A meteoroloxía dos próximos días dictará sentencia sobre as perdas na campaña de millo

O verme soldado, a seca e as altas temperaturas do verán provocarán unha das peores colleitas de millo en Galicia nos últimos anos. Incluso se a meteoroloxía mellorase nos vindeiros días, o cultivo xa non recuperará o perdido. Pulsamos a situación en diferentes zonas produtoras de Galicia, onde a Mariña lucense é a única excepción a unha campaña complicada

Millo_Seca Lalín_campaña 2022

A campaña de millo atópase nunha situación crítica na maior parte de Galicia. A seca e a praga do verme soldado deixarán unha das peores colleitas dos últimos anos. A día de hoxe, só queda por ver se nos próximos dez días se producen chuvias que poidan axudar ó desenvolvemento da espiga. As previsións meteorolóxicas son pouco optimistas, se ben poderían producirse chuvieiras este fin de semana na maior parte de Galicia. De non ser así, espérase que o ensilado das parcelas en peores condicións se adiante a mediados de agosto.

Analizamos a situación nas distintas comarcas leiteiras de Galicia.

“Houbo moitos días de vento norte e de seca. As leiras que non teñen humidade e algo de fondo teñen o millo moi mermado e apenas medrou. O resultado da colleita vai ser malo.” Así valora a situación Adrián Cundíns, gandeiro e enxeñeiro agrícola do concello de Zas.

“O millo está pouco hidratado e apenas fixo espiga. E, o que a fixo, está moi seco pola parte de abaixo por causa do estrés hídrico. Só aguantou o que está nas ribeiras e aproveita a capa freática dos ríos. Como aquí hai moitas cauces, a colleita vai ser moi desigual e haberá que analizala parcela a parcela”, explica.

Como mínimo, a campaña vai ser moi desigual e haberá que analizala parcela a parcela. Pero a situación é mala a día de hoxe (Adrián Cundíns, gandeiro e enxeñeiro agrícola)

Jorge Meiriño, responsable de cultivos de Aira na comarca de Chantada e concellos lindeiros,  destaca que da meteoroloxía dos vindeiros dez días dependerá que a campaña sexa mala, regular ou boa.

En moitas zonas produtoras, o millo ten un tamaño moi reducido para esta época do ano

En moitas zonas produtoras, o millo ten un tamaño moi reducido para esta época do ano

“Coa calor e a seca, as fincas de menos calidade teñen o millo en mal estado e, nas máis aptas, a planta xa leva tempo sufrindo. Non desbotamos que en menos de dúas semanas se comece a ensilar nas zonas onde antes se plantou e onde o millo non chegou a espigar”.

Meiriño insiste en que o millo de ciclo curto non é nin mellor nin peor que o longo. Pero valora que, este ano a meteoroloxía favoreceu as parcelas que se sementaron máis tarde e por iso están en mellor estado. En parte tamén porque son as situadas en zonas máis húmidas.

Se o tempo non mellora, haberá que comezar a recoller o millo nas zonas máis afectadas en cousa de quince días (Jorge Meiriño, cooperativa Aira)

Cundíns tampouco desbota que a recollida se faga primeiro nas fincas máis secas e se demore unhas semanas nas que manteñen algo de humidade. E nun contexto de baixada dos cauces fluviais en ríos como o Mandeo e o Anllóns. “A día de hoxe temos algunhas espigas agromando pero o gran non está formado, e iso é o máis importante no millo.”

Héctor González, técnico agronómico de Cobideza subliña que, por mal que estea o millo, hai que recollelo. “Aínda que haxa que gastar uns 350 euros por hectárea na recollida e xa gastaras arredor de 1.250 na sementeira e tratamentos, polo menos recupérase parte do gasto e cóntase con algo de forraxe, que é mellor ca nada. E o millo sempre aporta moita fibra, imprescindible na rumia”.

Salvo auténtica catástrofe, sempre hai que recoller o millo que medre para recuperar algo do investimento (Héctor González, Cobideza)

Un aspecto que destacan todos os técnicos é que o millo que padeceu a seca na fase de crecemento xa non se vai recuperar aínda que chova no que queda de agosto. Porque as plantas quedaron pequenas e o rendemento por hectárea vaise resentir notablemente.

O ensilado podería producirse xa a mediados deste mes nas comarcas máis afectadas pola seca para non perder toda a colleita

O ensilado podería iniciarse xa a mediados deste mes nas comarcas máis afectadas pola seca para non perder toda a colleita

Unha baixada de temperaturas e a chegada das chuvias podería salvar unha porcentaxe das plantas que floreceron. Porque as plantas utilizan os seus recursos hídricos para manterse vivas e non teñen excedentes para destinar ao crecemento das mazorcas.

As chuvias chegaron sobre todo en forma de treboadas, que é como menos se aproveitan. E mesmo houbo pedrizo para empeorar a situación

Outro problema é que a pouca chuvia do último mes e medio chegou en forma de treboadas, que é como menos aproveita o millo a auga. Ademais, sinalan os técnicos, estiveron moi concentradas, de xeito que nalgún lugar caeron 20 litros por metro cadrado e a só 10 quilómetros non caeu nada. E as treboadas que foron en forma de pedrizo aínda danaron máis as colleitas.

Cundíns sinala que, en condicións normais, as altas temperaturas non serían un problema se chovera de xeito sostido. Pero na súa zona o vento do norte combinado con temperaturas extremas crea un efecto de secador que fai inútil a auga de chuvia.

