
Firma do acordo UE-Mercosur o pasado 17 de xaneiro en Asunción (Paraguai). Foto: Carlos Cruz, Ministerio de Relacións Exteriores de Brasil
O ambiente bélico mundial e a inestabilidade xeopolítica actual están a facer reaccionar á Unión Europea naquilo para o que foi creada: o ámbito comercial. No que vai de ano a UE asinou importantes acordos aduaneiros con países como a India, Australia ou os que forman o Mercosur, que entrará en vigor de xeito provisional o vindeiro 1 de maio e que levanta os recelos dos produtores europeos, que ven nel competencia desleal.
“Mercosur é bo para o campo español”, afirma sen embargo con rotundidade a Comisión Europea, que defende as bondades do acordo asinado o pasado 17 de xaneiro en Asunción por parte da presidenta europea, Úrsula Von der Leyen, un tratado de libre comercio que crea unha das maiores áreas económicas do mundo eliminando aranceis en máis do 90% do comercio bilateral entre os 27 países europeos con Brasil, Arxentina, Uruguai e Paraguai.
Desde Bruxelas minimízanse os posibles riscos derivados da entrada de alimentos procedentes de Mercosur para os produtores europeos e destácanse as “oportunidades” dos novos mercados para sectores como o viño, o queixo ou o aceite de oliva.
A UE asinou tamén nos últimos meses acordos aduaneiros coa India e con Australia
“O acordo é bo para o conxunto da economía e para o conxunto do campo. Se se escoitan as críticas parece que España só sexa un país importador de alimentos. Non é certo. España é unha gran potencia exportadora. A UE tivo un superávit comercial con Mercosur de 50.000 millóns de euros o ano pasado no sector agroalimentario en gran medida grazas a España”, aseguran desde a Comisión Europea.
Saída aos excedentes de viño europeos
Desde o departamento de Agricultura europeo poñen o foco especialmente nun sector coma o do viño, que atravesa nestes momentos en Europa unha crise de consumo. O consumo per cápita en España actualmente é de 22 litros ao ano e está decrecendo. Os brasileiros beben só 2 litros de viño ao ano, pero alí son 200 millóns de persoas. Pero exportar viño a Brasil até agora era complicado porque os dereitos de aduana sitúanse actualmente no 35%. Iso vai desaparecer co acordo asinado, insisten fontes do Executivo comunitario.
O consumo de viño en España está decrecendo e denominacións como Rioja ou Ribeira Sacra tiveron nos últimos anos problemas de comercialización
O mesmo cálculo fan para o sector lácteo, especialmente para os queixos. En España consómense 15 quilos de queixo por persoa ao ano; en Brasil 4. Pero o consumo de queixo medra tanto en Europa como en Suramérica e noutras rexións do mundo. O problema para as industrias do queixo europeas é que a tarifa aduaneira actualmente para exportar queixo a Brasil é do 28%, algo que vai desaparecer coa entrada en vigor do novo tratado.
O terceiro sector que sairía beneficiado do acordo comercial cos países de Mercosur sería o do aceite de oliva. Neses países consómese aínda pouco aceite de oliva, polo que desde Bruxelas se ve como outra gran oportunidade.
A carne de vacún: o gran cabalo de batalla
A sinatura do acordo comercial con Mercosur desatou nos últimos meses unha vaga de protestas por toda Europa, cos produtores de distintos países en pé de guerra esixindo medidas de protección efectivas fronte ás importacións procedentes de países como Arxentina ou Brasil.
Desde a Comisión Europea aseguran entender o temor pero ven claramente unha oportunidade no acordo e avanzan campañas de promoción neses países dos produtos europeos e unha etiquetaxe clara en Europa que aclare ao consumidor europeo a procedencia dos produtos que terá ao seu alcance, agardando que se decanten polos producidos en Europa.
Algún día Arxentina ou Brasil poden ser competidores en sectores como o aceite de oliva ou o viño, pero iso non se fai en 5 días
“Algún día Arxentina ou Brasil poden ser competidores en sectores como o aceite de oliva ou o viño, pero iso non se fai en 5 días. Xogamos con vantaxe porque os europeos facemos a mellor comida e a mellor bebida do mundo e iso dános vantaxe, pois contamos coa excelente reputación dos produtos europeos. O consumidor brasileiro, igual que o asiático, quere calidade”, aseguran en Bruxelas.
Con todo, a carne de vacún é o asunto máis delicado tanto no acordo asinado como na súa posterior aplicación, recoñecen desde o Executivo comunitario. Actualmente hai 1.200 empresas dedicadas á produción de carne de vacún de países como Brasil ou Arxentina autorizadas a exportar á UE pero desde a Comisión Europea consideran que non existe risco de distorsión no mercado interno debido aos volumes establecidos no acordo asinado. Mercosur produce 15 millóns de toneladas de carne ao ano, das que se importarían 99.000 toneladas segundo o cupo de carne fixado no documento asinado.
Cláusulas de salvagarda
Ademais, insisten os responsables europeos nas cláusulas de salvagarda propostas pola Comisión, que permitirían, por exemplo, suspender o acordo en caso de distorsión no mercado interno. “Imos estar especialmente atentos a non superar eses cupos. Veremos como reacciona o consumidor europeo ante a carne brasileira ou arxentina”, din.
