Microalgas e fungos: opcións para reducir o uso de antibióticos en granxas avícolas

O grupo operativo Micoalga-feed traballa en solucións alternativas ao uso de tratamentos para mellorar a saúde e benestar de pitos e galiñas poñedeiras e reducir a resistencia a antibióticos. As microalgas e os fungos preséntanse como unha opción para logralo e traballan para incluílos como ingredientes en pensos

Microalgas e fungos: opcións para reducir o uso de antibióticos en granxas avícolas

O proxecto Micoalgas-feed busca reducir o uso de antibióticos en granxas de polos de engorde e galiñas poñedeiras.

As microalgas e os fungos poden converterse nun novo ingrediente da alimentación nas granxas avícolas dados os beneficios que achegarían á saúde dos animais. Esta é a proposta sobre a que traballa o grupo operativo e supra autonómico Micoalga-feed, que este xoves presentou, nun seminario en liña, os primeiros resultados do seu traballo.

“Aínda que en gandería só se utilizan antibióticos para tratar animais enfermos e baixo a prescrición veterinaria, o interese por ter animais saudables e criados dunha forma sostible, así como as perdas económicas que supón este gasto e o risco de que se xere resistencia a antibióticos motiva que se estean investigando novas alternativas ao uso de tratamentos”, indican desde a Fundación Empresa Universidade Galega (Feuga) un dos socios do proxecto.

Avaliarán a capacidade antimicrobiana, antiinflamatoria e inmunomoduladora destes alimentos para incluílos nos pensos

Así, o proxecto de innovación Micoalga-feed busca reducir o uso de antibióticos a través dunha alimentación natural baseada no uso de fungos e algas, que reforcen a inmunidade local e a flora intestinal das aves. Ademais de desenvolver pensos a base destes ingredientes, o grupo traballa en avaliar a capacidade antimicrobiana, antiinflamatoria e inmunomoduladora destes alimentos. Na súa fase final, o estudo tamén comprobará nas granxas a resposta dos animais ante estes novos compostos con algas e fungos.

Por que empregar fungos e microalgas?

O grupo apostou pola microalgas e os fungos para conseguir unha redución do uso de antibióticos na gandería polos beneficios que proporcionan. Así, os fungos permiten incrementar a capacidade antioxidante e reducen a resposta inflamatoria en animais. Ademais, melloran o rendemento de produción, grazas á presenza de compostos bioactivos na súa composición como polisacáridos, triterpenos, polifenoles, ergosterol ou adenosina.

Pola súa banda, as microalgas desempeñan funciones bioquímicas e fisiolóxicas beneficiosas como a promoción do crecemento e funcións antioxidantes, antiiinflamatorias, antivirais e antimicrobianas. En concreto, no caso das microalgas ademais de ser unha fonte inesgotable de nutrientes como acedos, aminoácedos e proteínas tamén son unha fonte orixinaria de acedos graxos poliinsaturados Omega-3, que tamén son esenciais en todas as etapas da vida.

Traballan con sete variedades de fungos e dúas de microalgas

Á marxe da achega nutricional, as microalgas teñen outras vantaxes que as converte nunha opción competitiva e a ter en conta para a alimentación animal, tal e como sinalan desde Neoalgae, socio do proxecto especializado na produción de microalgas. Trátase dun cultivo que non precisa de terreos agrícolas e que polo tanto non compite coa nutrición humana. Ademais, crecen en case todo tipo de augas e teñen unha elevada produtividade. “O seu rápido ciclo de crecemento e cultivado diario garanten a máxima calidade”, explica David Suárez, biólogo da firma Neoalgae.

Outra das vantaxes das microalgas é a súa capacidade para capturar CO2 e transformalo en osíxeno. “Aproximadamente o 70% do CO2 que se capta da atmosfera faise a través do citoplasma, que é como se chama a todos estes organismos fotosintéticos e microscópicos entre os que se inclúen as microalgas”, detalla Suárez.

Primeiros resultados

Aínda que o proxecto se atopa aínda nas súas fases iniciais, xa puideron obter os primeiros resultados que confirman o potencial das microalgas e os fungos para a alimentación de aves. Na empresa Neoalgae conseguiron xa cultivar todas as especies seleccionadas nun volume piloto, a modo de proba.

