O Grupo Lence, ao que pertencen as marcas Río e Leyma, lidera o proxecto Milkchain, que busca desenvolver un sistema de trazabilidade certificada na industria láctea para asegurar a orixe do leite, así como a calidade e eficiencia dos procesos industriais relacionados co procesamento do produto.
En palabras de Carmen Lence, trátase dun proxecto que pretende dar á consumidores información certificada e fiable sobre o leite que consomen, o que supón un avance importante que situará ao consumidor no centro da estratexia das marcas do grupo.
Carmen Lence destaca a necesidade de innovar en toda a cadea de valor do sector lácteo
O vicepresidente económico da Xunta de Galicia e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, visitou este mércores as instalacións do Grupo Lence no polígono do Ceao, onde coñeceu de primeira man os avances do proxecto, subvencionado a través da Axencia Galega de Innovación (Gain).
1,2 millóns de euros de orzamento
Milkchain conta cun orzamento de 1,2 millóns de euros, dos que o Goberno galego achega o 75% (case 950.000 euros) a través do programa Conecta Hubs, posto en marcha para apoiar proxectos colaborativos nas áreas de traballo dos Dixital Innovation Hubs de Galicia considerados estratéxicos, orientados ás cadeas de valor dos sectores primario e alimentación, biotecnoloxía e saúde, automoción e TIC.
10 ganderías proveedoras de Leche Río monitorarán distintos parámetros da súa actividade diaria
Na actualidade hai un total de 11 proxectos financiados a través desta convocatoria, na que participan 45 empresas, na súa maioría pemes, que mobilizan un investimento próximo aos 10 millóns de euros, aos que a Xunta, a través da Axencia Galega de Innovación (Gain), destina 6,4 millóns de euros. Trátase de proxectos de dixitalización, investigación industrial, desenvolvemento experimental ou innovación en procesos e produtos nos que traballan 226 profesionais altamente cualificados, dos que 29 son postos de traballo de nova creación.
Colaboración entre empresas
O Grupo Lence lidera este proxecto no que tamén participan outras empresas galegas, en concreto: Proymaes (O Porriño), dedicada á automatización industrial e maquinaria especial; Innogando (Abadín), do sector da innovación e a tecnoloxía para o gando; Himikode (Lugo), especializada en intelixencia artificial e analítica de datos; e PS Vet (Boqueixón), unha consultoría veterinaria especializada no control da calidade hixiénico-sanitaria do leite. A iniciativa conta tamén coa colaboración de 10 ganderías que entregan a Leche Río e a finca experimental do Campus Terra en Lugo.
No proxecto participan tamén as empresas galegas Proymaes (O Porriño), Innogando (Abadín), Himikode (Lugo) e PS Vet (Boqueixón)
O proxecto Mikchain ten un prazo de execución de 27 meses, e supón a creación ou mantemento de 27 postos de traballo (8 novas contratacións). A iniciativa desenvolverá unha plataforma na nube a través de tecnoloxías habilitadoras como big data ou intelixencia artificial que se utilizará para procesar e almacenar todos os datos que se recompilan na actividade diaria dunha granxa, por exemplo, de robots de muxido ou relacionados coa temperatura do tanque, o nivel de residuos ou o transporte. E sobre esa información é sobre a que se poderán tomar logo tanto decisións a nivel de granxa como a nivel industrial.