En pleno confinamento polo andazo de covid-19, coa hostalaría e os mercados de abasto pechados, un grupo de gandeiros produtores de Ternera Gallega Suprema da provincia de Lugo crearon un grupo de whatsapp e unha páxina de facebook para denunciar a situación que estaban a vivir de prezos baixos e dificultades para dar saída aos animais.
Aquilo foi o xerme da asociación Gandeiros Galegos da Suprema, hoxe xa constituída legalmente e que reúne a máis de 400 gandeiros de toda Galicia. Comparten unha forma de producir tradicional e venden unha carne cunha calidade que non se reflicte no prezo que cobran por ela.
Dous anos despois daquel confinamento que provocou un recoñecemento social pasaxeiro para agricultores e gandeiros, as autoridades afánanse en transmitir que o final da pandemia está próximo, pero a situación dos produtores de carne non mellorou.
O perfil de moitos dos membros da asociación é o dun mozo que se incorporou nos últimos anos e que ten na gandería a súa actividade profesional
Máis ben o contrario, porque os prezos seguen baixos e os custos de produción multiplicáronse desde entón. Nesta situación, desde Gandeiros Galegos da Suprema esixen medidas inmediatas, como por exemplo unha liña de axudas de urxencia que salven ao sector, e outras de máis longo percorrido, que incidan na fixación dun prezo xusto en orixe.
Do leite á carne
Nun alto no seu traballo diario, Santi recibe a Campo Galego na explotación de vacún de carne que puxo a andar a finais do 2017 en Cacabelos, pertencente á parroquia de Santa Eulalia de Mazoi. “Eu incorporeime en setembro de 2017. Aquí os meus pais tiveran unha explotación de leite que pecharan por xubilación no 2011. Non estaba abandonada, porque seguían mantendo un par de vacas, pero si baixo mínimos”, explica.
Cando tomou a decisión de recuperar a actividade fíxoo pensando xa en pasarse á carne. “Nese momento era consciente de que era máis viable unha explotación de leite, pero a min gustábanme máis os animais de carne e tiña claro que ía apostar pola rubia galega”, di.
Levo investido uns 200.000 euros. Cando vou dar desquitado eu eses cartos aos prezos que ten hoxe a carne?
Comezou por adaptar as instalacións ao novo uso que lles ía dar. “Deixei a estrutura do establo e remodelei todo por dentro para amarre canadense, con camas para as vacas, canles e pozo de purín. Ao lado fixen unha ampliación para o cebo dos becerros nunha nave adxacente onde están en cama quente”, explica.
Logo veu a compra de dereitos e dos propios animais e, a través dun plan de mellora, a reforma da nave que usa para almacén de forraxe e para gardar a maquinaria. “En total foron uns 200.000 euros de investimento. Cando dou desquitado eu eses cartos aos prezos que ten hoxe a carne?”, pregunta indignado.
40 reprodutoras
Santi fai un manexo tradicional do gando cos animais en semiextensivo, un sistema no que as vacas pasan o día no pasto e a noite a cuberto. Desde que os becerros cumpren os tres meses deixan de ir ao prado e as nais veñen todos os días á casa para darlles de mamar. No establo, onde se suplementa a alimentación das reprodutoras con silo de herba, pasan a noite e á mañá seguinte, despois de que mamen os xatos, saen de novo ao pasto até a tardiña.
A partir dos 3 meses os xatos quedan no establo e as vacas veñen a darlles de mamar
A explotación é socia de Acruga e a día de hoxe o 100% do rabaño é de raza rubia galega, logo de que un baleiro sanitario obrigara á substitución de todos os animais. “Cando me incorporei tiña un popurrí de razas, pero un dos animais que comprei, que viña de Asturias, deu positivo no ano 2018 e obrigoume a sacrificar cerca de 50 cabezas entre nais e crías. Despois, cando volvín mercar, xa apostei pola rubia galega. Merquei en diferentes explotacións que pechaban, a maior parte nunha de Baralla, pero tamén en Pedrafita”, lembra.
