O VI Foro da Biomasa Galega, celebrado durante a Feira da Enerxía, Enerxétika, en Silleda, serviu para facer un seguemento do sistema voluntario de créditos de carbono que a Xunta de Galicia está a poñer en marcha. Cunha plataforma tecnolóxica en desenvolvemento e un comité técnico xa constituído, o mercado aspira a ter as primeiras metodoloxías aprobadas a finais de ano, vinculadas á construción en madeira e a unha xestión forestal mellorada.
Un sistema garantista e transparente
A posta en marcha do sistema voluntario de créditos de carbono de Galicia protagonizou un dos eixos temáticos do VI Foro da Biomasa Galega. María Mejuto Pérez del Molino, da Dirección Xeral de Enerxías Renovables, explicou que o sistema, creado a través da Lei de Recursos Naturais en 2024 e desenvolvido polo Decreto 95/2025, ten como obxectivo facilitar a compensación de emisións e impulsar proxectos dentro da comunidade galega para acadar a neutralidade climática en 2040.
Este sistema será complementario ó Rexistro de proxectos de absorción de carbono que xestiona o Ministerio de Transición Ecolóxica. Este Rexistro admite proxectos de dous tipos: a reforestación de montes queimados ou a forestación de montes que estivesen desarborados cando menos desde o ano 1989.
O mercado voluntario de créditos de carbono de Galicia é un complemento que extenderá a posibilidade de certificar créditos de carbono, tanto para o sector forestal como noutros sectores (agricultura, construción en madeira, biomasa, etc.).
O sistema contempla a creación dun rexistro público accesible e centralizado que servirá como plataforma de conexión entre operadores de proxectos e compradores de créditos.
Mejuto definiu o sistema galego como unha ferramenta con dúas patas: unha legal e regulatoria, que recolle o propio decreto, e outra tecnolóxica, que se materializará a través do proxecto de compra pública innovadora SICLE CO2, financiado con fondos FEDER e cun orzamento de 6,8 millóns de euros. As metodoloxías da parte regulatoria, explicou, serán sometidas a exposición pública, analizadas polo comité de expertos e aprobadas finalmente polo Consello da Xunta de Galicia.
O sistema contempla a creación dun rexistro público accesible e centralizado que servirá como plataforma de conexión entre operadores de proxectos e compradores de créditos. Ademais, constituíuse en febreiro un comité técnico formado por 14 vocais, máis presidencia e secretaría, integrado por nove persoas da administración e cinco expertos externos.
“Todas aquelas metodoloxías que se aproben a nivel europeo, nós de oficio xa as imos poder incorporar ao noso sistema”, sinalou Mejuto, mencionando como exemplo a metodoloxía de biochar, que está a piques de aprobarse a nivel europeo.
Metodoloxía do Clúster da Biomasa: cambio de caldeiras fósiles
Fernando Vargas Capilla, en representación do Clúster da Biomasa de Galicia, presentou a proposta de metodoloxía que están a desenvolver, baseada no cambio de caldeiras de combustibles fósiles por caldeiras que operen con biomasa, unha tipoloxía que encaixa no anexo do decreto, no apartado de eficiencia das industrias enerxéticas.
“Creo que é importante que a iniciativa da metodoloxía, do procedemento en si, veña desde o sector privado, de aqueles que están a traballar no sector”, defendeu Vargas.

