“A miña prioridade como presidenta do Consello Regulador da DO. Ribeiro será a busca de acordos”

Publicidade
“A miña prioridade como presidenta do Consello Regulador da DO. Ribeiro será a busca de acordos”

Concepción Iglesias Pousa nas súas viñas

Concepción Iglesias Pousa, a que até agora era vicepresidenta do Consello Regulador, foi elixida aínda non hai un mes presidenta do Consello Regulador da D.O. Ribeiro. Substitúe así a Juan M. Casares Gándara, quen dimitiu debido á súa incompatibilidade co seu recente cargo de deputado no Parlamento de Galicia.

Falamos con ela sobre como encara esta nova etapa á fronte do órgano de goberno da Denominación de Orixe máis antiga de Galicia

De onde ven a túa vinculación co mundo do viño?
Son de Beade e levo vinculada co mundo da viticultura dende nena, pois na miña casa sempre houbo viñas e eramos e somos socios da cooperativa Viña Costeira. No 2004 tomei o relevo no coidado das viñas compatibilizándoo con dúas granxas que tiña e neste momento dedícome a tempo completo ao coidado da viña e agora tamén á nova responsabilidade como presidenta do Consello Regulador da DO. Ribeiro.

Na casa teño uns 8000 metros cadrados de viñedo, repartidos en 6 fincas, nas que temos arredor dun 70% de Treixadura e no 30% restante Palomino.

Como asumes esta nova responsabilidade como presidenta da DO -a segunda muller na historia do Consello Regulador- e ademáis sendo tamén viticultora?
A viticultura é moi esixente, sobre todo en épocas do ano coma esta, e ademáis é impredecible, porque dependes completamente da climatoloxía. Evidentemente, as preocupacións como viticultora son diferentes de se fora propietaria dunha adega ou non tivera que ver co sector, pero como presidenta teño que velar polo interese xeral de todos os que formamos parte desta DO e buscar o ben común, e así o farei.

Que prioridades te marcas para este mandato?
Non vou facer nada que non estea avalado polo pleno do Consello Regulador. Como presidenta debo contar co apoio do pleno para as actividades que realice, e a ser posible por unanimidade, buscando o maior consenso posible. No pleno hai distintas sensibilidades e creo que hai que priorizar a busca de acordos en beneficio de todas as partes.

En todo caso, as liñas estratéxicas son claras e son nas que xa se viña traballando: seguir promovendo no mercado os viños do Ribeiro, seguir coa internacionalización para diversificar as nosas vendas e aumentar valor, seguir promovendo a variedade Treixadura e o territorio do Ribeiro, manter e mellorar a calidade dos nosos viños; xerar valor en toda a cadea, para que un maior prezo de venda tamén se traslade a un mellor prezo da uva e traballar todo o que podamos en fomentar o relevo xeneracional.

Precisamente o avellentamento dos viticultores e a falta de relevo é un problema estrutural do sector. Como debemos encarar este reto de incorporar xente nova?
Na DO Ribeiro temos que crear alicientes para que a xente nova siga coidando as viñas. E para iso evidentemente axuda que os prezos da uva compensen o traballo dos viticultores, pero tamén que se poda mecanizar todo o posible as labores das viñas, algo que nos afecta especialmente no Ribeiro. Eu por exemplo non teño ningunha viña na que poda entrar o tractor. Solucións? Hai que buscalas entre todos porque é un reto moi difícil e evidentemente o propietario que decide non seguir coidando das viñas está no seu dereito.

Como está a situación de prezos da uva e o mercado para os viños do Ribeiro neste momento?
O pleno do Consello Regulador, non pode acordar nin moito menos impor prezos, si facer políticas de promoción para intentar xerar máis valor. En todo caso, si que nos últimos anos houbo unha evolución positiva do prezo da Treixadura no Ribeiro e en xeral, neste momento, hai boa saída comercial para os nosos viños, aínda que todo depende da cada adega, da evolución do consumo ou do tipo de viño. Pero en xeral, os nosos viños brancos teñen unha boa saída no mercado, especialmente da Treixadura, a variedade propia do Ribeiro.

E como se presenta a colleita deste ano?
Aínda é moi cedo e ata que se vendime creo que é aventurado facer previsións. En xeral, o mildio, o noso maior problema a nivel fitosanitario, está controlado na viña, grazas ás temperaturas inusualmente baixas, e as choivas favorecen que non haxa estrés hídrico no verán.

Si que é certo que naceu moito viño e o que se escoita é que se presenta unha colleita boa. Pero con toda a precaución porque dependemos do clima totalmente e aínda queda moito ata a vendima.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información