O concepto de pegada de carbono e o seu encaixe no sector primario galego seguen a xerar dúbidas entre propietarios forestais, gandeiros e profesionais do medio rural. A posta en marcha de iniciativas formativas como o curso “Pegada e Mercados de Carbono: Regulación, Proxectos e Oportunidades”, organizado polo Colexio Oficial de Enxeñaría Técnica Forestal de Galicia, evidencia o interese crecente por comprender este mercado.
A pegada de carbono non é máis que un medidor, moi sinxelo de entender, de canto contaminas.
Máximo Sánchez, cofundador de airCO2 e un dos docentes do curso, define con precisión o concepto de pegada de carbono: “a pegada de carbono non é máis que un medidor, moi sinxelo de entender, de canto contaminas”. Engade que “non é solamente dióxido de carbono -pois entran outros gases, como o metano-, pero é unha métrica de consenso global que nos permite entender e desagregar facilmente, en dióxido de carbono equivalente, o potencial de quecemento atmosférico dunha actividade”.
Mercados regulados e voluntarios: dúas realidades distintas
Unha das primeiras distincións que cómpre establecer é a que existe entre os mercados regulados e os mercados voluntarios de carbono. Segundo explica Máximo Sánchez, “un mercado regulado ten unhas regras de xogo planificadas por unha administración”. O exemplo máis próximo é o Réxime de Comercio de Dereitos de Emisión da Unión Europea (EU ETS) , vixente desde 2005, que obriga a sectores como o cementeiro ou o petroquímico a reportar as súas emisións e a pagar se superan os límites establecidos.
Pola contra, o mercado voluntario non responde a unha obriga legal, senón “a voluntariedade das partes”, apunta Máximo. “Empresas, organizacións ou persoas que non teñen ningunha obriga pola súa actividade nin polo país onde están xeograficamente ubicados, voluntariamente queren compensar esas emisións que non poden reducir a curto prazo”. Neste ámbito, os créditos de carbono xerados por proxectos forestais ou agroforestais poden ser adquiridos por entidades que desexen neutralizar a súa pegada.
Como se accede ao mercado como oferente? A pirámide dos tres piares
Para un propietario forestal ou unha explotación agraria, o camiño para vender créditos de carbono require seguir unha estrutura complexa con tres niveis. Máximo Sánchez describe o proceso mediante unha metáfora piramidal:
“Na cúspide están os programas do mercado de carbono voluntario, por exemplo Verra ou Gold Standard, que son os programas internacionais máis coñecidos. Dentro dos programas hai metodoloxías. En Verra hai metodoloxías de agroforestal e forestal en diferentes zonas do mundo, con diferentes prácticas e especies. Hai decenas e decenas de metodoloxías. Se es un propietario agroforestal, primeiro tes que identificar algunha metodoloxía que encaixe dentro do que podes facer, crear un proxecto, verificalo cunha parte independente, e logo tes os créditos recoñecidos para poder poñelos á venda”.
O traballo da Xunta de Galicia pode axudar a traducir ese mercado á escala do país, facendo que comunidades de montes, propietarios e explotacións agroforestais poidan participar con máis facilidade
Verra e Gold Standard non son normas europeas, senón entidades privadas de certificación global. En 2025, o proxecto Motor Verde en Asturias obtivo a primeira certificación Verra en España, o que demostra que é posible rexistrar proxectos na Península. En Galicia, porén, aínda non hai ningún con estes selos debido á complexidade e aos custos.
Polo tanto, o sistema propio que desenvolve a Xunta de Galicia presenta dúas vantaxes fundamentais: adaptarase á tipoloxía de propiedade galega (minifundio, especies autóctonas, etc.) e porá a disposición dos propietarios ferramentas sinxelas para realizar inventarios, eliminando a necesidade de custosas consultorías internacionais.
Máximo sinala que precisamente aí está unha das grandes oportunidades do sistema galego. “Ata agora, boa parte dos estándares e metodoloxías eran internacionais, complexos e pouco adaptados á nosa realidade forestal. O traballo da Xunta de Galicia pode axudar a traducir ese mercado á escala do país, facendo que comunidades de montes, propietarios e explotacións agroforestais poidan participar con máis facilidade”.
Ten que ser unha nova actividade ou mellorar a actividade para ser capaz de demostrar que se antes absorbías cinco toneladas, agora absorbes seis, e podes vender esa tonelada adicional.
