Mínima afluencia de gando en Silleda e baixadas nos prezos da recría

Mantense a caída das cotizacións dos becerros de recría na Central Agropecuaria de Galicia nunha xornada con baixa asistencia de gando. O vacún maior e os becerros carniceiros, salvo algunhas categorías, cotizan á alza. Sobe o porco cebado e mantéñense sen cambios os leitóns e o mercado do ovo

Mínima afluencia de gando en Silleda e baixadas nos prezos da recría

Animais no recinto feiral da Central Agropecuaria de Galicia. // Foto de arquivo.

A ponte festiva do 15 de agosto reduciu ó mínimo a afluencia de gando na Central Agropecuaria de Galicia – Abanca, que se celebra en Silleda (Pontevedra). Este martes, aínda festivo nun importante número de localidades galegas, contabilizáronse na Central un total de 353 animais, entre recría, tenreiros carniceiros e vacún maior; fronte ás case 1.300 cabezas de gando que asistiron a semana anterior.

A baixa afluencia de gando trouxo tamén unha nova baixada xeral dos prezos medios da recría, tanto nos tenreiros frisóns coma nos de cruzamentos industriais. Os becerros carniceiros e o vacún maior cotizan a alza, con algunhas excepcións.

As mesas de cotización do porcino acordaron subas nas distintas categorías do porco cebado e mantéñense sen variacións esta semana os leitóns. O mercado do ovo continúa estable e cos prezos da semana pasada.

Facemos un repaso detallado polas cotizacións medias das diferentes seccións e categorías do vacún para coñecer a evolución do mercado. Cómpre ter presente que esta é unha comparativa entre os prezos deste martes e as cotizacións da feira da semana pasada para coñecer as tendencias dos prezos, pero existen factores condicionantes dos mesmos, como a calidade dos exemplares, que determina o valor de cada animal.

Gando vacún

Nesta sesión, apenas se contabilizaron un total de 148 tenreiros de recría, mentres que a semana anterior asistiran case 750 exemplares. Nos becerros de raza frisoa, os máis novos, os de menos de 20 días, tiveron unha baixada de 29 euros e o prezo medio é agora de 44 euros. Nos tenreiros de entre 20 e 50 días, a sección con maior afluencia de gando; o prezo medio reduciuse en 34 euros e sitúase nos 66 euros. Nos becerros de máis de 50 días amósase unha baixada de 28 euros do valor medio con respecto da semana pasada. Así, nesta feira o prezo medio foi de 102 euros.

Nos becerros de recría de cruzamentos industriais a tendencia tamén foi á baixa. Os becerros máis novos, os de menos 20 días, cotizáronse 19 euros por debaixo da semana pasada e o prezo medio quedou nos 193 euros. Nas femias desa categoría, o prezo medio foi de 122 euros, logo dunha baixada de 32 euros. Os tenreiros de entre 20 a 50 días descontaron 68 euros e o prezo medio queda nos 216 euros. Nas femias a baixada foi de 60 euros e sitúanse nun prezo medio de 121 euros. Os tenreiros de máis de 50 días tiveron unha redución de 68 euros e cotízanse a 357 euros de media. As femias desa categoría descontaron 65 euros e o prezo medio quedou nos 264 euros.

En canto ós prezos dos becerros carniceiros apreciáronse subas en boa parte das seccións, aínda que tamén houbo excepcións, con baixadas das cotizacións nos prezos medios dos animais de Rubia Galega. Nos tenreiros frisóns o valor medio quedou nos 791 euros, o que amosa unha suba de 77 euros fronte á semana pasada. Os becerros de cruzamentos industriais cotizáronse de media a 990 euros, tras unha suba de 52 euros. As femias tiveron un incremento de 58 euros con respecto da feira anterior e o valor medio acadou os 920 euros. Nos animais de Rubia Galega, os machos están nos 1.006 euros, o que supón 123 euros por debaixo do prezo de referencia da semana anterior. Nas femias, o valor medio está nos 900 euros, é dicir 62 euros menos. Os animais comercializados baixo o selo da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Ternera Gallega Suprema tiveron un valor medio de 952 euros, o que supón 64 euros por debaixo da media da última feira.

No vacún maior a tendencia foi tamén á alza. As vacas da extra experimentaron unha suba de 77 euros e o valor medio foi de 2.140 euros. Os animais de primeira foron das excepcións e reduciron o seu valor medio en 22 euros, de xeito que pasan a situarse nos 1.130 euros. As vacas de segunda tiveron unha suba de 5 euros e o prezo medio é de 779 euros. Os animais de desfeito aumentaron en 42 euros o seu valor e acadan os 515 euros. Para os exemplares comercializados baixo a IXP Vaca e Boi de Galicia, o prezo medio foi de 1.966 euros, o que amosa unha redución de 80 euros con respecto da semana anterior.

Central Agropecuaria_ vacun 16_08_2022

Subas no porco cebado

Este martes, a mesa de cotizacións do porcino acordou incrementar os prezos do porco cebado e manter as cotizacións da semana pasada nos leitóns. O porco selecto e o normal tiveron unha suba de 0,010 euros e o prezo por quilo é de 1,725 e 1,7 euros, respectivamente. Os porcos de Canal II están a 2,208 euros logo dunha suba de 0,013. Os animais de descarte mantivéronse estables e cotízanse entre os 0,58 e os 0,64 euros o quilo.

Nos leitóns, os exemplares chegados dunha única granxa están nos 55 euros (cun prezo de 2,75 euros o quilo) e os animais procedentes de varias ganderías cotízanse a 50 euros e cun prezo por quilo de 2,5 euros.

O mercado do ovo tamén se mantén sen cambios esta semana. Os ovos da XL cotízanse a 2,45 euros a ducia. Mentres, os da L están nos 2,15 euros, os ovos da M atópanse a 1,76 euros e nos ovos da S a ducia págase a 1,53 euros. As galiñas de descarte semipesadas cotízanse entre os 0,29 e os 0,36 euros por quilo.

Central porcino 16_08_2022

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información