
Juan Valladares, durante a presentación da súa tese na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría de Lugo
A tese doutoral Caracterización de novas especies de leguminosas anuais en rotacións con millo forraxeiro aproveitadas mediante ensilado para as explotacións de leite de Galicia, da autoría de Juan Valladares Alonso, tecnólogo do CIAM, presentada recentemente na Escola Politécnica Superior de Enxeñería de Lugo, cuantifica os beneficios do uso de trevos mesturados con raigrás como cultivo de inverno nas granxas galegas: 30% máis de proteína nas forraxes propias, co conseguinte aforro de penso, e aforro dun 45% de fertilizante nitroxenado.
O tribunal avaliador, formado por Roberto Lorenzana como presidente, Belén Díaz como secretaria e Sonia Pereira como vogal, outorgou unha cualificación de sobresaínte cum laude á tese presentada, destacando “o rigor científico de todos os traballos e ensaios realizados para a súa elaboración desde o ano 2009 ao 2015” e asegurando que se trata dun traballo “de grande relevancia para o sector leiteiro galego que dá solución a algúns dos problemas e desafíos que presenta a habitual rotación millo-pradeira”.
“Sabemos que o raigrás a dous cortes é custoso e é difícil de ensilar ás veces pola elevada pluviometría á saída do inverno. Téndese, polo tanto, a realizar un só corte a finais de abril, con tempo suficiente para sementar o millo en maio, pero nesas condicións a proteína bruta adoita ser inferior ao 10%, arredor dos 6-8%”, detalla Juan.
O raigrás só a un corte presenta baixa dixestibilidade e unha proteína bruta inferior ao 10%
O raigrás a un só corte presenta ademais unha baixa dixestibilidade e ás veces sofre tamén encamado, que provoca unha redución do seu rendemento, polo que moitas explotacións están a buscar novos cultivos forraxeiros anuais de inverno ricos en proteína que concentren a súa produción cara a finais de abril ou principios de maio, aproveitados como ensilado nun único corte.
“O obxectivo xeral desta tese foi desenvolver modelos forraxeiros para a produción de leite en Galicia de reducido impacto ambiental e de baixos custos de alimentación. A inclusión de leguminosas anuais presenta un elevado valor proteico, ten capacidade de para fixar o nitróxeno atmosférico, grazas á simbiose con bacterias (Rizobium), e permite a redución da emisión de gases de efecto invernadoiro”, destaca o seu autor.
Fomento das leguminosas grazas á PAC
Nas últimas décadas produciuse unha intensificación do sistema de produción de leite galego, onde máis do 50% da superficie agraria útil das explotacións está dedicada a unha rotación de cultivos forraxeiros (os máis habituais son raigrás italiano cultivado a un ou dous cortes como cultivo de inverno e millo forraxeiro como cultivo de verán) conservados mediante ensilado. “Case o 80% do leite producido en Galicia procede das dietas destas ensilaxes”, destacou Juan.
O 80% do leite producido en Galicia procede de racións a base de silo de millo e silo de herba
Pero existen unha serie de factores que abren novas perspectivas para o desenvolvemento de sistemas que integren o uso das leguminosas forraxeiras para a produción de leite, tales como a redución do consumo de enerxía fósil, a diminución das emisións de gases de efecto invernadoiro, a busca dunha autosuficiencia das fontes proteicas a nivel europeo e a emerxencia dunha demanda actual da cidadanía, máis preocupada polo consumo de dietas saudables e polo benestar animal.
“Temos unha vantaxe neste momento para a introdución de leguminosas, porque a PAC actual prima a implantación de mesturas de leguminosas, sempre que nesa combinación de sementes as de leguminosa sexan máis do 50%, tanto para cumprir coa condicionalidade coma no cobro dos ecorreximes, e iso estanos axudando moito a promocionar as leguminosas”, recoñece.
“O millo en Galicia é intocable”
As leguminosas estudadas (serradela rosa, trevo encarnado, trevo migueliano, trevo persa de folla pequena, trevo persa de folla grande, trevo vesiculoso e trevo alexandrino) son orixinarias da zona mediterránea e outras incluso da zona atlántica europea, pero foron desenvolvidas e melloradas nas antípodas, na zona de Australia e Nova Zelandia, e reintroducidas na península ibérica á finais do século pasado.
