Mobilización dos apicultores este martes contra as importacións fraudulentas

Produtoras de mel de España, Francia e Portugal reivindicarán o 28 de xaneiro en Madrid maiores controis sobre as importacións, a protección do sector europeo e a anulación do TLC UE-Mercosur

O martes 28 de xaneiro levarase a cabo en Madrid unha mobilización por parte das persoas produtoras de mel en España, Francia e Portugal. Baixo o lema “Apicultoras europeas contra a fraude. Os xaropes manufacturados non son mel”, o sector apícola pide medidas de control das importacións e unha maior protección do sector europeo.

O Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) organiza unha delegación para participar na mobilización convocada pola COAG fronte á sede da UE en Madrid, ás 11h. O teléfono para inscribirse é o 679 192 000.

Situación do sector

Nos últimos anos, o sector apícola denunciou o desprazamento do mel de calidade nos andeis comerciais debido aos xaropes e sucedáneos. En 2022, o SLG propuxo aproveitar a presidencia española do Consello da UE para modificar a Directiva do Mel e o Código Aduaneiro.

O seu obxectivo era garantir unha etiquetaxe clara sobre a orixe dos meles comercializados en España. Segundo Brais Álvarez, membro da Executiva Nacional do SLG, “esiximos un maior control da calidade dos meles importados, así como das posibles adulteracións e do mel envasado no mercado”.

Estas preocupacións foron confirmadas por un informe de marzo de 2023, elaborado pola OLAF, o JRC e a DG SANTE. Os controis realizados en fronteiras durante 2021 e 2022 revelaron que o 46% das mostras analizadas eran fraudulentas e que o 66% das empresas importadoras presentaron incidencias. No caso de España, as cifras aumentaron ao 51% das importacións fraudulentas e ao 85% das empresas importadoras.

Álvarez advertiu que a situación empeorará se se aproba o acordo de desregulación comercial entre a UE e o MERCOSUR. Este tratado permitirá a entrada de 45.000 toneladas de produtos sen aranceis en 5 anos.

“Este tratado, que so beneficia ás grandes producións, vai supoñer que moitas de nós teñamos que pechar, xa que van inundar o noso mercado con produtos a moi baixo prezo -por baixo do que custa producir na UE, é dicir, mediante dumping-“, finaliza Álvaro.

Apicultoras e apicultores do SLG reivindicarán o 28 de xaneiro en Madrid a anulación do TLC UE-Mercosur, maiores controis sobre as importacións de mel, a eliminación do dumping e políticas agrícolas que protexan a produción de mel, fundamental para a biodiversidade e a saúde.

Cartel de la movilización.

Cartel de la movilización.

Reivindicacións do sector.

Reivindicacións do sector.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información