
Becerros distribuidos en lotes hoxe en en Silleda, que minimizou a presenza de operarios e tratantes
A Central Agropecuaria de Galicia viu reducida a menos dun terzo a afluencia de becerros de recría debido ao conflicto entre a dirección e un importante grupo de compradores que se opoñen á dixitalización obrigatoria da poxa.
Así, se nunha xornada normal polo mercado de Silleda pasan uns 800 becerros de recría este martes a afluencia foi de tan só 269 becerros, dos que se adxudicaron 195, mentres que 72 foron rexeitados por baixos prezos e 2 foron declarados fóra de poxa. Estes días previos os compradores xa avisaran de que non acudirían á poxa de Silleda, optando por comprar os xatos nas propias explotacións, e moitos gandeiros tamén decidiron non envialos despois de que o martes pasado 311 foran devoltos.
Esta tarde está producíndose unha reunión en Santiago entre representantes dos compradores e da Consellería de Presidencia da Xunta de Galicia para intentar buscar unha saída ao conflito.
No vacún maior vendéronse 333 animais, a maioría vacas de categoría extra, acadando unha media de 2.284 euros. A categoría primeira quedou en 1.178 euros e a segunda en 798 euros. Cotizacións nos tres casos lixeiramente por debaixo do pasado martes.
No que respecta ás mesas de prezos de porcino, ovos, galiñas e coellos, non sufriron variacións esta semana, agás nos leitóns, que baixan e no coello, que tamén sufre un descenso.