Produción de electricidade Km0 a partir do metano contido no purín xerado polo gando. Esa é a filosofía de Métha-Ferchaud, unha planta de biogás colectiva, propiedade de tres granxas, dúas leiteiras e unha de porcos, ubicada na localidade de Martigné-Ferchaud, na Bretaña francesa.
“Asociarme a ese proxecto colectivo era unha maneira de diversificar a miña actividade agrícola. Na miña granxa xa tiñamos paneis fotovoltaicos e queriamos continuar producindo enerxías verdes”, explica Guénaël Hamelin, titular dunha explotación de leite en Retiers, GAEC Ker Laezh, formada por 150 vacas en produción e 170 hectáreas de terreo.
En Francia hai 500 granxas que fan aproveitamento enerxético do metano e a meirande parte delas atópanse na rexión da Bretaña
En Francia hai 500 granxas que fan aproveitamento do metano xerado polas dexeccións do seu gando. Están integradas na Asociación de Agricultores Metanizadores de Francia. A meirande parte das plantas atópanse na rexión da Bretaña e son instalacións de pequeno tamaño.
Un proxecto colectivo que empezou a funcionar no 2016
Tres explotacións gandeiras próximas puxeron en funcionamento no ano 2016 esta planta de metano para tratar os seus puríns e estercos. Hoxe subministran electricidade a 1.000 fogares e aproveitan o calor para secar a alfalfa que producen nas súas terras.
Guénaël destaca precisamente o feito de que Métha-Ferchaud sexa un proxecto colectivo e autoxestionado por varias granxas. “Emprender entre varios é algo importante para min, porque permite intercambiar e dinamizar o noso día a día. Traballar nun proxecto colectivo é algo moi enriquecedor”, asegura.
O asociacionismo agrario está moito máis desenvolvido na Bretaña que en Galicia
Ademáis da gandería leiteira de Guénaël, tamén é socio da planta de biogás Stéphane Boudet, que ten unha explotación porcina en Fercé. A súa granxa, EARL du Jahan, está formada por 230 nais reprodutoras e 86 hectáreas de cultivos, adicados maioritariamente a cereais cos que alimentar os porcos.
Participan tamén no proxecto Frédéric Brizard e Stéphane Choquet, socios nunha granxa de vacas en Martigné-Ferchaud, EARL de la Voie Lactée, con 150 vacas en produción e 240 hectáreas de superficie agraria.
Reducir os desprazamentos necesarios
A planta de biogás ubícase nun lugar intermedio entre as tres granxas para así facilitar o transporte do purín e reducir os desprazamentos. Contan cun traballador a tempo completo no biodixestor e outro a media xornada, encargado do transporte do xurro desde as explotacións e de levar de volta o material dixestado, que aproveitan como materia orgánica fertilizante para as terras de cultivo.
A ubicación do biodixestor, nun lugar intermedio ás tres granxas, facilita o transporte do xurro
As tres explotacións contan con dúas fosas de purín, unha de menor tamaño para o xurro fresco que produce o gando e outra con maior capacidade que é na que almacenan o produto dixestado que é devolto ás ganderías.
Un metro cúbico do material dixestado equivale a 5 unidades de nitróxeno
“Un dos nosos obxectivos era tamén valorizar agronomicamente os puríns para o seu mellor aproveitamento á hora de aportalos ao chan”, explica Guénaël. “Hai que tratar os nitratos. Non o digo para ir contra a agricultura de España nin para xerar alarmas, senón por convencemento e para chamar a atención sobre un problema real”, remarca.
Problemas de contaminación por nitratos
“En Bretaña nos anos 90 tiñamos serios problemas de contaminación do chan debido á carga gandeira, porque os solos aquí son moi areosos, de orixe granítico, e polo tanto moi permeables, o que favorece a contaminación das augas subterráneas”, recoñece.
100.000 hectáreas de superficie agrícola e 1.500 produtores víronse afectados en Francia pola declaración de zonas vulnerables a raíz da aplicación da Directiva de Nitratos europea
A presión social, cunha poboación cada vez máis concienciada pola ecoloxía, levou á aprobación de normas restritivas por parte das autoridades, en virtude da Directiva europea de Nitratos, que en Francia afectou a 1.500 produtores e 100.000 hectáreas de superficie agraria declaradas zonas vulnerables.
“Había realmente un problema e unha preocupación social por todo iso, pero hoxe ese problema de contaminación diminuíu e está controlado”, asegura Guénaël. Aínda así, o nivel de nitratos nos solos e acuíferos é avaliado de maneira permanente por parte de técnicos da administración.
