Menos do 5% das ganderías de vacún de leite están nun programa de xestión de custos

Representantes do sector demandan a creación dun programa de xestión eficaz, independente e versátil para realizar a xestión técnico-económica das explotacións de vacún de leite. Universidades de Galicia, de Asturias e Cantabria acordan en Lugo presentar unha proposta conxunta ao Ministerio para desenvolver esta ferramenta.

Menos do 5% das ganderías de vacún de leite están nun programa de xestión de custos

Ponentes da xornada sobre "Custos de produción en vacún de leite"

A xestión técnico-económica das ganderías de vacún de leite segue sendo aínda unha importante materia pendente. Menos do 5% das arredor de 8.500 explotacións lácteas que hai en Galicia participan nun grupo de xestión de custos, que englobe todos os factores de produción (alimentación, man de obra, control leiteiro, recría…) para poder incidir sobre eles e que lles permita coñecer canto lles custa producir o leite.

Así se puxo de manifesto o pasado venres no seminario sobre “Custos de produción en vacún de leite”, organizado pola Oficina Agraria Comarcal de Lugo en colaboración con PROePLA, o Grupo de investigación 1716 Proxectos e Planificación da Universidade de Santiago de Compostela.

A situación actual en Galicia é que tan só realizan xestión cinco cooperativas (Agris, Os Irmandiños, Feiraco, Melisanto e a Cooperativa Agraria Provincial da Coruña), así como as explotacións que participan no grupo de xestión da Universidade de Santiago de Compostela, e as que o fan a través de empresas privadas como Seragro ou Xestión Agrogandeira e Natureza.

Sen embargo, a práctica totalidade das explotacións lácteas galegas non coñecen o que realmente lles custa producir o leite, un problema de primeira orde para poder adaptarse a un novo escenario de fortes variacións nos prezos do leite. E é que a nova situación esixe que os gandeiros coñezan realmente os seus custos de produción para poder incidir sobre eles de forma rápida se o prezo do leite varía notablemente. E tamén para facer simulacións sobre escenarios futuros, por exemplo como repercute na rendibilidade da gandería se se reduce un quilo de penso na ración.

Sineiro: “En Francia están xa traballando en simulacións con custos de alimentación”

“En Francia xa o están facendo coa alimentación, que supón ata o 60% dos custos de produción e que é a caixa negra dunha gandería, a materia pendente, facendo simulacións sobre como pode repercutir a baixada na ración do concentrado a curto e a medio prazo para adaptarse á volatilidade dos prezos”, destacou Francisco Sineiro, profesor de Economía Agraria da USC.

As ponencias dos distintos expertos e o debate posterior permiten facer unha diagnose da situación actual e do que realmente se demanda para crear un programa de xestión unificado, independente e versátil, unha ferramenta que actualmente non existe.

¿Por que os gandeiros non participan nos programas de xestión?

Os gandeiros desconfían do uso dos datos e de que realmente os técnicos, sobre todo se son da cooperativa que lle vende o penso ou da industria á que lle vende o leite, coñezan os seus custos de produción e o que gañan. É preciso establecer unha relación de confianza.

Falta de motivación para recoller datos. Esixe moito tempo tanto por parte do gandeiro como por parte dos técnicos de xestión para volcar eses datos no programa.

-Hai un problema de falta de coordinación entre os distintos técnicos que pasan pola granxa (nutrólogos, veterinarios, persoal de Control Leiteiro…etc). A información non flúe entre os distintos técnicos que pasan pola gandería e con frecuencia cada un traballa co seu programa, que é incompatible co do outro técnico. “Hai moitos datos pero pouca información”, resumiu o xerente de Africor Lugo, Ramiro Fouz.

-Hai unha falta de interese dos gandeiros sobre a importancia que ten a xestión para a rendibilidade da súa explotación.

Os programas de análises de custes que hai agora mesmo utilizan metodoloxías diferentes, polo cal non hai homoxeneidade nos resultados, dándose o caso de a mesma gandería ter importantes diferencias nos custos de produción dependendo do programa que se empregue.

¿Que requisitos debería cumprir un programa de xestión para as ganderías de vacún de leite de Galicia e da Cornixa Cantábrica?

-O programa debe abranguer todos os factores de produción dunha gandería (incluíndo as amortizacións dos préstamos) para coñecer os custos reais de producir o leite.

Debe ter independencia dos intereses comerciais. Falta información técnica independente e un programa de xestión debe estar ao servizo dos intereses dos gandeiros.

-O programa de xestión debería ter en conta a estrutura produtiva de cada gandería, porque a base territorial de cada unha delas é distinta e a distancia, o tamaño, o tipo de solo ou a zona de Galicia condiciona a produtividade e a rendibilidade dos cultivos forraxeiros da explotación. É dicir, o modelo produtivo é distinto para cada explotación e o programa de xestión debe adaptarse a esa realidade, comparando explotacións do mesmo sistema.

Debe ser áxil para coñecer os datos a curto prazo da explotación (custos de alimentación, custos de recría…etc) para poder tamén tomar decisións a curto prazo.

 “O gandeiro debería reunir aos seus técnicos de forma periódica para intercambiar información”

-Son necesarias aplicacións tecnolóxicas (mediante tablets, móbiles…etc) que axilicen a recollida de datos. De todas formas, ao gandeiro non se lle pode esixir que aporte demasiados datos.

É preciso homoxeneizar criterios á hora de recoller datos.

-O programa de xestión debe permitir realizar simulacións de xeito fiable e versátil, de forma que se adapte aos distintos tipos de explotación e a situacións variables.

-É necesario establecer unha relación de confianza entre gandeiros e técnicos. Neste sentido, hai que potenciar as reunións de grupo entre gandeiros da mesma comarca e do mesmo modelo produtivo para ver oportunidades de mellora. Tamén entre os gandeiros e os distintos técnicos e entre o gandeiro e os seus traballadores.

-Deberían ser necesarias auditorías de xestión para as explotacións gandeiras.

Galicia, Cantabria e Asturias presentarán unha proposta conxunta ao Ministerio para desenvolver unha ferramenta de xestión unificada

Precisamente, representantes de Galicia, Asturias e Cantabria acordaron nesta xornada sobre “Custos de produción en vacún de leite” presentarse de forma conxunta ao programa de Programa Nacional de Innovación e Investigación Agroalimentaria y Forestal do Ministerio de Agricultura para desenvolver unha ferramenta de xestión técnico-económica das explotacións de vacún de leite que cumpra os requisitos anteriores.

Por parte de Galicia, a iniciativa contará coa colaboración da Universidade de Santiago de Compostela, por Asturias participará a Universidade de Oviedo e por Cantabria o Centro de Investigación y Formación Agrarias de Cantabria (Cifa). A estes colaboradores do ámbito académico agárdase que se sumen representantes dos gandeiros e de empresas do sector para liderar o proxecto.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información