Métodos de loita contra a Tuta Absoluta, a avelaíña do tomate

A Tuta provocou o pasado ano perdas de até o 70% no cultivo de tomate dalgúns produtores de Galicia. Resumo da xornada técnica impartida polo Sindicato Labrego Galego.

Publicidade
Métodos de loita contra a Tuta Absoluta, a avelaíña do tomate

Tomate afectado por Tuta Absouta. Autor: Estación Fitopatolóxica do Areeiro

A avelaíña do tomate, ou Tuta absoluta, é unha praga orixinaria de Sudamérica, e que no estado apareceu por primeira vez no Levante español no ano 2007, e na Galiza comezou a chegar no verán do 2009, sobre todo afectando dun xeito máis agresivo nas zonas de costa. A Tuta é unha avelaíña duns 7mm de lonxitude. A actividade dos adultos é ou nas primeiras horas do día, ou nas últimas, posto que permanecen ocultas durante todo o día.

As perdas provocadas por este insecto en 2014 ascenderon entre algúns produtores a entre o 50 e o 70% da colleita, facendo imposible a súa venda. Ante esta situación, a Dirección de Horta, Froita e Flor do Sindicato Labrego Galego realizou o pasado 27 de abril unha xornada técnica sobre métodos de loita contra a Tuta absoluta, cuxas conclusións expoñemos a continuación.

O ciclo biolóxico da Tuta absoluta:

Esta especie ten unha alta taxa de reprodución. A femia pode chegar a por máis de 240 ovos, cunha fertilidade próxima ao 100%, tendo entre 10/12 xeneracións ao ano, cunha lonxevidade de entre 24 e 27 días.

Os ovos, teñen un aspecto ovalado cun tamaño medio de 0.3mm, e unha cor branca cremosa e incluso amarelenta, e solen depositarse de forma individual e non en grupo.

A larva é a que produce o dano no cultivo, e pódese atopar en follas, tallos e froitos, cun tamaño que oscila entre os 0.9mm a 7.5 mm no seu último estadio. A larva é de cor verde ao principio, pero vai escurecéndose ata adoptar a cor marrón escura.

Danos e cultivos afectados:

Os danos provocados polas larvas prodúcense en follas, flores e froitos, e aínda que o cultivo máis sensible é o tomate, pero tamén pode afectar á berenxena, pataca, cogombro doce e pemento.

Medidas culturais e de manexo do tomate para loitar contra a Tuta:

– Eliminar as partes da planta danadas pola Tuta (follas, froitos afectados…)
– Eliminar os restos de colleitas de forma que non continúe o ciclo de larvas e
crisálidas.
– Deixar que pasen polo menos 4 semanas entre dous cultivos sensibles á Tuta.
– Establecer rotacións de cultivo entre cultivos sensibles e non sensibles á Tuta.

Prevención e control:

– Trampas de auga: entre 20-40 trampas/ha. A estas pódeselles engadir aceite
e/ou feronomas.
– Trampas tipo delta con feronomas.
– Bacillus thuringiensis (Bt). Este é un inimigo natural da Tuta, e axudaría a
controlar os vermes.
– Depredadores, como o Macrolophus ou o Nesidiocoris, que son inimigos
naturais da Tuta, como pode ser o Bt e depredarían os ovos (ata 100 ao día)
– Xofre (administrar a primeira ou última hora do día), este tratamento de
control é moi importante porque atrasa a posta de ovos.

Tratamentos para as plantas afectadas definitivamente coa Tuta:

– Extracto de allo + extracto de Karanja ( ambos repelentes naturais), e podemos repetir a aplicación cada 10-14 días.

– Xofre+ Bt (Bacillus thuringiensis), podemos utilizar esta materia activa nos primeiros estadios da larva, e repetir cada 7 días.

En última instancia, cando a poboación de Tuta sexa elevada e o risco de danos sexa importante, así como cando se xere resistencia, podemos aplicar a seguintes materias activas:

– Spinosad, aplicándoo 1-2 semanas antes da solta de insectos auxiliares, non
podendo utilizar máis de 2-3 tratamentos por período vexetativo, espazados en 7-14 días.
– Aceite de Neem puro, aplicar na fase larvaria da Tuta.

Pedrición a partir de ataque de Tuta. Autor: Estación Fitopatolóxica do Areeiro

Pudrición a partir de ataque de Tuta. Autor: Estación Fitopatolóxica do Areeiro

Todas estas materias activas ou tratamentos están permitidas en Agricultura Ecolóxica.

Por último, na xuntanza decidiuse tamén que o SLG vai informar á Consellería de Medio Rural e do Mar da situación que está afectando ás labregas e labregos galegos no cultivo do tomate, “para que fagan un maior control nos viveiros de planta, posto que moitas plantas xa veñen con Tuta”, así como axuda para compra de produtos de loita biolóxica, para poder erradicala.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información