Pero o seu aproveitamento forraxeiro por parte das explotacións leiteiras conta con dous condicionantes clave que foron analizados na tese: a súa compatibilidade para a rotación co millo e a súa capacidade de ensilado.
O millo é o cultivo estrela, o elemento principal no sistema de produción de leite en Galicia e seguirao sendo no futuro
“Eu partiría da base de que o principal cultivo en Galicia é o millo, e nese sentido é intocable. O millo é o cultivo estrela, o elemento principal no sistema de produción de leite en Galicia e seguirao sendo no futuro. A mellora xenética que se leva facendo no millo fai que haxa variedades que soporten mellor o estrés hídrico, polo que seguirá sendo no futuro o rei das dietas para vacas de leite en Galicia. O millo seguiría dándonos quilos de materia seca por hectárea, pero calquera cultivo que o acompañe e aporte proteína mellorará a autosuficiencia das explotacións e a súa rendibilidade”, xustifica.
Que leguminosa escoller?
Un dos obxectivos plantexados á hora de facer esta tese foi axudar ás explotacións a decidir que variedades de leguminosas se poden utilizar no sistema de produción de leite en Galicia en función da zona. Por iso, ensaiáronse en diferentes localizacións, primeiro soas nos campos de ensaio do CIAM en Mabegondo, no concello de Abegondo, (clima atlántico con invernos temperados e chuviosos e veráns moderadamente cálidos e secos, lixeira acidez do solo con pH 5,8 e contidos altos en fósforo, de 50 ppm, e potasio, de 358 ppm) e na Veiga, na Pobra do Brollón (clima continental con marcado carácter mediterráneo con invernos fríos e chuviosos e veráns cálidos e moi secos, baixa acidez do solo con pH 6,2% e contido alto en fósforo, de 46 ppm, e medio de potasio, de 220 ppm) e posteriormente mesturadas con raigrás en explotacións comerciais colaboradoras distribuídas polas principais zonas produtoras galegas.
Estudáronse 6 trevos máis a serradela rosa (Ornithopus Sativus Brot.), que non se adaptou ben ás zonas de interior e foi substituída posteriormente polo trevo alexandrino. Tendo en conta as características de cada especie, hai algunhas leguminosas anuais que destacan nas condicións edafoclimáticas galegas:
- O trevo encarnado é de porte erguido e tendencia tardía e aguanta unha ampla gama de climatoloxía e de solos
- O trevo migueliano é de maior implantación ao principio.
- O trevo persa de folla pequena sería intermedio, pois non é tan agresivo coma o migueliano
“Os tres teñen un problema, que é que rebrotan mal se imos ao segundo corte, polo que nese caso sería máis interesante o trevo persa resupinatum de folla grande”, indica Juan. Con todo, advirte de que o trevo persa de folla ancha é demasiado tardío e pouco competitivo nas mesturas, porque se ve asfixiado e non é capaz de expresar o seu potencial.
O trevo persa de folla grande conta cunha alta dixestibilidade e contido en proteína e ten capacidade de rebrote, pero non se expresa ben nas mesturas
Outras especies de leguminosas non serven para toda Galicia. O trevo vesiculoso, por exemplo, é demasiado tardío e as variedades comerciais que hai a día de hoxe non encaixan ben en zonas de costa. Pola contra, a serradela rosa ten certos problemas de adaptación en zonas do interior, porque non soporta o frío. “É de pH alto, polo que na costa daríase ben, pero no interior e con frío hai que descartala”, indica Juan.
A serradela non se desenvolveu ben nas zonas de interior e foi substituída
En canto ás mesturas de leguminosas con raigrás que xa comercializan as distintas marcas de sementes, “teñen que seguir sendo avaliadas”, di, tanto as que hai na actualidade como as que sigan aparecendo no futuro.
