O Clúster da Madeira e o Deseño de Galicia (CMD) leva 20 anos traballando na promoción do uso da madeira no sector da construción e a rehabilitación, ademais de divulgando as súas bondades. Sostibilidade, integración na paisaxe e economía circular son os conceptos comúns que destaca Ricardo González, xerente do Clúster da Madeira e o Deseño de Galicia dende hai máis de dez anos.
“Cada vez somos máis conscientes dos valores que aporta a madeira na construción e a rehabilitación. Non só para a sostibilidade do planeta, senón tamén porque hoxe en día, que vivimos un forte incremento dos prezos da enerxía, as propiedades que amosa a madeira tanto de illamento térmico, acústico, regulación de humidade e, incluso, de confort e biofilia, posiciónana como o material más idóneo neste camiño cara un futuro verde”, explica
As emisións de CO2 xeradas pola construción dunha casa de formigón e aceiro permitirían a construción da mesma casa en madeira e quentala durante 27 anos
Cando fala de economía circular, Ricardo fai balance co resto de materiais utilizados masivamente na construción: “A madeira retén o dióxido de carbono, require de moi pouca enerxía na súa transformación e, en definitiva, é un material que encarna á perfección a economía circular”. Campo Galego falou co xerente de Clúster da Madeira a propósito do acto de recoñecemento que lle fixeron ao Miradoiro da Cova, “un exemplo perfecto dos nosos argumentos”, explica.
O Miradoiro da Cova trátase dunha intervención moi complicada pola súa orografía, pero cunha “resolución maxistral”, explican dende o Clúster. Grazas á súa lixeireza, a madeira permitiu neste proxecto un labor de artesanía en obra con carpinteiros, que se complementou co traballo en fábrica de diferentes módulos. “Trátase dunha madeira modificada molecularmente (madeira acetilada), o que lle confire maior durabilidade, sen necesidade de empregar tratamentos químicos que danen ao medio”, engade Ricardo.
Un maior uso dos produtos de madeira estimula a expansión dos montes e a redución dos gases de efecto invernadoiro
A idea fundamental da estrutura foi que as pezas foran sinxelas, “algo moi lixeiro que saíra da paisaxe, que flotara case sobre as vides”. Deste xeito, os arquitectos de Arrokabe pretenden que a vexetación acabe copando todo o que son as mallas do exterior e sexa un todo, quedando o conxunto integrado perfectamente.
O Miradoiro da Cova naceu como unha aposta de Adegas Moure para rehabilitar un dos seus espazos adicados ás visitas. Co acto de recoñecemento a esta iniciativa, o Cluster da Madeira e o Deseño de Galicia quixo visibilizar a clara sensibilidade e o compromiso dos arquitectos coa madeira nesta obra, así como o seu coñecemento do material, “sabéndoo adaptar á perfección aos diferentes elementos”.
Ademais, a súa integración coa contorna “representa perfectamente os valores da biofilia”. Esta homenaxe que realizou o CMD únese aos numerosos recoñecementos que obtivo esta obra como o premio na Categoría Internacional dos Wood Design & Building Awards, seleccionada para a BEAU, Bienal Española de Arquitectura e Urbanismo ou selección nos Premios Fad de Cidade e Paisaxe.
Este tipo de homenaxes e actos contribúen á construción dun novo imaxinario na sociedade e divulgalos pode ser un revulsivo para darlle pulo ao sector forestal e da madeira en Galicia.
“Entendemos que un xeito efectivo de fomentar o emprego de madeira era a través do traballo conxunto entre prescritores e empresas, aportando coñecemento, novas aplicacións e solucións construtivas”, explica o xerente do Clúster da Madeira e o Deseño de Galicia.
O resultado para eles xa é palpable, “aínda que queda moito traballo por facer, cada vez hai mais prescritores que se achegan a este material, coñéceno, saben das súas fortalezas e tamén dos problemas que poden xurdir dunha mala aplicación. Esta obra é un caso de éxito do que todos nos sentimos moi orgullosos”, engade Ricardo González.