Medrar en base á recría
Tralo paso pola experiencia do sacrificio obrigatorio do seu gando, agora Santi está a facer unha aposta pola recría como estratexia para medrar. “É moi custoso e é moi lento, porque é moito diñeiro que tes aí parado e cando che comeza a producir unha xovenca estamos falando de que pasaron entre 3 e 4 anos. Pero é unha maneira tamén de blindarte ante problemas sanitarios e enfermidades que podes traer para o establo”, argumenta.
Teño que medrar en función da miña superficie e do traballo que eu podo realizar. Non teño capacidade para ter 100 vacas, hai que ser realista
A súa intención, sen embargo, non é medrar sen límite, senón tan só acadar un nivel adecuado, acorde á superficie, capacidade das instalacións e man de obra dispoñible. “Son eu só para atender a granxa e non podo ter un número de animais maior do que podo abarcar porque o sistema de manexo tradicional que eu sigo implica ter que andar movendo o gando todos os días. Pretendo chegar só ás 50 vacas. Penso que unha explotación familiar dese tipo debería ser perfectamente viable e deixar un soldo equiparable ao de calquera outro sector”, defende.
“Non é cuestión de volume”
Sen embargo a situación a día de hoxe é ben distinta. O presidente de Gandeiros Galegos da Suprema ten formación como administrativo e traballou diso antes de decidirse polas vacas. Está, pois, familiarizado cos números, pero cando os fai, as contas non lle saen.
“Non é un problema de tamaño, é un problema de rendibilidade. E non se trata de ter máis volume de gando, porque iso non fai que unha explotación pase a ser rendible. Cando estás vendendo por debaixo do que che custa producir, cantas máis vacas tés máis te arruínas”, razoa.
Cando estás vendendo por debaixo do que che custa producir, cantas máis vacas tés máis te arruínas
“Para subsistir témonos que apoiar na PAC, que cada ano a están recortando máis, porque a axuda asociada que dan ás explotacións é a que é, e o resto dos pagos están vinculados á labor de coidado do territorio que estamos facendo”, di.
“Nós non temos nada en contra da xente xubilada que está cobrando a PAC ou das persoas que teñen outra actividade, pero a nivel de España hai auténticas fortunas cobrando a PAC que non teñen nada que ver co sector e iso é o que non pode ser. Sen embargo, na nova PAC iso mantense, cando nós pensamos que o que había que facer é utilizala para incentivarnos a nós, primando aos que temos isto como a nosa actividade principal, porque somos os que nos dedicamos á gandería a tempo completo e os que nos estamos profesionalizando”, di.
40 hectáreas de superficie
A gandería de Santi conta cunhas 40 hectáreas de superficie, a maior parte nas inmediacións do establo e adicadas a pasto, e o resto, as situadas en lugares máis alonxados destinadas á produción de forraxe.
Case todo o traballo agrario faino el mesmo. “Tan só pago por facer as bolas de silo e herba seca, unhas 400 ao ano”, detalla. O resto faino el con maquinaria propia, boa parte dela a que xa había na casa, aproveitada de cando tiñan a explotación de leite.
Estou valorando botar millo para abaratar un pouco o cebo, pero cos prezos que teñen os fertilizantes este ano tamén vai saír caro
“Fago silo de herba e herba seca e estou valorando botar este ano tamén millo para ensilar e tratar de abaratar deste xeito un pouco os custos de produción, tal como están os prezos dos pensos. O millo sería para o cebo dos tenreiros e para darlles ás vacas recén paridas. Pero de momento non teño nada decidido porque tal como están os prezos dos fertilizantes botar millo tamén se vai poñer polas nubes este ano”, razoa.
Case pegadas á de Santi hai outras dúas explotacións de leite e no barrio de Barcia, dentro da mesma parroquia de Mazoi, unha de carne e outra de leite, polo que non sería factible neste momento aumentar á superficie. “Aquí non tes moito para onde medrar, está todo bastante aproveitado, non é como se estiveras en zona de montaña, onde hai explotacións que van pechando e podes ir aumentando superficie”, compara.
Aproveitamento do purín e o esterco
Para abonar as pradeiras emprega o purín que xeran as vacas pola noite no establo e o esterco que producen os xatos na nave de cebo. “Unha das razóns precisamente de ter os xatos dentro e de meter e sacar todos os días as vacas é para dispoñer de abono orgánico. O que fago é gardar o producido no inverno, tanto o xurro como o esterco, para abonar con el a superficie que teño na primavera”, explica.
