A empresa lucense Millares Torrón é importadora das sementadoras Delimbe, unha marca francesa que ofrece unha ampla gama de sementadoras neumáticas acoplables a equipos de laboreo. Esta combinación permite un gran abaratamento das máquinas de sementeira e reduce á vez o traballo no campo, pois nunha mesma pasada faise traballo de laboreo e de reparto da semente.
Os equipos de Delimbe están a experimentar en Galicia un crecemento importante de vendas nos últimos anos. “Dun ano a outro case se está duplicando a demanda. A clave está en que son uns equipos que prestan un gran servizo e moi baratos, pois pódense adquirir desde 3.000 euros + Ive a gama básica”, explica José Ángel Millares, o xerente da firma lucense.
As sementadoras neumáticas Delimbe contan cunha ampla gama de modelos en volume e prestacións. Hai tolvas que van dos 300 ós 1.000 litros de capacidade e a turbinación da semente pode facerse con caudal eléctrico ou hidráulico. Todas elas incorporan un dosificador de semente preciso, que permite regular a cantidade de semente a botar por hectárea.
Existe tamén a posibilidade de montar máquinas con dúas tolvas, de xeito que o propio equipo encárgase de combinar as dúas sementes nas proporcións que se lle marquen, o cal é moi útil para sementeira de pradeiras mixtas, por exemplo de raigrás máis trevo.
Millares Torrón encárgase da instalación da sementadora sobre o equipo de laboreo co que se queira usar, que pode ser unha grada rotativa, unha grada rápida de discos ou fresadoras. A combinación da grada coa sementadora presenta un peso reducido en comparación cunha máquina de sementeira convencional, co cal pode ser xestionada por un tractor da mesma potencia que requira o equipo de laboreo.