“Seguir coñecendo e mellorando as variedades permitiranos ir afinando a mestura, que é simbiótica, porque nós estudamos 6 especies, pero hai máis, como o trevo escuadroso ou o trevo subterráneo, aínda que este está máis pensado para o pastoreo”, indica.
As mesturas que se comercializan de raigrás con leguminosas teñen que seguir sendo avaliadas
“Un elemento clave é coñecer as variedades dentro de cada especie, porque as diferentes variedades de especies de leguminosas non están ben caracterizadas dende o punto de vista da precocidade e as casas comerciais teñen que afinar un pouco máis á hora de caracterizalas como precoces, medias ou tardías”, di.

O recadro vermello indica a ventá de aproveitamento para poder botar o millo despois: segunda quincena de abril na zona costeira e primeira quincena de maio no interior

Ensilando a mediados de abril a materia seca ronda o 10% na costa e o 12% ensilando a principios de maio no interior


Soas ou con raigrás?
Os ensaios realizados recomendan as mesturas de raigrás con varias leguminosas, por ofrecer maior garantía que a mestura binaria de raigrás cunha única leguminosa. “As mesturas de varias especies xeran maior resiliencia do sistema”, considera o autor da tese.
“Recomendaría ás explotacións irse a unha mestura biodiversa de leguminosas anuais con raigrás, porque o aporte do raigrás aumenta a materia seca e facilita o ensilado. Unha leguminosa por si soa ten baixa materia seca e baixos carbohidrados solubles en auga (azucres), polo que pensando en ensilar logramos esa simbiose co raigrás”, destaca.

Prodúcese un incremento do 13% no rendemento de proteína bruta por hectárea ao engadir as leguminosas mesturadas co raigrás e outro 13% eliminando o raigrás e botando só unha mestura de leguminosas

A dixestibilidade destaca na mestura do raigrás con leguminosas, por enriba do 74%

As mesturas múltiples de leguminosas presentan unha proteína bruta do 16,7%, o dobre que o monocultivo de raigrás
Ademais, a inclusión do raigrás ten outras vantaxes a nivel da protección do solo. “Nas mesturas múltiples de leguminosas soas, sen raigrás, temos problemas de implantación, polo tanto, un maior risco de lavado do terreo, coa conseguinte perda de solo e nutrientes, e tamén maior risco de aparición de malas herbas. Nas mesturas soas de leguminosas viamos que á hora de ensilar sempre había un 20% de adventicias. A rápida implantación do raigrás permite fixar o solo no inverno e competir coas malas herbas”, salienta Juan.
Nas mesturas de leguminosas soas o terreo pode quedar desnudo no inverno nalgunhas partes, o que provoca o lavado e a aparición de malas herbas
Por iso, recomenda mesturar as leguminosas ou ben cun raigrás bianual ou cun raigrás híbrido, porque a implantación e crecemento das leguminosas nos inicios é moi plano. Os ensaios levados a cabo en granxas colaboradoras (unha media de 12 explotacións por ano durante 5 anos nas principais zonas productoras de Galicia) demostraron as vantaxes do raigrás híbrido na mestura coas leguminosas a respecto do raigrás italiano.
“Nos dous primeiros anos comparouse raigrás italiano só e mesturado con leguminosas, pero o raigrás italiano era demasiado agresivo na súa implantación e non deixaba expresar ás leguminosas o seu potencial. Por iso nos dous seguintes anos substituíuse o raigrás italiano por un raigrás híbrido, logrando niveis de leguminosa do 50%. No quinto ano mirouse a diferenza entre usar trevos precoces e trevos tardíos, resultando diferenzas pouco significativas”, indica.
Boa preparación do terreo e rulado

As leguminosas precisan, no momento da súa sementeira, unha preparación do terreo adecuada, máis coidadosa e traballada que no caso das pradeiras monofitas de raigrás. Polo tanto, tralo millo, requíre un fresado máis a conciencia para desfacer as cañotas e un mellor acondicionamento da terra, facéndose imprescindible un pase de rulo posterior. “O rulado é importante e ten que ser no momento adecuado, non cando a leguminosa xa emerxeu, porque se a machacamos non ten capacidade de rebrote”, advirte Juan.