Cos prezos que teñen este ano os fertilizantes químicos vai ser inviable abonar as pradeiras con eles
Santi defende que “os días de inverno que fai moi mal tempo o gando está mellor dentro ca fora, sempre e cando teñas unhas instalacións axeitadas”, matiza. Deste xeito, ademáis de producir abono, logra non machacar tanto as pradeiras e que produzan antes cando chega a primavera.
Cando vén o bo tempo divido o gando en dous lotes: as vacas paridas veñen á casa para dar de mamar aos xatos pero as xovencas e as vacas secas están sempre no prado
“Cando vén o bo tempo xa fago outro tipo de manexo, porque só traio diariamente ás vacas que están paridas para darlles de mamar aos xatos, pero as xovencas e as vacas secas sepároas noutro lote e non veñen á casa, senón que dormen tamén fóra”, explica.
Valorando o paso a ecolóxico
Ao cumpriren os tres meses de vida os xatos deixan de saír coas nais ao pasto e permanecen na nave de cebo, onde están en cama quente, que fai con palla. Están separados en pequenos lotes por idades. A nave é contigua á das vacas e están comunicadas a través dun corredor polo que Santi bota os becerros a mamar nas nais dúas veces ao día, á noite ao viren da pradeira as vacas e pola mañá antes de voltar.
Defende que con este sistema os becerros medran máis e a súa carne é máis tenra ca no caso de que estivesen todo o tempo fóra. “No prado fan máis exercicio e crían máis músculo. É igual ca un deportista”, compara. A idade de sacrificio prodúcese antes dos 10 meses e na alimentación dos xatos Santi suplementa o leite materno con penso e herba seca a medida que os animais van medrando.
Penso que o sistema tradicional é o mellor para producir carne de calidade. A carne dos xatos que están fóra é máis dura
Malia considerar este modelo o mellor para producir carne de calidade, Santi está valorando pasarse a ecolóxico, o que o obrigaría a manter fóra os xatos até os 6 meses. Porque aínda que o que el segue é o sistema de manexo tradicional que se utilizaba máis habitualmente en Galicia, non está permitido dentro da certificación en ecolóxico do Craega, que obriga, ademais de a non usar abonos químicos e empregar pensos ecolóxicos, a ter os becerros coas nais até que cumpren os 6 meses.
Co sistema que segue actualmente logra unha produción estable durante todo o ano ao non facer concentración de partos na primavera e telos repartidos nos distintos meses para deste xeito non saturar a capacidade das instalacións de cebo. “Non teño touro, senón que insemino eu, porque ao traer as vacas á casa todos os días detecto ben os celos”, explica.
Nas mans dos intermediarios
Como a maioría de ganderías de vacún de carne, Santi depende de intermediarios para dar saída á súa produción. “Estou comercializando basicamente a través de distintos tratantes. Non temos nada en contra deles, pero un dos obxectivos precisamente da creación da asociación é a venda en conxunto dos animais para ter máis volume e poder negociar doutra maneira e poder obter deste xeito un mellor prezo”, di.
A respecto de cando eu empecei os prezos están igual ou peor
Desde a creación da gandería no 2017, foi encadeando distintas situacións que non permitiron a estabilidade necesaria nas cotizacións, porque ao pouco de comercializar os primeiros xatos, e despois de ter que facer fronte no 2018 ao sacrificio de toda a súa cabana, chegou a crise do coronavirus para acabar de complicar a situación.
“A min, ao igual que ao resto de ganderías, afectoume cunha baixada de prezos que se segue mantendo. Aínda non demos recuperado o prezo pre-pandemia. Eu estou vendendo, dependendo do animal, a 4,60 ou 4,70 euros o kilo canal. Estamos falando de animais ben rematados, cunha conformación boa pero a máis diso actualmente non logro vender”, lamenta.
“A nós téñennos para a imaxe do xato mamando da vaca no prado e a través desa imaxe viven outros”
O pasado 16 de xaneiro unha asemblea celebrada no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo xuntou 300 gandeiros produtores de Tenreira Galega Suprema, que acudiron para manifestar o seu malestar pola situación actual do sector e artellar en conxunto medidas para darlle unha solución.
