Mitos e realidades sobre a lactosa

A InLac desmonta algunhas das crenzas máis recorrentes sobre a intolerancia á lactosa e recomenda evitar renunciar ós beneficios dos lácteos co consumo de productos con escasa lactosa

A interprofesional do sector lácteo, InLac, acaba de presentar unha infografía na que recolle distintos aspectos sobre a lactosa para desbotar mitos que nos últimos tempos se asentaron sobre a lactosa e o consumo tanto de leite como de produtos lácteos. Algunhas das revelacións que aporta esta publicación pretenden rachar coa falsa crenza de que a intolerancia á lactosa implica evitar todo tipo de lácteos e amosa algúns datos curiosos como a prevalencia desta intolerancia en determinadas rexións.

Que é a lactosa?

A lactosa é un azucre composto que está presente no leite de tódolos mamíferos: vaca, cabra, ovella, ser humano, etc. Tamén adoita atoparse en moitos alimentados preparados (pan, repostería, sopas, purés, etc.) e en medicamentos.

Intolerancia

A lactosa está formada por dous azucres simples, a glucosa e a galactosa, que o organismo divide para poder absorbelos. De esta división encárgase a lactasa, unha enzima que se produce no intestino delgado. Se se ten un déficit desta enzima o organismo non pode metabolizar correctamente a lactosa, polo que pasa ó intestino groso sen descompoñerse e comeza a fermentar pola acción dos microorganismos presentes, isto produce ácidos e gases.

Ante estes síntomas, os especialistas recomendan acudir a un médico para que este realice as probas oportunas para confirmar que se trata dunha intolerancia á lactosa. O autodiagnóstico da intolerancia en moitas ocasións conleva eliminar a inxesta de lácteos da dieta dun modo innecesario, o que pode producir falta de calcio, vitamina D – necesaria para a absorción do calcio-, vitamina B2 e proteínas.

Sen renunciar a tódolos lácteos

En caso de ser diagnosticada a intolerancia á lactosa, a InLac aconsella non renunciar ós beneficios dos lácteos, xa que hai alternativas que permiten o consumo de lácteos a pesar da intolerancia. Segundo a interprofesional do sector lácteo, os lácteos fermentados, como o queixo curado ou semicurado, o iogur ou outros leites fermentados, “poden ser consumidos por persoas intolerantes porque carecen de lactosa ou presentan uns niveis mínimos”, puntualizan. Ademais, a fermentación transforma a lactosa en ácido láctico, mellorando a súa dixestibilidade.

Lácteos como o queixo curado o os iogures poden ser consumidos por persoas intolerantes á lactosa porque conteñen cantidades mínimas

Por outro lado, na actualidade existen marcas que comercializan leite con lactosa hidrolizada, que son aptas para persoas intolerantes. Este tipo de produtos elabóranse engadindo lactasa ó leite normal, esta enzima rompe a lactosa e deixa compostos que poden ser dixeridos sen dificultade.

Dime de onde es e direiche se es intolerante á lactosa

A InLac tamén afondou na prevalencia da intolerancia á lactosa que presentan unhas rexións do mundo fronte a outras e concluíu que existe unha relación directa entre a orixe étnica que inflúe no desenvolvemento da intolerancia. A interprofesional láctea determina que os pobos tradicionalmente gandeiros, alimentados xeración tras xeración con leite de vaca, presentan menos casos de intolerancia á lactosa.

Orixe-etnica-lactosa-

Deste xeito, a intolerancia á lactosa, como recolle o gráfico, é frecuente entre os asiáticos, árabes e africanos. Namentres, é menos común entre os europeos e aquelas poboacións que proceden deles (norteamericanos e australianos).

Contido en lactosa dos distintos lácteos

Fronte a intolerancia á lactosa, no mercado foron xurdindo cada vez máis produtos sen lactosa, pero ademais é importante coñecer que cantidade de lactosa teñen os distintos lácteos para valorar así a súa inxesta. A continuación preséntase unha táboa que recolle o contido en lactosa de distintos produtos lácteos. Neste senso é significativo que 250 gramos de leite sen lactosa conteñan 0,02 gramos de lactosa e que a mesma cantidade  doutros produtos como o queixo camenbert  apenas teña 0,9 gramos.

contenido-en-lactosa-de-lacteos-

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información