A lentitude na implantación e o escaso medre inicial das leguminosas cando as temperaturas son baixas aumenta a desconfianza de moitos gandeiros, recoñece o tecnólogo do CIAM. “Hai que ter fe nas leguminosas, porque ao inicio semella que non vai saír nada dalí. Hai que agardar o tempo suficiente para ver os resultados. Despois, a leguminosa é agradecida, porque non hai que facerlle nada no inverno e cando soben as temperaturas é capaz de expresar todo o seu potencial acadando rendementos de 5-6 toneladas de materia seca por hectárea, que son moi interesantes nunha explotación de leite”, salienta.
O rulado é interesante porque pon en contacto a semente coa terra, as máquinas sofren menos á hora de colleitar e evítase que a terra chegue ao silo
Outro dos factores determinantes para poder aproveitar todos os beneficios que aportan as leguminosas e a presenza de bacterias gramnegativas no solo coas que asociarse á hora de realizar a fixación do nitróxeno no chan. “Se non temos o rizobium para traballar en simbiose hai que botalo. Polo menos as sementes teñen que vir inoculadas con rizobium e a poder ser teñen que vir peletizadas, porque de nada serve que esa semente fose inoculada en marzo para sementala en outubro; o rizobium son bacterias vivas que morren”, explica.
Cando e canto abonar?
A fertilización para o establecemento da pradeira debe incluir 100 kg de anhídrido fosfórico (P2O5) e 150 de óxido de potasio (K2O) e un encalado previo de 1,5 t/ha de óxido de calcio (OCa). O aporte de nitróxeno de fondo é recomendable para favorecer a implantación da leguminosa, pero nunca en máis de 50 kg de fertiliante por hectárea, xa que prexudica a simbiose co rizobium.
Por iso, se antes da sementeira da pradeira tivemos unha sobrefertilización do millo e ese nitróxeno está no solo, non se debería fertilizar no outono, “porque se despois fertilizamos con xurro no momento da sementeira das leguminosas, podemos pasarnos deses 50 kg de nitróxeno e prexudicar o crecemento da propia planta”, asegura Juan.
“A partir de 8-10 grados de temperatura do solo é cando o rizobium se activa e captura nitróxeno ambiental e fai que a leguminosa medre. Se nos pasamos no sobreabonado inicial imos ver que a leguminosa, no momento do crecemento, está amarela e non aproveita o efecto de captura de nitróxeno do rizobium, polo que teriamos que abonar nós con nitróxeno, así que nese caso estariamos convertendo unha leguminosa nunha planta forraxeira que non captura nitróxeno e á que llo temos que aportar”, indica.
Incrementouse un 6% o rendemento do millo cando o cultivo precedente era unha mestura de leguminosas
O millo vese beneficiado polo aporte extra de nitróxeno ao solo por parte do cultivo precedente de leguminosas no inverno. “Ao millo canto máis nitróxeno lle aportamos, máis medra, pero chega un momento no que xa non é rendible abonar máis, pero coas leguminosas ese abonado extra prodúcese a custo cero”, destaca.
O efecto positivo no cultivo de verán foi representativo nos ensaios levados a cabo, xa que fertilizando todo o ano con só 120 kg de nitróxeno por hectárea, unicamente os que se aplicaron ao millo, fronte aos 220 kg que levaría esa mesma hectárea na rotación con raigrás só (120 kg no millo e 100 kg no raigrás), os resultados foron mellores cando o cultivo de inverno precedente incluíu unha mestura de raigrás con leguminosas, cunha ganancia dun 6% nas toneladas de materia seca por hectárea obtidas e dun 16% nos kg de proteína bruta por hectárea.
As leguminosas ensilan mal?