Verme soldado

O verme soldado tamén contribuíu a que se agoire unha mala campaña. Especialmente nas leiras que se sementaron tarde. Adrián Cundíns explica que en zonas como Mesía ou Mazaricos houbo parcelas arrasadas polo insecto en cousa de só dous días porque os gandeiros non tiveron tempo de reaccionar.

Meiriño apunta a que todos os anos hai algo de ataques do verme soldado pero desta vez foi máis forte do habitual. “Sobre todo nos primeiros estadíos, cando o millo botou as cinco ou seis primeiras follas, había unha enorme cantidade de verme.”

O verme soldado afectou no sentido de que obrigou a re-sementar e o millo novo padeceu o peor da seca e a calor

En Aira colaboraron coa Xunta de Galicia na colocación de trampas para o control e seguemento da praga. “Puidemos ver que, sen empregar excesivos tratamentos ou mesmo sen aplicar ningún, o verme acabou marchando case completamente. Probablemente pola acción das treboadas”.

Fase inicial do verme soldado no millo

Fases de evolución do verme soldado no millo

Dado que esas parcelas afectadas polo verme sodado xa se sementaran máis tarde do habitual e houbo que volvelas re-sementar, o millo apenas chegou a medrar e ten aspecto de pradería e non de cereal.

Perdas e alternativas

Na parte económica, hai un incremento de custes. Porque, ao que se investiu en sementar unha colleita que queda por debaixo das expectativas, hai que engadirlle os traballos de recollida e a máis que posible compra de forraxes fóra das explotacións. Sen esquecer que esas forraxes van ser máis caras pola caída da produción en España tamén por causa da seca.

Os técnicos consultados coinciden en que, ata o de agora, o millo era un cultivo insubstituíble para a produción de leite polo clima habitual en Galicia e polas condicións dos solos. E porque en pouco espazo produce moitos quilos dunha forraxe de alta calidade. Por iso, con campañas como a actual, o dilema está en buscar unha alternativa, crear sistemas de rega ou buscar variedades máis adaptadas ás novas condicións.

Sempre se pensa en buscar sistemas para a rega do millo aínda que é un proceso moi longo e custoso na maioría de zonas leiteiras

E é que cada vez que se produce unha seca que afecta ao millo, fálase de establecer estruturas para rega. Algo moito máis complexo do que semella. “Primeiro que ten que aplicarse en fincas de gran tamaño, se non, non é rendible. Segundo, que a obtención de permisos para establecer captacións e sistemas de rega é algo moi complexo. E, terceiro, que as propias instalacións son tremendamente custosas.”, explica Héctor González.

Desenvolver sistemas de rega do millo semella a solución de cara a vindeiras secas e vagas de calor

Desenvolver sistemas de rega do millo semella a solución de cara a vindeiras secas e vagas de calor

En Cobideza xa teñen á venda bolos de millo ensilado dispoñibles para os socios e para os gandeiros que vaian precisar o cereal nos vindeiros meses. É unha solución, cos lóxicos custos, se se confirma a escaseza que xa se prevé.

Outro problema a ter en conta esta campaña é que o millo en mal estado -explican dende Cobideza- acaba tendo máis danos do xabaril que o que está san e grande. “Porque sempre hai algo de carozo e o animal avanza metros e metros na súa busca, de xeito que derrama cada vez máis terreo sementado.”

A excepción da Mariña

Na Mariña agardan unha colleita mellor do que se prevía hai un mes. José Ramón Loza, responsable de cultivos e maquinaria de CLUN. na Mariña e norte da Terra Chá, sinala que pode haber algunha merma nas zonas onde primeiro se sementou por causa da floración tardía.

“Esas plantas non medraron o suficiente, e poden quedar algo pequenas. Pero, cun nivel moderado de precipitacións poden espigar perfectamente e teriamos unha colleita algo máis cativa en canto a cantidade pero óptima no parámetro de calidade nesa zona, que é a máis costeira”, dixo.

Para as colleitas de ciclo curto que se sementaron máis tarde, Loza aclara que non están a notar grandes diferencias con respecto a anos normais. “Quizá baixe algo a produción por causa da seca, pero non de xeito significativo.”

Agardamos unha colleita semellante á de anos anteriores en calidade e só algo inferior en cantidade (José Ramón Loza, CLUN)

Nesta parte de Galicia, entre os terreos dos socios e as parcelas arrendadas, CLUN sementou arredor de 1.400 hectáreas de millo. E, a estas alturas do cultivo, apenas se detectaron ataques do xabaril agás en parcelas illadas. Eso si, haberá que agardar a que a espiga estea conformada para determinar a intensidade dos ataques.

Na Mariña agárdase unha colleita moi semellante á dos últimos anos

Na Mariña agárdase unha colleita moi semellante á dos últimos anos

Sobre a posibilidade de que a boa colleita da Mariña produza excedentes para outras zonas leiteiras, Loza descártao. Tampouco ve posible aumentar a superficie de cultivo en próximos anos.

“Toda a produción que temos é necesaria para a cooperativa e para os gandeiros asociados. E apenas hai máis terra dispoñible da que xa se está a sementar. O que non está a rotación herba/millo está a pradería para gando extensivo. Non é que non queiramos producir máis e vender, é que non é posible.”

Pódese reequilibrar o mercado do leite a finais do 2026 e permitir subas de prezo?

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información