Á pregunta de se en Galicia hai unha oferta suficiente de madeira local tratada que poda aguantar en exteriores durante moitos anos, o xerente do Clúster reflexiona: “En Galicia hai empresas que levan anos traballando en proxectos de construción, rehabilitación e interiorismo, empregando madeira, entre outros materiais. Polo tanto, hai oferta de madeira suficiente para dar resposta a estes proxectos, non sempre con madeiras locais, iso si, ben polas especificacións do proxecto, ben porque non se adecúan suficientemente ó proxecto.
O reto de cambiar as expectativas da madeira na sociedade
Hai unha visión amplamente extendida no imaxinario da sociedade galega sobre as dificultades de construír con madeira en Galicia polas peculiaridades dun clima húmido e con precipitacións habituais, pero dende o Clúster da Madeira e o Deseño de Galicia cren que ese cambio chegará co tempo e con traballo: “Probablemente a xente que pensa isto faino porque recorda algunha mala experiencia derivada dun mal deseño construtivo ou do emprego dunha madeira non axeitada para esa clase de uso”, explica González.
O uso da madeira na construción permite aforrar enerxía ao longo da vida útil do edificio, xa que a súa estrutura celular proporciona un illamento térmico excelente: 15 veces mellor que o formigón, 400 veces mellor que o aceiro e 1.770 veces mellor que o aluminio
“Efectivamente, non todas as madeiras valen para todo. Unha mesma madeira pode valer para un revestimento de exteriores orientado ao norte, porén non ten porque funcionar ben en orientación sur – suroeste, sendo necesario unha maior escuadría, un tratamento protector diferente, ou mesmo, outro tipo de madeira”, engaden dende o Clúster.
“Diríalles que se deixen aconsellar polos prescritores e empresas que coñecen o material, elixindo a madeira que mellor pode funcionar nas circunstancias específicas de exposición á choiva, soleamento, etc. que teña cada proxecto”, remata.
O 15% da madeira procedente de edificios e demolicións poderíase volver utilizar como madeira de serradoiro e un 36% podería reciclarse en taboleiros e outra boa porcentaxe podería xerar enerxía limpa
Na actualidade, no sector da madeira cóntase con tecnoloxías perfectamente adaptadas que “nos permiten construír rañaceos, construcións sólidas e resistentes, con todo tipo de ensaios e homologacións, probas sísmicas… Que fan que a aposta por este material conte con todo tipo de garantías”.
Un proxecto que destaca polo seu respecto á natureza e á entidade da paisaxe
O Cluster da Madeira e o Deseño de Galicia homenaxeou o Miradoiro da Cova, no Saviñao, obra de Arrokabe Arquitectos, no Día Mundial da Construción Sustentable. Para conmemorar esta efeméride, o presidente do Cluster da Madeira e o Deseño de Galicia, José Manuel Iglesias; acompañado do alcalde do Saviñao, Juan Carlos Armesto; un dos propietarios de Adegas Moure, enclave onde se sitúa o Miradoiro, Evaristo Rodríguez; un representante do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, Rafael Castro; e os arquitectos responsables da obra, Óscar e Iván Andrés, Arrokabe Arquitectos, celebraron un acto simbólico no propio Miradoiro onde pór en valor as características sustentables da obra, así como a súa coidada e perfecta integración nunha contorna inigualable.
Madeira, a aliada para camiñar cara a un futuro sustentable
Coincidindo coa celebración do Día Mundial da Construción Sustentable, o CMD tamén quixo destacar unha serie de características da madeira que “a converten nunha gran aliada na loita contra o cambio climático”:
- Un maior uso dos produtos de madeira estimula a expansión dos montes e a redución dos gases de efecto invernadoiro.
- O uso da madeira na construción permite aforrar enerxía ao longo da vida útil do edificio, xa que a súa estrutura celular proporciona un illamento térmico excelente: 15 veces mellor que o formigón, 400 veces mellor que o aceiro e 1.770 veces mellor que o aluminio.
- Un metro cúbico usado en substitución doutros materiais reduce as emisións de CO2 en 1,1 toneladas polo que, cada m3 de madeira aforra un total de 2 toneladas de CO2.
- As emisións de CO2 xeradas pola construción dunha casa de formigón e aceiro permitirían a construción da mesma casa en madeira e quentala durante 27 anos.
- Ademais, o 15% da madeira procedente de edificios e demolicións poderíase volver utilizar como madeira de serradoiro e un 36% podería reciclarse en taboleiros e outra boa porcentaxe podería xerar enerxía limpa.