Foi o acto de constitución oficial da asociación Gandeiros Galegos da Suprema, que está a celebrar agora reunións polas principais zonas produtoras de Galicia para darse a coñecer e aglutinar a máis produtores.
– Cal é o perfil dos gandeiros que formades parte da asociación?
– A asociación leva constituída desde principios da pandemia. Constituímola 17 compañeiros de distintas zonas da provincia de Lugo, desde o Corgo, Láncara, Sarria, As Nogais ou Monterroso, aínda que debido á covid estivemos un pouco parados, pero decidimos no mes de xaneiro facer unha asamblea para dala a coñecer e permitir que máis xente se puidese sumar. Viñeron gandeiros de distintos puntos de Galicia, así que hai un par de meses estabamos 17 e agora aglutinamos xa a 400 gandeiros.
A aceptación está a ser moi boa e estamos tratando de poñer voz a todas esas explotacións que están, igual ca nós, nunha situación difícil. O sector levaba 30 anos abandonado sen que ninguén mirara por el.
Coa asociación o que tratamos é de aglutinar a todos os produtores de Suprema. Se todos pedimos o mesmo, máis forza faremos
Nós, como asociación, non estamos para colgarnos medallas, estamos para que o sector vaia para arriba e as nosas explotacións sexan viables. E se todos pedimos o mesmo máis forza faremos. Non temos nada en contra dos sindicatos nin dos Gobernos nin de ninguén, pero defendemos o noso. Levámonos ben con todo o mundo, pero tratamos de reivindicar o que é xusto.
Somos todas explotacións dun perfil mediano ou pequeno, explotacións familiares con gando en extensivo e con manexo tradicional que producimos amparados pola IXP Ternera Gallega Suprema. Sacamos ao mercado un producto diferenciador, un produto bo, pero que non se ve repercutido no prezo de compra do gando que producimos nas nosas ganderías.
– Unha das queixas habituais dos que producides en Suprema é que baixo a marca Ternera Gallega se igualan moito os prezos. Non hai suficiente diferenciación no mercado?
– Nós poñemos a imaxe e a través desa imaxe viven outros, porque úsase a foto do xato no prado mamando da vaca para vender outro tipo de carne. Como asociación o que dicimos é que hai cabida no mercado para todo tipo de carne pero o que si que lle hai que chamar é a cada unha polo seu nome.
A foto que se usa sempre é a dos produtores de Suprema, co xato ao aire libre mamando na vaca e esa imaxe é a que usa Ternera Gallega de xeito xeralizado para todos os tipos de produción
O que non pode ser, e así llo fixemos saber tamén ao Consello Regulador e á Administración, é que Ternera Gallega use sempre a imaxe dos produtores de Suprema como paraugas para outros tipos de produción. E nese sentido, estase facendo unha publicidade enganosa ao consumidor, que cando compra Ternera Gallega pensa que está comprando ese tipo de carne que nós producimos cando en realidade moitas veces está comprando outra totalmente diferente.
Como asociación estamos barallando facer unha degustación gratuita dun animal de Suprema para promocionar o produto e dalo a coñecer á cidadanía
Por iso dicimos que hai que diferenciar claramente a carne de Suprema das demais, porque non hai unha diferenciación suficiente neste momento. Moitas veces nos liñais dos supermercados están as dúas, a Ternera Gallega Suprema e a Ternera Gallega normal, practicamente ao mesmo prezo, como así o recoñeceu, por exemplo, o responsable da carne en fresco do Grupo Gadisa nas reunións que estamos a ter todos os eslabóns da cadea para a elaboración da Estratexia do sector cárnico que está a impulsar a Xunta.
– Agora que falas diso, hai posicións moi enfrontadas?
– Levamos tres xuntanzas. Ao principio estabamos en posicións máis alonxadas pero agora os puntos non son tan dispares. Todos entendemos que temos que ir todos da man e que hai que diferenciar no prezo unha carne da outra. Porque se os dous tipos de carne están ao mesmo prezo, ou uns gañan moito ou outros perdemos moito, porque os custos de produción non son os mesmos.