“Creemos que as emisións que se eviten con este cambio de caldeiras poden xerar créditos de carbono que poden axudar a financiar proxectos actualmente de cambio de caldeiras de biomasa”, sinalou Vargas, precisando que os proxectos poderían aplicarse sobre todo a edificios públicos, industria e redes de comercio. O decreto recolle ademais a posibilidade de agrupar proxectos para aforrar investimento en validacións.
Vargas defendeu a trazabilidade da biomasa para evitar a dobre contabilidade con outras tipoloxías, así como o equilibrio entre rigor e custos para non encarecer os proxectos.
O cálculo dos créditos basearíase na diferenza de emisións entre a caldeira fósil e a de biomasa, descontando as emisións do ciclo de vida do biocombustible mediante declaracións ambientais de produto. “Cando fabricas pélet ou astilla, desde o monte ata a caldeira xéranse emisións. Queremos calculalas para descontalas dos créditos”, explicou.
Vargas defendeu a trazabilidade da biomasa para evitar a dobre contabilidade con outras tipoloxías, así como o equilibrio entre rigor e custos para non encarecer os proxectos. “Podemos encontrar que o custo da validación ou da certificación sexan altos e que prexudiquen os proxectos que de verdade queremos facer. Buscar ese equilibrio creo que é fundamental”, afirmou.
Descarbonización industrial: o caso de FINSA
Ramiro García López, de FINSA, expuxo a experiencia da compañía na descarbonización. FINSA consome ao redor de 3 millóns de toneladas de madeira para producir 2 millóns de metros cúbicos de taboleiro, cun consumo de enerxía térmica catro veces superior ao eléctrico.
“No 2018, a biomasa representaba un 54% da nosa enerxía térmica. A situación evolucionou, entrou a regulación sobre limitación de emisións para as plantas de coxeneración, e neste 2025 superamos por fin o 90% de biomasa”, explicou García, que cifrou o investimento en 80 millóns de euros. As emisións directas reducíronse de 430.000 toneladas de CO₂ a 60.000, unha baixada do 86%.

García detallou que entre o 85 e 90% da biomasa procede de subprodutos internos (casca, po de lixado, recortes). “Todo o que vale para facer taboleiro vai para o taboleiro, non vai para as caldeiras”, afirmou. O 10-15% restante é biomasa forestal de orixe residual verificada (PEFC).
Fixo fincapé no principio de uso en cascada da directiva RED3. “Para nós, fabricantes de taboleiros, é a biblia”, afirmou. Sobre a neutralidade do CO₂, explicou que a biomasa emite o dobre que o gas natural para obter a mesma enerxía, se ben no caso da biomasa trátase de carbono capturado da atmósfera nos últimos anos. A neutralidade depende de que o balance entre o carbono capturado no crecemento das árbores e o emitido sexa positivo.
Perspectivas e prazos
¿Cando entrará en funcionamento o mercado galego de carbono?. Mejuto explicou que o sistema atópase en fase de desenvolvemento. Están en proceso de licitación a plataforma SICLE CO2 e unha oficina técnica, con adxudicación prevista para o segundo trimestre de 2026. O obxectivo é que a plataforma estea operativa a finais de ano con polo menos dúas ou tres metodoloxías aprobadas.
Desde a administración lanzouse unha invitación ao sector: “Quen queira presentar externamente unha metodoloxía, pódea presentar. Invitamos a que chame á porta
“Recibimos 37 entradas na manifestación de interese, maioritariamente dos ámbitos forestal e enerxético. Temos unha metodoloxía de construción con madeira e varias para xestión forestal mellorada. Iso é co que imos comezar”, sinalou Mejuto.
Desde a administración lanzouse unha invitación ao sector: “Quen queira presentar externamente unha metodoloxía, pódea presentar. Invitamos a que chame á porta. Queremos nutrirnos de todo tipo de persoas e profesionais, tanto da universidade como do sector privado”.
Pola súa banda, Vargas confirmou que o Clúster da Biomasa presentará a súa metodoloxía: “Imos intentalo en canto a teñamos a punto. Presentarémola polo procedemento que se establece no decreto. Esperemos que isto axude a facer máis instalacións das que se están facendo”.
Unha oportunidade para a bioeconomía galega
O mercado voluntario de carbono galego nace, segundo o exposto no foro, como un instrumento clave para alcanzar a neutralidade climática en 2040, ao tempo que ofrece novas vías de financiamento para proxectos de descarbonización e xestión forestal activa. A combinación dun marco regulatorio propio, o desenvolvemento dunha plataforma tecnolóxica innovadora e a implicación do sector privado sitúa a Galicia nunha posición avanzada no ámbito dos mercados de carbono voluntarios.
Galego










Control OJD