Menos produción de leite e prezos disparados nos mercados internacionais

A produción de leite no comezo de 2022 caeu nos principais países exportadores, mentres que os prezos dos produtos lácteos se manteñen á alza, alcanzando nalgúns casos récords históricos. Así se desprende do último informe publicado esta semana polo Observatorio do Mercado Lácteo da Comisión Europea.

En canto á produción, na Unión Europea caeu en xaneiro un 0,7% respecto ao mesmo mes de 2021. Maiores foron as baixadas en Nova Zelanda, onde nos primeiros dous meses deste ano as entregas de leite baixaron un 4,2% respecto ao xaneiro e febreiro do pasado ano. En Australia a produción reduciuse nun 3% e en Estados Unidos nun 1,4%.

Mentres que en Australia e Nova Zelanda a baixa pode atribuirse máis a factores climáticos (a súa produción de leite está baseada no pastoreo) no caso da Unión Europea e Estados Unidos incidirían máis neste descenso o importante incremento dos custos de produción (pensos, gasóleo, electricidade…etc).

MILK UE PRODUCCION ABRIL MILK UE PRODUCCION USA NZ

Segue a forte suba dos produtos lácteos

O que si se segue incrementando son as cotizacións dos produtos lácteos na Unión Europea cunha importante suba na primeira semana de abril.

En concreto, e segundo os datos do Observatorio do Sector Lácteo os prezos da manteiga na UE medraron un 6,4%, respecto á media das catro semanas previas, ata os 6,62 euros o kilo; o leite en po desnatado (SMP polas súas siglas en inglés) tamén se revalorizou un 5,6 % ata os 4,07 euros o kilo, unha suba que foi maior no caso do leite en po enteiro (un 6,8% máis), que quedou nos 5,12 euros o quilo. Polo que respecta ao queixo chedar, o prezo tamén subiu na primeira semana deste mes ata os 3,80  euros o quilo, cunha suba do 3,1 %. 

MILK UE PREZOS ABRIL 1

Poxa de Fonterrra

Fóra de Europa, as últimas cotizacións do Global Dairy Trade (GDT), a principal subasta internacional de lácteos, operada pola neozelandesa Fonterra, frearon a forte suba das últimas semanas. Así, houbo unha baixada do 0,6% nas cotizacións da manteiga e do 1,5% no leite enteiro en po, mentres que o leite en po desnatado subiu un 1,0% e o queixo cheddar un 2,7%.

MILK fonterra PREZOS ABRIL 1

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información