Temos á distribución que é a que está facendo un pouco o pescozo de botella porque di ter medo a subir o prezo e que o consumidor deixe de comprar o produto
Todo o mundo nos entende, a Administración así o di, a distribución así o di, pero ninguén pon a solución. Entón, mentres tanto, os prezos seguen conxelados, os custos seguen aumentando e as explotacións seguimos agonizando.
– Cal debe ser o papel da Administración, o de escoitar e mediar ou ten que facer algo máis?
– Por un lado debe liderar este proceso no que debe coordinarnos a todos, gandeiros, industria, e distribución, para chegar a un entendemento entre todos e fixar un prezo mínimo de compra para os animais.
Pero, mentres tanto, ten que establecer axudas de urxencia para salvar ao sector, igual que se fixo no ano 2020 coas axudas covid, porque a situación non é mellor ca entón, ao contrario, porque os prezos seguen igual e os custos disparáronse.
A Xunta ten que sacar unha liña de axudas de urxencia similar á que se sacou pola covid para salvar o sector
Hai xa tres semanas tivemos unha reunión coa Administración e o Consello Regulador. Estaba o conselleiro, o director xeral de Gandería e o presidente da IXP. Dixéronnos que ían tomar medidas e pedíronnos mes e medio. Estamos nese compás de espera, pero xa queda menos dun mes. A paciencia dos gandeiros esgótase porque estamos cansos de que xoguen con nós.
– Esa reclamación vosa de ter un prezo mínimo de venda garantido. Como se artellaría?
– A asociación está na Mesa de Prezos de Ternera Gallega e fixemos un barrido cara atrás, até onde nos permite consultar, e no 2014 había semanas con mellor prezo que temos hoxe. Son uns prezos que non evolucionaron, pero non xa desde o 2014, senón que non se moveron desde fai 30 anos para aquí, son os mesmos ou incluso máis baixos.
Nós entendemos que a actual Mesa de Prezos que hai en Ternera Gallega ten pouca incidencia á hora de fixar os prezos, porque non é vinculante. Esa sería a primeira medida a implementar. Facela dalgún xeito vinculante para que esa táboa de prezos semanal servise de referencia para que todo o mundo poidamos vender ou mercar a través dela. Se non é así, de nada vale fixar un prezo de 7 euros na Mesa de Prezos se despois acabas vendendo os animais a 4 euros.
Pedimos unha mesa negociadora na que esteamos presentes todos os elos da cadea alimentaria coa finalidade de establecer un prezo para a carne en orixe
Por iso, a actual Mesa de Prezos hai que facela vinculante e iso ten que canalizalo a Administración, facendo que todos vaiamos da mesma man, porque todos estamos no mesmo barco. Nós estamos propoñendo é que haxa unha mesa negociadora na que esteamos representadas todas as partes da Lei da Cadea, é dicir, nós os produtores, a industria, a distribución, o Consello Regulador e a Administración como garante.
Entendemos que todos temos que ter o noso espazo no mercado pero o que non pode ser é que todos os demais elos desa cadea poidan repercutir os seus custos no produto menos os que o producimos. É unha problemática que está aí. A Administración danos a razón, dinos que entende o problema pero ata agora non fixo nada para resolvelo.
– A Lei da Cadea xa di que non é legal vender por baixo dos custos de produción. Cal debería ser o prezo para que iso se cumprira?
– Nós nos estudos que fixemos en diferentes explotacións que forman parte da asociación, polo tanto dun mesmo perfil, sáenos que o seu custo de produción está entre 6,40-6,50€/kg canal. Con esas contas, está claro que hoxe non se está cumprindo a Lei porque estamos vendendo claramente moi por debaixo dos custos de produción.
Avogamos por que se estableza un prezo en orixe de 7€/kg canal para cubrir os custos de produción e que nos quede unha marxe que poidamos destinar ao noso xornal e a mellorar as nosas explotacións
Estamos a falar de custos de produción, é dicir, o que nos custa a nós producir. A iso habería que engadirlle a marxe de beneficio que debemos ter, polo que o prezo de venda debería establecerse nos 7 euros para que poidamos sacar un soldo e investir na mellora das nosas granxas.