Os plans de abonado e os cadernos de explotación xa son obrigatorios en Francia e o purín non se pode botar nos meses de verán nin nas fins de semana
“Os gandeiros temos que facer unha declaración anual de cantas vacas temos e, polo tanto, cantas unidades de nitróxeno producimos. A iso engádese o abono químico que mercamos e o resultado desa suma divídese entre a superficie que tes. Se non cumpres coas ratios establecidas, a Administración vén a inspeccionarte. Van parcela por parcela realizando analíticas”, conta.
O dobre de vacas leiteiras ca Galicia e tres veces máis superficie agraria
Bretaña conta con 2 millóns de cabezas de gando bovino, das que 740.000 (o 37%) son vacas leiteiras, que producen 5,3 millóns de toneladas anuais de leite (o 40% da produción francesa). A rexión produce ademais carne de vacún (150 toneladas anuais), 8,6 millóns de polos (o 33% da produción francesa) e 13,7 millóns de porcos (o 54% da carne de porco francesa).
Un de cada tres polos e un de cada 2 porcos franceses prodúcese en Bretaña
Con esta carga gandeira, e malia dispoñer de tres veces máis superficie agraria que Galicia (1,6 millóns de hectáreas de SAU), a Bretaña leva anos sufrindo problemas de contaminación por nitratos, o que levou á aprobación de normativas medioambientais estritas que limitan a aplicación de xurros.
O límite máximo na Bretaña son 70 unidades de nitróxeno de orixe orgánico por hectárea
O límite máximo permitido á hora de fertilizar solos agrícolas son 220 unidades de nitróxeno por hectárea, das que 70 poden proceder de orixes orgánicas. Á hora de realizar a aplicación, están prohibidos os sistemas de prato ou abanico, ao igual que pasará en España a partir de 2024.
Producen 500kw/h
“É moi importante explicar á sociedade civil que os agricultores non só non contaminamos senón que coidamos do medio ambiente e contribuímos á economía circular con proxectos coma este. Nesta planta recibimos moitísimas visitas. As escolas veñen todos os anos, e tamén persoas particulares. Cando a puxemos en marcha, en só dous días de portas abertas visitaron a instalación 1.200 persoas. Esa parte de comunicación é moi importante”, di Guénaël.
Subministran electricidade a 1.000 fogares e 2.500 habitantes da contorna
Un panel explicativo na sala onde reciben as visitas trata de explicar o funcionamento do complexo baixo un esquema de economía circular. “O purín que producen os nosos animais contén metano, que extraemos no biodixestor, que produce gas, que vai a dous motores que producen enerxía eléctrica para a sociedade civil e calor que empregamos para un secadeiro de alfalfa coa que despois alimentamos o gando que produce o xurro. Pero a planta de metano non fai ecoloxía, somos nós, os gandeiros os que facemos ecoloxía a través da planta de metano”, remarca.
A enerxía producida é vertida á rede, a través da compañía estatal francesa EDF, que llela paga a 23 céntimos o Kw/h
No 2016 a planta de Métha-Ferchaud comezou a funcionar cun motor de 200 KW/h e no 2022 engadiron un segundo motor, cunha capacidade de produción de enerxía eléctrica total actual de 500Kw/h, o que permite subministrar de electricidade a 1.000 fogares e uns 2.500 habitantes. A enerxía é vertida á rede, a través da compañía estatal francesa EDF, que llela paga a 23 céntimos o Kw/h.
Aproveitamento da calor xerada para secar alfalfa e outros produtos
Ademais de valorizar o xurro producido polas tres explotacións gandeiras para xerar electricidade, coa calor producida no proceso secan a alfalfa que tamén producen as súas granxas para lograr ser autónomos en insumos proteicos.
Os restos do dixestor van aos campos de cultivo, nos que producen cereais e alfalfa para alimentar o gando
Ata o ano 2015 a normativa francesa obrigaba a aproveitar o calor xerado polos dixestores, o mesmo que o xerado nas ganderías no proceso de enfriamento do leite, por exemplo. Por iso inicialmente os impulsores de Métha-Ferchaud pretendían vender o calor producido tralo proceso de fermentación anaeróbica do xurro á industria local e ás comunidades de veciños da localidade máis próxima, Martigné-Ferchaud, en forma de auga quente a través dunha rede comunitaria, pero na actualidade aprovéitano na propia instalación para o secado de forraxes (alfalfa e raigrás) e outros materiais como cereais (grans de millo ou trigo) ou madeira (péllets e estelas).
O secadeiro supón unha fonte de ingresos a maiores
Contan para iso cun secadeiro de grandes dimensións, dentro das instalacións da propia planta de biogás. O calor xerado é conducido por unhas tubaxes e sae través duns buratos que hai no chan do secadeiro, onde son descargados os distintos materiais a secar. O secadeiro é empregado tanto polas ganderías socias da planta, como por outras empresas e é unha fonte de ingresos máis.
Financiamento público
O investimento total realizado para a posta en marcha de Métha-Ferchaud foi de 1,6 millóns de euros. O 83% foi para a construción da planta de biogás e o 17% para a zona de almacenaxe de residuos e produtos empregados e o resto de instalacións.