Así, obtiveron biomasa seca das especies Arthrospira platensis e de Chlorella vulgaris. Ademais tamén traballaron xa con Hematococcus pluvialis, da que buscan aproveitar o subproducto da extracción polas achegas nutricionais que pode proporcionar. Nas próximas fases buscarán conseguir estes resultados tamén a nivel industrial para poder estender o uso das microalgas.

microalgas

Tanques para a obtención de microalgas na empresa asturiana Neoalgae.

En canto ao uso de fungos, na fase do proxecto centrado na consulta bibliográfica desde Hifas Vet, un dos socios do proxecto, xa localizaron traballos previos que mostran os beneficios que ten incluír os fungos na alimentación tanto de pitos de engorde como en galiñas poñedeiras. No caso dos pitos, inxerir fungos favorece o seu crecemento, ademais de ter un efecto probiótico na microbiota intestinal. Ofrece ademais un alto valor nutricional cunha achega de vitaminas do grupo B e fibra prebiótica, así como un efecto antiviral e antioxidante.

O consumo de fungos en galiñas poñedeiras tamén fomenta o crecemento e unha maior produción de ovos. Ademais, mellora a calidade do ovo, cun maior espesor da albúmina e un menor contido en colesterol na xema. Teñen ademais un efecto antibacteriano fronte a bacterias como a Salmonella spp. Ao mesmo tempo os fungos proporcionan un alto valor nutricional, en especial de vitaminas do grupo B e a fibra prebiótica, ó igual que nos pitos.

No marco do proxecto, Hifas Vet xa obtiveron os núcleos a base de fungos que participarán no estudo e nas seguintes fases testarán a súa resposta fronte a patóxenos como E. coli e ampylobacter. “Polo momento, todas as mostras de fungos mostreados demostraron capacidade inmunomoduladora. Os fungos incrementan a expresión de citoquinas proinflamatorias ata 50-100 veces no plano basal e diminúenos no inflamatorio”, concreta Paloma López, veterinaria de Hifas Vet, involucrada no desenvolvemento do proxecto.

Fabricarán un penso a base de microalgas, outro con fungos e outro combinando ambos ingredientes

Unha vez desenvolvidos compostos a base de algas e fungos estudarán os seus beneficios nas granxas. Teñen previsto realizar un penso a base de microalgas, outro a base de fungos e outro combinando ambos. Ademais, de cada un dos dous tipos de pensos pretenden preparar 3 variedades. “ Uvesa encargarase de deseñar e validar os produtos desenvolvidos tantos con microalgas como con fungos por parte de Hifas Vet e Neoalgae en granxas para valorar o efecto desde un punto de vista epidemiolóxico, sanitario e produtivo”, apunta a veterinaria Elena Molinero, da firma Uvesa.

A fase final do proxecto inclúe o estudo dos efectos na granxa, para poder cuantificar os beneficios que proporciona o consumo destes ingredientes nos pensos para a saúde dos animais.

Membros do proxecto e financiamento

O grupo operativo Micoalga-feed está integrado por un equipo multidisciplinar e de carácter supra autonómico integrado por 12 entidades. Ademais das 4 entidades solicitantes (Feuga, Hifas Vet, Neoalgae e Uvesa), tamén participan no proxecto o Instituto de Investigación e Tecnoloxía Agroalimentaria de Cataluña (Irta) e o Instituto Tecnolóxico da Alimentación (AINIA) , situado en Valencia, así como as Universidades de Vigo e Oviedo.

O proxecto conta coa colaboración de distintas entidades do sector como a Asociación Española de Ciencia Avícola (Aeca), a Fundación Española para o Desenvolvemento da Nutrición Animal (Fedna), a Confederación Española de Fabricantes de Pensos Compostos para Animais de Compañía (Cesfac) e a Asociación Interprofesional Española de Carne Avícola (Avianza). Deste xeito, no proxecto participan entidades de Galicia, Asturias, Navarra, Cataluña e Valencia.

O proxecto ten un orzamento de 524.847,66 euros, dos que 505.519,66 euros son subvencionados por fondos europeos Feader (80%) e polo Ministerio de Agricultura (20%).

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información