Mil Ríos: O Godello que sabe a Galicia

Adega Terriña é unha adega da Denominación de Orixe Valdeorras, pertencente ao Grupo ViniGalicia e que conta no mercado co Mil Ríos Godello e o Mil Ríos Mencía. Falamos co seu xerente, Juan Luís Méndez Rojo, que nos adianta algúns proxectos deste importante grupo adegueiro galego

Publicidade
Mil Ríos: O Godello que sabe a Galicia

No centro, Juan Luís Méndez Rojo, xerente de ViniGalicia

Adega Terriña é un símbolo da revolución que está a experimentar o sector vitivinícola na Denominación de Orixe Valdeorras, con importantes grupos de capital galego ou foráneo que invisten nesta DO pola crecente demanda que está a ter o viño Godello no mercado.

Neste caso, o Grupo ViniGalicia, unha familia adegueira familiar con orixe en Chantada, adquiriu esta adega no ano 2011, xunto con 25 hectáreas de viñedo das variedades Godello e Mencía. Falamos con Juan Luís Méndez Rojo, xerente de ViniGalicia, que nos revela os segredos dos seus viños e as novidades que prevén sacar ao mercado proximamente.

O grupo ViniGalicia é un dos máis importantes de capital autóctono, con presenza neste momento nas 5 denominacións de orixe galegas. No ano 2011 adquiristes a adega Terriña, na DO Valdeorras. ¿Que vos atraeu desta Denominación de Orixe?
Nós, sobre todo co Proxecto Méndez Rojo, o que queremos é medrar a nivel nacional, ser unha referencia de viños galegos en España elaborando nas cinco denominacións de orixe galegas. Queremos que cando un distribuidor, un restaurante, pense en viños galegos, nunha marca de calidade, en definitiva, nunha familia adegueira, pense en nós. Queremos desenvolver o Proxecto Méndez-Rojo nese sentido.

Obviamente, queriamos empezar antes cun Godello, porque entendiamos que era máis fácil neste momento facer marca cun Godello que cun Rías Baixas ou cun Ribeiro, que realmente levan moito máis tempo e xa hai un bo número de marcas moi ben situadas no mercado. Sen embargo, aínda que de Valdeorras tamén as hai, non en tanta cantidade como nas outras D.O´s .

“En ViniGalicia apostamos pola DO Valdeorras porque buscabamos un branco de calidade como é o Godello”

Neste sentido, apostamos máis pola zona de branco Godello xustamente por iso, porque nos dá un viño de calidade e permitíanos apoiarnos para crear marca nestes tempos, que non é nada fácil porque realmente hai unha competencia enorme no mundo do viño.

Como foi a posta en marcha de Adega Terriña?
Ben, nós levamos desde 1940 no mundo do viño e a nosa primeira actuación dentro dunha Denominación de Orixe foi en Ribeira Sacra, onde a raíña das variedades é a Mencía.

Cando nos propuxemos dar o seguinte paso, tiñamos claro que queriamos asociar o noso tinto a un branco de gama tamén alta. Hai anos que buscabamos algo nesa zona e tivemos a sorte de poder comprar unha das adegas máis antigas da Denominación de Orixe Valdeorras. Cambiámoslle o nome por Terriña e aínda estamos a acabar de restaurala. ¿O motivo? Xustamente ese, acompañar a Vía Romana cun Godello de calidade, como é o Mil Ríos.

O de Mil Ríos era un nome que nos gustaba e é que en todo o que facemos sempre buscamos unha raíz galega, buscamos transmitir a nosa forma de ver Galicia polo mundo adiante. Somos un grupo moi exportador, estamos en 24 países, e Terriña é xustamente para mostrar en España quen somos: somos Galicia, esta é a nosa acolledora terriña, e é unha forma, -xunto co País do Mil Ríos, que é o nome do viño e é como chamaba Cunqueiro a Galicia-, de reivindicar o noso e dedicar á nosa terra o que facemos.

Como son os viñedos nos que ten a súa orixe o Godello Mil Ríos?
Terriña, aínda que aínda a estamos restaurando, é unha das adegas máis antigas do D.O. Valdeorras. A adega, situada na localidade de Petín, está formada por 25 hectáreas de viñedo, onde se elaboran viños amparados polo D.O. Valdeorras.

Nos últimos anos realizouse na zona un gran esforzo para recuperar as variedades autóctonas, especialmente a Godello e a Mencía, e elaborar viños de personalidade única. As idades dos viñedos van desde os 5 aos 40 anos.

O mercado do Mil Ríos, tanto do Godello, do Mencía como do Mencía Barrica, por agora é nacional pero aos poucos iremos avanzando en exportación.

Que aspectos diferencian aos viños de Adega Terriña dentro da DO Valdeorras?
Penso que a característica fundamental son as nosas uvas, xa que os viñedos atópanse na zona máis occidental da Denominación, con altitudes de 290 a 750 metros e solos de moi diferente orixe e composición, o que imprime o maior carácter diferencial aos nosos viños. Por outra banda, pomos en práctica distintos tipos de elaboracións (maceracións de uvas e mostos, crianzas,…), adaptadas ás características de cada uva e ano, cos que, finalmente, os viños de Terriña resultan diferentes.

mil_rios_valdeorras_2

Fálase moito da incidencia do cambio climático na viticultura. ¿En ViniGalicia contades con viñedos repartidos por todo o sur de Galicia. Tamén o estades notando?
Se o cambio climático non vai a máis, para Galicia é fantástico. Sen ser enólogo, que son economista, si considero que nos veu mellor. Por exemplo, no caso de Ribeira Sacra, que é o D.O. na que máis tempo levamos coa nosa adega Vía Romana, recordo que cando empezamos as vendimas faciámolas a principios de setembro porque sobre o 20 empezaba a chover e nese momento a madurez era a xusta, pero era a choiva a que nos obrigaba a vendimar nese momento.

“Se o cambio climático é que haxa máis sol até mediados de outubro, para os viños galegos é moi bo”

Sen embargo, no últimos cinco anos, salvo por algunha excepción, non tivemos problema en esperar a finais de setembro ou principios de outubro, coa madurez apropiada. Se isto queda onde está, sen problemas de xeadas ou saraibas, se o cambio climático é que haxa máis sol até mediados de outubro, para nós é moi bo.

Ademais, creo que iso se notou nos viños e Galicia experimentou unha revolución que se ve claramente no seu posicionamento a nivel internacional, na gama media-alta, e é porque estamos a ofrecer viños que hai máis de dez anos aquí non se podían facer.

 “Imos sacar ao mercado un viño rosado en Vía Romana, un mencía barrica en Terriña e o noso primeiro albariño en Rías Baixas”

Sodes unha das adegas que máis inviste en I+D. ¿En que proxectos estades a traballar?
Seguimos comprando viñedos nas Denominacións de Orixe de Galicia e sempre estamos coa necesidade de seguir creando e medrando. Por exemplo, sacaremos proximamente un rosado en Vía Romana, os nosos viños de garda e en Terriña un Mencía Barrica, un doce e o noso primeiro albariño D.O. Rías Baixas que se chama Mar del Norte.

Que fortalezas e debilidades detectades na DO Valdeorras?
A gran fortaleza do D.O. é que foi escollida para viños brancos de alta calidade que se están pondo de moda e fai que a viticultura sexa moito mais rendible. Se temos control de custos e prezos pode ter un futuro brillante no segmento medio-alto

Adega Terriña, que está a restaurar o grupo ViniGalicia

Adega Terriña, que está a restaurar o grupo ViniGalicia

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información