Concepto clave: a adicionalidade
Para que un crédito de carbono sexa considerado válido, debe cumprir o principio de adicionalidade. Máximo Sánchez explícao do seguinte xeito: “Todo crédito ten que ser derivado dunha actividade adicional. Se eu teño unhas xestións de base que teñen un crecemento anual de tantos metros cúbicos de madeira, e por tanto tantas toneladas de carbono, eu podería dicir: este carbono é todo para min. Pero a realidade é que non. Ten que ser unha nova actividade ou mellorar a actividade para ser capaz de demostrar que se antes absorbías cinco toneladas, agora absorbes seis, e podes vender esa tonelada adicional”.
Este principio é especialmente relevante en Galicia, onde os solos forestais e agrarios presentan, en moitos casos, altas concentracións de carbono orgánico. Como recoñece Máximo, “en Galicia o solo é tan rico que é moi difícil poñer en marcha un proxecto novo onde absorbas tanto como para que che compense economicamente facer ese desembolso”.
Prezos dos créditos: forquita ampla e volatilidade
Unha das cuestións máis repetidas entre os posibles oferentes é o prezo ao que se poden vender os créditos de carbono. Máximo Sánchez sinala que hai “moita variedade”. Explica: “Podes atopar créditos a dous ou tres euros de grandes superficies forestais en Asia, ou de proxectos de cambio de cociñas en África. Proxectos forestais en Europa poden chegar a 60 euros por tonelada. Proxectos industriais en Europa, como o de Climeworks en Islandia, venderon toneladas a 300 euros”.
Vai haber moito cambio en prezos, aínda que non sei exactamente cando chegaremos a un equilibrio onde as empresas teñan interese en comprar créditos voluntariamente a prezos que sexan interesantes.
Sobre a evolución futura dos prezos, advirte da volatilidade inherente: “Ao ser mercados voluntarios, é un pouco o que pasaba coas criptomoedas: moitas referencias que van e veñen moi rápido no tempo”. Non obstante, apunta que “vai haber moito cambio en prezos, aínda que non sei exactamente cando chegaremos a un equilibrio onde as empresas teñan interese en comprar créditos voluntariamente a prezos que sexan interesantes, e onde ós propietarios forestais lles compense facer un proxecto cos cartos que esperan recibir”.
E os pequenos propietarios? Poden vender?
Moita xente pensa que isto vai só para grandes corporacións. Pero tanto a compra coma a venda están abertas a todos. Outra cousa é que, hoxe por hoxe, “compensa evidentemente ser un gran propietario, ter bastante superficie, porque os estándares de certificación son caros e requiren un volume para que sexa interesante”.
Máximo é honesto: “Ninguén se vai a enriquecer vendendo créditos de carbono, e menos coa tipoloxía do monte que hai en Galicia. Non dará para facer moito carto, pero si para ter un pequeno ingreso adicional”.
A intención, di, é “levar isto a que a realidade do país permita que unidades pequenas, forestais e agrarias, poidan vender eses créditos”.

Imaxe dun dos proxecto de Nature Positive by airCO2 en Ibiza.
Proxectos reais en Galicia: o caso do Porriño
Máximo Sánchez cita un exemplo concreto de éxito na comunidade galega: “Montamos un programa que se chama Nature Positive by airCO2. Hai un proxecto na zona do Porriño onde se compensou unha parte da pegada de carbono dunha empresa bastante grande do Porriño, cunha compensación nun radio de cinco quilómetros, nunha comunidade de montes”. Este caso ilustra a posibilidade de articular acordos locais entre propietarios forestais e empresas con interese en neutralizar as súas emisións.
O gran potencial de Galicia e o traballo da Xunta
Aquí é onde a análise se torna máis interesante. “Galicia ten un enorme potencial forestal con moita xente xestionando montes”, afirma Máximo. E a Xunta está a moverse nunha dirección clara e pioneira. “A Xunta de Galicia está a sacar un sistema propio de carbono moi ambicioso, cousa que ningunha outra comunidade en España ten neste momento”, destaca. “Son conscientes de que hai moito valor natural por desbloquear”.
A administración ten que “prover ferramentas para poder facer inventarios e contabilidades dunha forma cómoda, para que calquera poida ir estimando a súa capacidade de absorber carbono”.
Os principais desafíos son o minifundio e a fragmentación da propiedade. Por iso, a administración ten que “prover ferramentas para poder facer inventarios e contabilidades dunha forma cómoda, para que calquera poida ir estimando a súa capacidade de absorber carbono”.