Recoméndase un presecado rápido para non perder carbohidratos e subir a materia seca por enriba do 25%
Un mito extendido é que as leguminosas son difíciles de ensilar, polo que unha das premisas a comprobar na tese foi determinar a aptitude dos trevos para a ensilaxe. “A primeira mensaxe que habería que trasladar ao sector é que as leguminosas pódense ensilar ben tendo en conta algunhas recomendacións básicas, como son subir a materia seca por enriba do 25-30% pero tendo coidado de non perder carbohidratos, por iso o presecado ten que ser rápido, para non perder azucre”, indica o tecnólogo do CIAM.
Aconséllase empregar unha segadora-acondicionadora, para reducir deste xeito o tempo de presecado
“O primeiro ano fomos conservadores no presecado para subir a meteria seca, índonos a 48 horas, pero fixo bo tempo e a materia seca disparóusenos por enriba do 40%, polo que tivemos que botar ácidos lácticos. No segundo ano decidimos baixar o presecado a 24 horas porque vimos que as leguminosas presecan facilmente, a súa estrutura celular é semellante a unha esponxa e perde auga de maneira doada en condicións de ambiente favorable”, conta.
A ensilaxe de mesturas de raigrás e leguminosa debería levarse a cabo sempre coincidindo coa floración das leguminosas, con preferencia polo inicio desta fase, a non ser que agardar este momento supoña que a dixestibilidade se vexa comprometida. “Temos que ser capaces de lograr o maior crecemento posible pero sen irnos a sobremaduracións, porque a partir de que a planta comeza a madurar perde dixestibilidade e o efecto do tallo é maior”, di.
Meter inoculantes é positivo, pero antes temos que ter materia seca alta e azúcares, senón de nada nos valen
Outra recomendación que Juan fai para mellorar a calidade dos ensilados con leguminosas é realizar a sega das pradeiras cara a última hora do día. “Cortes pola tarde-noite sempre van ser mellores que cortes a primeira hora da mañá, porque as leguminosas sempre van ter máis carbohidratos, xa que a planta pola noite, cando desaparece a luz solar, consume parte dos azucres que sintetizou polo día grazas á fotosíntese”, explica.
Tamén recomenda o uso de aditivos inoculantes a base de bacterias lácticas para reducir a degradación da proteína e mellorar a calidade fermentativa da ensilaxe resultante, pero advirte: “antes temos que ter materia seca alta e contidos tamén elevados de carbohidratos solubles en auga, do contrario o efecto positivo do inoculante é pouco apreciable”.
A dixestibilidade e o contido proteico cae máis despacio nas leguminosas que no raigrás, polo que espera mellor a que veña o bo tempo para ensilar
Finalmente, o autor da tese considera que, tendo en conta as condicións climatolóxicas galegas, corren un menor risco as explotacións que apostan por un único corte de raigrás con leguminosas anuais no canto de dous cortes de raigrás só. “Cando vas a 2 cortes de raigrás só logras proteínas do 12%, similar a unha leguminosa, pero tes que facer dous cortes e abonar, mentres que se te vas a unha mestura de leguminosas fas un só corte e eres capaz de asegurar unha boa calidade do ensilado, porque a dixestibilidade e contido proteico das leguminosas cae máis despacio que no raigrás, polo que espera mellor a que veña o bo tempo para ensilar a respecto do raigrás só”, conclúe Juan Valladares.
PRINCIPAIS DATOS E CONCLUSIÓNS:

Público asistente á presentación da tese na Escola Politécnica de Lugo
Os ensaios en pequena parcela evidenciaron a boa produtividade e apreciable valor nutricional do cultivo invernal de leguminosas anuais sementadas en mestura con raigrás ou ben soas.
As leguminosas anuais adáptanse a un aproveitamento nun único corte para ensilar a finais de abril ou comezos de maio, compatible coas labores de preparación do terreo e sementeira do millo.
Os trevos migueliano e persa resupinatum para aproveitamentos máis precoces e o trevo encarnado nos máis tardíos serían as especies de leguminosas anuais máis interesantes para rotar co millo como cultivo de verán nas explotacións leiteiras galegas.
Recoméndase a asociación das leguminosas con raigrás italiano ou híbrido co fin de asegurar a implantación do cultivo e mellorar a ensilabilidade da mestura, que doutro xeito podería estar comprometida pola alta humidade das leguminosas no momento do corte.