En Francia apóstase por pequenas instalacións locais; a Xunta por megaproxectos
Os 6 socios aportaron o 4% do capital necesario, uns 15.000€ cada un. O 30% procedeu de subvencións tanto rexionais como departamentais e o 65% restante financiouse mediante un crédito bancario.
As cifras contrastan coas que manexa a Xunta para o seu proxecto de construír en Galicia 5 plantas de biodixestión e 19 de transferencia de xurros, cun custo estimado total de 600 millóns de euros.
Cultivos intermedios con vocación enerxética
Un grupo de 4 amigos que se coñecían de organizar un festival de música folk bretona na localidade de Martigné-Ferchaud (Festival Les Mines d’Or), dous deles gandeiros, decidiron montar este proxecto para tratar os xurros da súas explotacións e producir electricidade a partir del. Métha-Ferchaud é hoxe unha planta de produción de metano modélica desde o punto de vista económico, social e medioambiental.
A idea xorde no ano 2010 pero non bota a andar ata o 2016
Este proxecto colectivo de tres granxas xorde con varias motivacións e obxectivos: produción de enerxía renovable, valorización dos xurros gandeiros e mellora no aproveitamento do nitróxeno orgánico como fertilizante, diversificación dos ingresos das explotacións e contribuír a mellorar a imaxe da agricultura e os agricultores.
Non só de purín vive o dixestor
O 60% dos aportes ao dixestor son xurros e estercos procedentes das tres explotacións gandeiras e o 40% restante cereais, cultivos enerxéticos, lodos de depuradora e restos da industria alimentaria. Os cidadáns tamén poden levar os restos de poda ou outro tipo de material vexetal.
O 60% do que entra ao dixestor é xurro e o 40% restante, restos de cultivos, lodos de depuradora, cereais e subprodutos da industria alimentaria
“O máis importante para un bo funcionamento do dixestor é ter sempre xurro fresco”, explica Guénaël. Dous días á semana transportan o purín das granxas para a planta de metano, que consome cada día 25 metros cúbicos. A mestura que fan leva un 80% xurro de vaca e un 20% de porco.
Ademáis da fosa de estocaxe de puríns, nas instalacións da planta dispoñen doutras zonas de almacenaxe para o resto de produtos empregados na mestura: 5 metros cúbicos día de lactosuero e 20 toneladas diarias de centeo, restos de palla ou millo en gran. “O dixestor é como o intestino dunha vaca e un especialista fainos unha ración equilibrada para el”, compara.
Rotación de cultivos para alimentar a fermentación
Nunhas 15 hectáreas de superficie Guénaël fai cultivo de centeo para alimentar o dixestor, dentro dunha rotación bianual con trigo e millo. “Recollo o trigo a 31 de xullo e abono con 125 unidades de nitróxeno procedentes do dixestor. O 15 de setembro meto o centeo, que recollo o 20 de abril, aporto 30 metros cúbicos do dixestor (150 unidades de nitróxeno) e a continuación labro o millo. Facemos unha produción agrícola moi intensiva”, recoñece.
Facemos unha produción agrícola moi intensiva
As outras dúas explotacións socias, EARL du Jahan e EARL de la Voie Lactée, tamén sementan cultivos enerxéticos para aportar ao dixestor, como millo en grao, das que consomen entre 30 e 40 hectáreas ao ano. “É a gran pega que os ecoloxistas lle poñen á planta, xa que non entenden que se cultive millo para producir enerxía”, afirma.
Maior capacidade fertilizante ca o purín
O dixestor é un pozo en forma de tubo de 6 metros de profundidade onde se mesturan os aportes sólidos e líquidos, que fermentan alcanzando os 42 graos de temperatura. O biometano xerado sae por unha tubaxe colocada na parte superior e a parte liquida, qué é máis pesada, queda abaixo. A continuación o gas é arrefriado e vai a dous motores, de 200 e 300 kw de potencia, que son os que transforman o biogás en electricidade.
Empregando o material dixestado como abono estamos a aforrar cartos, porque o seu poder fertilizante é maior e evitamos utilizar abonos químicos
As tres explotacións fan o abonando das súas terras co material dixestado, con maior poder fertilizante que o purín a partir do cal se produce. “Por exemplo, se collemos o purín de vacas leiteiras ten 2,5 unidades de nitróxeno mentres que un metro cúbico de dixestato contén 5,5 unidades de nitróxeno. É un abono máis concentrado e máis asimilable polas plantas que o xurro en estado puro. Ao aportar esas unidades de nitróxeno extra sobre os cultivos de trigo e millo economizo, porque antes utilizaba fertilizantes químicos que agora non preciso co dixestato. Nese aspecto, estou a aforrar cartos”, asegura Guénaël.