Ademais, a Xunta está a traballar en “validar un par de metodoloxías moi ad hoc á nosa tipoloxía de propiedade e aos nosos aspectos forestais e gandeiros”.
Máximo é optimista: “Galicia vai ser un pequeno oasis que beneficiará aos propietarios agroforestais”. E mesmo avanza algo fundamental: “Seguramente se esixirá na contratación pública que a empresa adxudicataria compense parte das emisións dos contratos públicos no propio país”.
Demandantes de créditos: que motiva ás empresas?
Para que o mercado funcione é necesaria unha demanda sostida. Máximo Sánchez explica que as motivacións dunha empresa para realizar calquera desembolso responden a tres eixes fundamentais: “investimentos que permitan mellorar en vendas, eficientar en custes, ou cumprir coa normativa (compliance)”.
Sobre esta última, apunta que se o sistema bancario “comeza a dar mellores tipos de interese ás empresas que teñan a súa pegada de carbono compensada”, ou se “para concursos públicos a pegada de carbono dá puntos”, entón “pouco a pouco veremos as empresas invertindo en créditos”.
Pola contra, o marketing como motor exclusivo perdeu forza ante o risco de greenwashing (lavado verde). “A Unión Europea aprobou un regulamento polo que xa non queren que as empresas falen de compensacións ou de carbono neutral como antes. Queren que as compensacións sexan algo serio e que saia do corazón das empresas”, afirma.
Consellos para a xente de Galicia: realismo e preparación
Ante a pregunta directa de que lles diría a unha granxa con 50 vacas e 20 hectáreas ou a unha pequena comunidade de montes veciñais, Máximo Sánchez non elude a complexidade do momento actual. Non obstante, ofrece tres claves prácticas para quen queixa estar preparado:
“Como propietario dentro de Galicia hai que ser un pouco paciente, darlle un par de anos para que vaian rodando os métodos da Xunta de Galicia.
Primeiro, comprender que non é o momento de desesperar, senón de observar e aprender. “Como propietario dentro de Galicia hai que ser un pouco paciente, darlle un par de anos para que vaian rodando os métodos da Xunta de Galicia, que van ser os métodos que máis se adapten ás nosas habilidades, ás nosas posibilidades”.
Segundo, estar atentos á evolución da demanda. “Hai que darlle un par de anos para que as empresas vaian tendo máis coñecemento do que son os créditos, e maior interese por compralos. Porque unha vez máis, é un mercado onde unha parte (a oferta) xa existe, e a outra (a demanda) non tanto”.
Terceiro, non cambiar as prácticas habituais esperando ingresos inmediatos do carbono. Máximo advirte: “Todo o que se absorba tecnicamente e que non estivésemos a facer nos últimos anos serán créditos, porque serán absorcións adicionais. Pero se estamos a facer as cousas ben desde hai 30 anos, pode ser difícil atopar algo novo que facer para dicir que estás a facer algo adicional”.
Conclusión: un mercado en construción con bases sólidas en Galicia
Ao fío do exposto, Máximo Sánchez ofrece unha analoxía para contextualizar o momento actual: “É como cando saíron os coches eléctricos e logo apareceron plans de mobilidade que daban cartos do Estado para cambialos. O primeiro que comprou un coche eléctrico pagouno a peito. Pois aquí vai ser un pouco parecido”.
Aqueles propietarios e profesionais que comprendan os fundamentos do mercado, que coñezan as metodoloxías e que estean ao día da evolución normativa e autonómica estarán en disposición de aproveitar as oportunidades cando o mercado alcance un grao de madurez suficiente.
A mensaxe final non é de espera pasiva, senón de preparación activa. Aqueles propietarios e profesionais que comprendan os fundamentos do mercado, que coñezan as metodoloxías e que estean ao día da evolución normativa e autonómica estarán en disposición de aproveitar as oportunidades cando o mercado alcance un grao de madurez suficiente.
A formación, di, busca que os participantes “teñan esa base mínima para poder ir despregando o seu propio ámbito de investigación, porque é algo moi cambiante e moi divertido, porque está creándose constantemente en tempo real”.
Galicia, cunha administración autonómica que xa tomou a dianteira respecto ao resto de comunidades autónomas, e cun tecido forestal e agroforestal de gran valor, dispón dos ingredientes necesarios para converterse nun referente neste ámbito a medio prazo.
Mercado galego de créditos de carbono: situación e perspectivas
Galego








Control OJD