha ferramenta lexítima nos países democráticos, e baixo ningún aspecto poden ser “mercadas” a cambio de que a Administración pública cumpra con que é precisamente o seu deber: manter un diálogo cos axentes implicados a fin de establecer solucións”.

Dende o Sindicato Labrego inciden nas súas demandas á Consellería de Medio Rural:

Axudas directas para as persoas viticultoras que non teñen quen lles recolla a uva.
Mesa de traballo para activar máis medidas na presente campaña e para deseñar estratexias que protexan a do vindeiro ano e seguintes.

A Xunta e os sindicatos UUAA e ASAGA constitúen unha mesa de traballo para apoiar á DO Ribeira Sacra

240913_reunion_sindicatos_viño_II

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria da Consellería do Medio Rural, Martín Alemparte; acompañado polos directores xerais de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros; e o da PAC e o Control da Cadea Alimentaria, Juan José Cerviño; mantivo hoxe unha reunión con representantes dos sindicatos Unións Agrarias e Asociación Agraria Galega para abordar a situación que atravesa a Denominación de Orixe Ribeira Sacra. Nela, acordaron constituír unha mesa de traballo e de colaboración mutua para apoiar esta zona de produción vitivinícola, que se enmarca dentro do espazo de diálogo aberto con todos os axentes do sector, incluídos o Consello Regulador e as adegas.

Neste sentido, Martín Alemparte destacou que se realizarán mesas de traballo cos axentes implicados para “analizar conxuntamente a situación actual da DO Ribeira Sacra” ante a actual crise de excedentes pola caída do consumo de tintos.

Lembrou tamén as medidas que se avanzaron no Consello do pasado 2 de setembro, con axudas para a conservación da contorna paisaxística e a loita contra a erosión nos viñedos da Ribeira Sacra, dotadas con 2 millóns de euros; e as destinadas para a destilación de crise aprobada para esta DO, que contarán cun investimento de 500.000 euros de fondos propios para a xestión do excedente de viño.

Estas medidas complétanse con outras dirixidas ao sector vitivinícola no seu conxunto, como a ampliación da formación e da divulgación das axudas da PAC, en concreto o ecorrexime de cultivo leñoso en terreos con pendente, ou as achegas do Igape para que os adegueiros poidan acceder a préstamos de cara á recollida de uva.

Planificación estratéxica

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria tamén recalcou que estas mesas de traballo estudarán a planificación estratéxica que precisa a DO Ribeira Sacra “para abordar os retos de futuro ante un contexto internacional de descenso de consumo de viño tinto e de acumulación de excedentes”. Neste sentido, avogou por tomar decisións conxuntas a curto e medio prazo que permitan mitigar o impacto da uva non recollida nos viticultores.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información