– Neses cálculos que fixestes, de canto foi a suba nos custos de produción no último ano?
– No meu caso concreto o incremento foi de entre un euro e un euro cincuenta por kilo con respecto a cando eu empecei no 2018. Estamos falando de que agora mesmo a tonelada de penso está en perto dos 400 euros, o litro de gasóleo a un euro e os fertilizantes químicos polas nubes.
Os prezos actuais son un freo á profesionalización do sector e unha barreira para o relevo xeracional
O forte aumento dos custos de produción, sumado aos prezos baixos e estancados dende hai máis de 30 anos, fai que as nosas explotacións sexan inviables. Iso pon en grave perigo a continuidade das explotacións e supón un freo ao relevo xeracional e á profesionalización do sector.
Eu se non fora agora mesmo porque estou suxeito polas axudas de incorporación e polos sucesivos plans de mellora que fun facendo pois posiblemente xa non estaría no sector, ou non estaría a tempo completo, senón que tería buscado outro traballo complementario. Nestas circunstancias, hai explotacións que ao mellor podían ter relevo pero eses mozos non van dar o paso e non se van incorporar. Isto significa perder uns efectivos que son moi necesarios, porque a todos nos gustaría que os nosos fillos seguiran no sector pero tal como están as cousas vemos que non hai futuro.
Hai xente nova que se incorporou nos últimos anos que está atrapada porque non pode deixar a actividade polos compromisos que adquiriu pero, ao mesmo tempo, está perdendo cartos
E esta é unha problemática que tamén ten a Administración. Como estás dicindo por un lado que hai que fomentar o relevo e fixar á xente no rural se por outro lado non lle garantes a esa xente unhas condicións dignas de vida e esas persoas que se queren incorporar ven que as súas explotacións non son viables?
E está claro que Galicia non pode permitirse que sigan desaparecendo explotacións. Xa non é só o traballo que facemos como produtores de alimentos, senón tamén a labor de xestión do territorio que realizamos, de fixación de poboación e de dinamización da economía.
– Co peche da hostalaría durante o confinamento caeron moito as cotizacións. Destes recuperado xa o prezo pre-pandemia? Aproveitouse esa desculpa para baixarvos os prezos aos produtores?
– Si. A nós baixáronnos o prezo de venda dos nosos animais e sen embargo nos liñais dos supermercados seguiuse mantendo alto. Esa é unha realidade. Nese momento, de forma excepcional e por primeira vez na historia o Consello Regulador de Ternera Gallega permitiu a conxelación da carne, pero non se conxelou ni un so quilo. Iso quere dicir que seguía habendo demanda.
E tamén é unha realidade que os prezos a día de hoxe aínda non se recuperaron. Estamos vendendo aínda 30 céntimos en quilo por debaixo dos prezos que había antes da pandemia. Se a iso lle engadimos o encarecemento tremendo que se deu nos custos de produción desde entón, a situación é de ruína.
– Existe monopolio en Galicia dentro do sector da carne?
– Si, claro que hai, ou polo menos oligopolio. A maior parte da carne de Suprema está matada por Coren a través de Novafrigsa. Estamos falando de que mata arredor dun 35-40% da carne de Suprema. Temos outro 20% e pico sacrificada por Vegalsa a través de Cárnicas Galván; Javier, de Baixo Miño, está tamén en torno a un 20% e outro 10% teno Carnes de Viana.
En definitiva, son só 4 industrias as que se reparten o mercado. Entre eles falan e fixan os prezos e os gandeiros non temos capacidade de influír. Teñen unha cousa moi importante que non temos os gandeiros: a unidade. É polo que estamos apostando tamén nós desde a asociación, por aglutinar aos produtores e ir todos da man para que se nos escoite e se nos pague un prezo xusto pola carne.
A carne que bota auga na sartén non é Ternera Gallega Suprema
E queremos tamén que se intensifiquen os controis, porque está entrando moita carne de fóra que se sacrifica ao mesmo prezo que a Suprema. Están subindo neste momento becerros de Portugal ou de Castela que se están pagando a 4,70 euros, incluso pintos a 4,20 e a 4,30.