Desde os ámbitos críticos con este acordo fálase da posible distorsión do mercado, algo que nega o departamento de Agricultura da UE botando man dos fondos que reciben os agricultores e gandeiros en Europa. Pase o que pase, a PAC garante aos produtores europeos un terzo dos seus ingresos, mentres que en Brasil ou Arxentina non hai PAC e os seus produtores deben competir cos europeos nesas circunstancias, comparan desde o Executivo comunitario.
O acordo protexe as denominacións de orixe, porque aos italianos, por exemplo, non lles fai ningunha graza que se poida vender un queixo parmesano na UE ‘made in’ Buenos Aires
Fontes da Comisión Europea tamén rexeitan que existan riscos para a saúde dos consumidores da UE debido á calidade dos produtos chegados de Mercosur, xa que na actualidade xa está prohibido exportar produtos a Europa que teñan substancias non autorizadas na UE. “A quen se salta esa norma retíraselle a licenza de exportación e estamos reforzando os controis en fronteira para que non entren produtos con substancias prohibidas na UE. Estamos alerta”, avanzan.
A pesar de que os países de Mercosur aseguraron que non aceptarán as cláusulas de salvagarda establecidas a posteriori pola Comisión Europea en resposta ás protestas dos agricultores e gandeiros, dado que non se atopan dentro do acordo inicial asinado senón que foron engadidas despois, desde Bruxelas a resposta é contundente: “Xa nos encargaremos nós de que iso se aplique”, afirman.
Entrada en vigor provisional
A aprobación definitiva por parte do Parlamento europeo do tratado de libre comercio entre a UE e Mercosur atópase nestes momentos á espera do pronunciamento do Tribunal de Xustiza da UE en relación ao seu encaixe no ordenamento xurídico comunitario.
O Tribunal de Xustiza da UE debe pronunciarse sobre se o acordo con Mercosur vulnera ou non a lexislación comunitaria
Desde a Comisión Europea móstranse prudentes a respecto deste ditame do Tribunal de Xustiza da UE pero ao mesmo tempo confían en que non supoña a anulación do acordo. Sería sorprendente que o Tribunal se apartase da súa propia xurisprudencia, insisten, xa que houbo con anterioridade pronunciamentos en sentido positivo ante acordos similares, como no caso do tratado de libre comercio asinado con Singapur.
Por iso, mentres se agarda o ditame do Tribunal europeo, a Comisión iniciou os trámites para a entrada en vigor provisional do tratado con Mercosur. “Estimamos que a aplicación provisional do acordo poida entrar en vigor este mes de maio a expensas do que diga o Tribunal de Xustiza da UE”, avanzan desde o Executivo presidido por Úrsula Von der Leyen.
Grazas a Donald Trump
Desde a Comisión Europea celebran como un logro a sinatura do tratado con Mercosur e recoñecen que o distanciamento actual entre a UE e EEUU influíu en como se fraguou un acordo que levaba 26 anos negociándose. O presidente estadounidense, Donald Trump, impulsou, sen querelo, coas súas políticas arancelarias, a sinatura dun tratado de libre comercio entre a Unión Europea e os países do Mercosur que levaba anos encallado, ante a necesidade tanto dos países europeos como de Brasil de abrir novos mercados aos seus produtos tras as restricións de entrada ao mercado norteamericano.
“Mercosur xorde porque EEUU nos pon unha tarifa do 15%; iso fai que teñamos que buscar alternativas. Co que está a caer, a nosa obriga era buscar mercados alternativos a eses produtos que ían a Estados Unidos”, argumentan fontes da Comisión Europea.
O presidente estadounidense forzou coas súas políticas arancelarias tanto á UE como a Brasil á sinatura dun tratado que levaba anos encallado
Os aranceis establecidos por Donald Trump cara a Brasil foron aínda maiores, acadando o 50% (inicialmente, en xullo de 2025, o presidente norteamericano estableceu unha taxa adicional do 40% aplicada a maiores do gravame do 10% vixente, para rebaixala posteriormente no mes de novembro en produtos como a carne de tenreira para evitar o encarecemento da cesta da compra do consumidor estadounidense).
Esa dificultade engadida para exportar a EEUU fixo recapacitar tanto á UE como aos países integrantes de Mercosur. “Por iso, despois de décadas estancados, ábrese esa oportunidade”, recoñecen desde a Comisión Europea.
Campaña de desinformación promovida por Rusia
A visión optimista da Comisión Europea contrasta coas críticas que desde ámbitos agrícolas e gandeiros se trasladan fronte ao acordo, un aspecto que desde Bruxelas se atribúe a influencias externas.
“Estamos vendo unha campaña de desinformación que vén de Rusia con toda probabilidade, sabémolo. Estase lanzando moita lixo contra a UE nas zonas rurais da UE. Estámolo notando desde hai tempo, non só con Mercosur. A xente das zonas rurais é máis vulnerable á desinformación, a xente das cidades ten máis posibilidades de contrastar a información”, asegura o Executivo de Von der Leyen.
A Comisión Europea está a facer un esforzo comunicativo para explicar as “bondades” do acordo con Mercosur e contrarrestar bulos
Combater esa desinformación en zonas rurais foi un dos mandatos expresos da presidenta da Comisión ao comisario de Agricultura, Christophe Hansen, tras o seu nomeamento en 2024, e para iso creouse un equipo específico para contrarrestar bulos. “Estase dicindo que o tratado con Mercosur se vai ampliar a Colombia, cando con Colombia temos libre comercio desde hai 10 anos”, exemplifican.
Galego









Control OJD