Mercado da carne no 2019: avicultura á alza, estabilidade en vacún e incertidume en porcino

Mercado da carne no 2019: avicultura á alza, estabilidade en vacún e incertidume en porcino

Carne de porcino. / Arquivo.

As previsións da Comisión Europea para o 2019 no mercado da carne apuntan á continuidade das tendencias dos últimos meses. A principal incertidume radica no mercado porcino, onde a progresiva expansión da peste porcina africana ameaza de xeito inmediato ós produtores de Centroeuropa, constituíndo un risco no medio prazo para toda a UE. En canto ós outros sectores, en avicultura espérase máis produción, aínda que a menores prezos. A situación contraria darase en vacún de carne: menos produción pero probablemente prezos á alza.

Avicultura
O sector cárnico con mellor tendencia nos últimos anos é o avícola, que no 2018 rexistrou un ano forte en prezos e un aumento da produción dun 5% no conxunto da UE. Ese bo ano foi debido en gran medida a restriccións nas importacións de Brasil por motivos sanitarios, pero xa no final de ano comezaron a recuperarse as compras do país latinoamericano, polo que para este exercicio espérase unha presión dos prezos á baixa e un menor crecemento da produción, que a Comisión Europea estima nun 2%.

Vacún de carne
Durante o 2018, o vacún de carne experimentou un aumento da produción (+1,8%) e tamén do consumo(+2,1%), unha situación debida en boa medida ó aumento de sacrificios na maior parte de Europa. Factores como duros invernos en Centroeuropa e maiores secas estivais levaron a malas colleitas de forraxes e a un aumento dos sacrificios, tanto nos rabaños de vacún de carne, que minguaron en 100.000 cabezas, como nos de leite, que se reduciron en 375.000 animais.

Esa falta de reposición nas ganderías levará a unha menor produción de carne de vacún no 2019 (-1,3%, segundo o pronóstico da Comisión), pero a cambio, a oferta limitada pode levar a unha presión á alza dos prezos.

A menor oferta compensarase en parte por maiores importacións, pero espérase que non se cubra toda a posible demanda interna, polo que baixará o consumo (-1,5%). Ese consumo tende a maiores demandas de carne procesada e a un aumento do peso da restauración.

Porcino

En porcino, no 2018 producíronse importantes baixadas nas cabañas de países de Centroeuropa, coma Polonia (-18%) ou Holanda (-9%) por factores como a peste porcina africana, os baixos prezos e as restriccións medioambientais. Esas baixadas nas ganderías levarán a que no 2019 se estanque a produción europea, se ben prevense aumentos importantes das exportacións (+9%), acompañadas dunha baixada do consumo interno (-1,9%).

A gran incertidume para o sector é a evolución da peste porcina africana, pois se a enfermidade se expande a novos Estados, iso terá consecuencias a nivel de produción e de exportacións.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información