É necesario que se mellore a trazabilidade, porque volvemos ao de antes, nós poñemos a imaxe para que despois esa outra carne se comercialice. Cando un consumidor di que cando bota a carne na sartén bota auga, esa non é de Ternera Gallega Suprema. A nosa carne é un produto que é recoñecido polo consumidor e polo sector da alta restauración, pero iso non está repercutindo no produtor a través do prezo.
A Suprema ten que ir a un nicho de mercado distinto, non pode estar nos liñais dos supermercados mesturada con outro tipo de carne industrial
A nosa carne é un produto diferenciador que ten que estar nun mercado gourmet, non pode estar nos liñais dos supermercados mesturada con outro tipo de carne industrial, porque iso o que está facendo é devaluando o produto que facemos. A carne de Suprema ten que ir a un nicho de mercado distinto.
Onde se valora de verdade a nosa carne é en Madrid, en Barcelona e no País Vasco e temos que achegala máis a eses mercados, onde ás veces é pouco accesible porque á industria, que controla o sacrificio, non lle interesa, porque evitar que a carne saia para fóra é unha forma de facer que o prezo non suba.
Se a industria de Galicia non valora a nosa carne, queremos que os nosos animais se poidan sacrificar e despezar fóra, en lugares onde si os valoran
Desde o pasado 18 de febreiro xa se poden despezar fóra de Galicia canais de Ternera Gallega, foi algo que pedimos nós á Xunta e ao Consello Regulador. E pedimos tamén que as industrias cercanas á comunidade poidan tamén sacrificar. Nós queremos que os nosos animais se maten aquí, pero se aquí non os valoran pedimos que se poidan sacrificar fóra, para poder superar o pescozo de botella que supón a industria que hai en Galicia.
– O feito de que se estea a promocionar desde distintos ámbitos, mesmo desde as Administracións, a redución no consumo de carne tampouco axuda.
– É absolutamente contraditorio. Porque aí están os estudos da Organización Mundial da Saúde que din que consumir carne de tenreira é beneficioso, de feito é unha das primeiras carnes que se introduce nas dietas dos nenos debido a que é absorbida polo organismo moi rápido en comparación con outras carnes, grazas ao seu alto contido en auga.
Por cada 100 gramos de carne, 21 ou 22 son de proteína, 77 son de auga e só 2,6 ou 2,8 son de materia graxa e só 70 miligramos de colesterol. É unha carne saudable e con gran cantidade de aportes para o organismo, tanto de proteína como de vitaminas B6 e B12 e minerais como ferro ou potasio.
Non se pode xogar con isto, porque cando unha explotación pecha en moitos casos xa non é recuperable porque a xente se vai
Por iso nós non entendemos como desde Bruxelas ou desde o Goberno español, como está a facer o ministro Garzón, se está a fomentar o veganismo e secundando correntes que pretenden introducir nas dietas outro tipo de carnes de laboratorio que responden a outra serie de intereses, porque detrás dese modelo están grandes millonarios.
Pero con iso estanse levando por diante a todo un sector estratéxico no medio rural. Porque cando unha explotación se pecha péchanse moitas familias detrás. Non se pode xogar con isto, porque cando unha explotación pecha en moitos casos xa non é recuperable porque a xente se vai. Estamos botando por terra o traballo de moitos anos.
Garzón debería centrarse noutras cousas, como na suba da luz e do gasóleo; iso si que afecta de cheo ao consumidor
O mesmo acontece co tema do lobo. Como asociación pensamos que se debería sacar ao lobo do listado Lespre. Hai sobre todo zonas de montaña, onde o manexo é totalmente en extensivo e o gando pasa todo o tempo fóra, onde está facendo moito dano. E nesas zonas debería poder facerse un control da especie. Porque ademais as axudas que hai non compensan realmente os danos producidos porque non che chegan a cubrir realmente o valor do gando que perdes e, por enriba, a dinámica para cobrar é moi lenta.
Vemos con tristura como se lle dá máis importancia a todo o demais que ao sector primario, cando debería ser o motor da economía dun país. Cando estabamos na pandemia toda a sociedade eloxiaba a nosa labor por medo ao desabastecemento, pero ese recoñecemento durou pouco. Agora parece que xa volvemos ao de antes e que o que está de moda é outra vez darlle patadas ao sector primario.