O que presenta unha proteína máis alta é o trevo persa de folla ancha e o que menos o trevo migueliano
Os raigrases poden presentar valores moi baixos de proteína, polo que é esencial asegurar unha proporción adecuada de leguminosas na mestura, que como mínimo debería ser do 50% da materia seca total. A este respecto, a menor agresividade do raigrás híbrido faino preferible ao raigrás italiano cando a colleita se realiza a finais de abril ou comezos de maio.
Os resultados obtidos en explotacións colaboradoras distribuídas polas principais zonas produtoras de leite de Galicia mostran que as mesturas múltiples de leguminosas con raigrás híbrido son as máis equilibradas e produtivas, sendo a opción preferida polos agricultores.
Nestas condicións, son de esperar rendementos do cultivo invernal comparables aos do cultivo monofito de raigrás italiano, próximos a 5 toneladas de MS/ha, cun contido de proteína superior ao 12%.
Beneficios do uso de leguminosas
A inclusión de leguminosas anuais como cultivo de inverno mellora o rendemento total de proteína bruta por hectárea da rotación con millo nun 30% sen penalizar a produtividade de materia seca e de enerxía neta leite, comparadas coa rotación habitual raigrás italiano anual-millo. Pódense esperar, para o conxunto da rotación, producións de entre 18 e 20 t MS/ha, achegando o cultivo de inverno aproximadamente 1/3 do total e o de millo os 2/3 restantes.
As cantidades de fertilizante nitroxenado nas rotacións con mesturas de leguminosas anuais foron de 120 kg N/ha e ano, aplicadas ao cultivo do millo. Non se descarta a utilización de fertilizante nitroxenado na sementeira das mesturas, para favorecer o establecemento das leguminosas, en cantidade de 30-50 kg N/ha.
O monocultivo de raigrás italiano require ser fertilizado con 100 unidades de nitróxeno por hectárea, que se aforran coa introdución de trevos
Os resultados obtidos con ensilaxes realizadas en gran parcela mostran que é posible obter unha fermentación aceptable das mesturas de leguminosas soas ou con raigrás cando se realiza un presecado lixeiro, de 24 horas con bo tempo, suficiente para alcanzar un nivel de materia seca do 27-30%. A adición dun inoculante a base de bacterias lácticas homofermentativas asegura a boa conservación das ensilaxes.
Os ensaios de alimentación realizados con vacas leiteiras evidencian a potencialidade das racións forraxeiras en base a ensilaxes de herba e de millo para producir leite con uso reducido de concentrados, na contorna dos 200 g de concentrado/litro.
O uso de leguminosas serve para baixar o contido de materia proteica do concentrado nun 30%
A substitución de ensilaxes de raigrás por ensilaxes de leguminosas anuais permite reducir a proteína do concentrado e en consecuencia abaratar o custo da ración, sen que a inxestión voluntaria nin a produción de leite se vexan afectadas.
O perfil graxo do leite é mellorado, desde o punto de vista da saúde humana pola substitución de ensilaxes de raigrás polas de leguminosas anuais e tamén co corte directo fronte ao presecado.
O consumo de ensilaxes de leguminosas anuais mostrou un efecto positivo na redución da intensidade de emisión de metano entérico, evidenciando o seu papel na granxa como unha das medidas de mitigación das emisión de gases de efecto invernadoiro.
Condicionantes do cultivo
Fronte ás vantaxes que leva aparellada a inclusión de leguminosas nos cultivos de inverno, débense ter en conta tamén unha serie de condicionantes:
- Requiren a presenza de cepas especificas de Rizobium (recomendándose a súa inoculación e incluso a súa peletización).
- A delicada implantación das leguminosas esixe unha preparación do terreo moi coidadosa, que ás veces é dificultada polas choivas.
- A súa pouca agresividade no establecemento pode requirir do uso de herbicidas.
- En aproveitamentos precoces os rendementos poden ser baixos, polo que é necesario esperar a finais de abril-comezos de maio para obter un rendemento adecuado.
Galego









Control OJD