Menos do 16% dos equipos fitosanitarios pasaron a ITEAF en Galicia

A Xunta de Galicia xunto con outras Comunidades pídelle ao Ministerio que aprobe unha prórroga máis alá do 26 deste mes. A unha semana de que venza o prazo soamente pasaron a Iteaf 1.568 equipos de aplicación de produtos fitosanitarios dos 9.871 que tiñan que realizala.

Menos do 16% dos equipos fitosanitarios pasaron a ITEAF en Galicia

Equipo pasando a Iteaf na cooperativa Cobideza

Un total de 9.871 equipos de aplicación de produtos fitosanitarios deberán ser inspeccionados antes do 26 de novembro de 2016. Sen embargo, a menos dunha semana de que remate o prazo establecido polo Ministerio de Agricultura para pasar esta inspección técnica obrigatoria, a coñecida como Iteaf, menos do 16% dos que teñen que facela en Galicia superaron oficialmente esta proba.

Así, segundo datos da Consellería do Medio Rural, das 9.871 máquinas que teñen que pasar a Iteaf en Galicia nalgunha das vinte empresas autorizadas pola administración galega, soamente 1.568 a superaron.

Equipos que teñen que pasar a ITEAF Inspeccións realizadas a 18 de novembro % Cumprimento
A Coruña 2594 362 13,95%
Lugo 2404 175 7,27%
Ourense 1494 449 30,03%
Pontevedra 3379 582 17,22%
Total GALICIA 9871 1568 15,88%

Fonte: Consellería do Medio Rural

A Consellería recoñece que hai atraso na administración, sobre todo nas inscricións da maquinaria no Rexistro Oficial de Maquinaria Agrícola (Roma), trámite necesario para pasar a Iteaf. “É certo que o volume de traballo nos rexistros provinciais incrementouse nas últimas semanas debido á proximidade do fin do prazo establecido, e os trámites estanse axilizando o máximo posible”, aseguran dende Medio Rural.

A Xunta solicitoulle ao Ministerio unha prórroga máis alá do 26 de novembro

En canto á posibilidade de reclamar ao Ministerio unha prórroga na aplicación desta directiva da Comisión Europea máis alá do 26 de novembro, a Consellería recoñece que lle trasladou esta petición a Madrid. “Trátase dun prazo de carácter estatal, pero é certo que esta Consellería, xunto a outras comunidades, presentou esta posibilidade ao Ministerio”, recoñecen fontes do departamento que dirixe Ánxeles Vázquez.

Polo que respecta ao establecemento de sancións para os equipos de aplicación de fitosanitarios que non teñan superada a Iteaf, dende a Consellería do Medio Rural lembran que veñen reguladas na Lei 43/2002 de sanidade vexetal e as datas de cumprimento veñen reguladas no Real decreto 1702/2011. “Se descoñece o alcance deste incumprimento pero será sempre o Ministerio o que ditará as normas a seguir. As sancións están reguladas por normativa básica estatal e polo tanto, no caso de haber infraccións que se deriven do incumprimento de inspeccións, as medidas serán  aplicadas a nivel estatal”, explican dende Medio Rural.

O sector cre que o número de inspeccións realizadas é maior pero que as altas no Roma retardan o proceso

En calquera caso, os datos facilitados pola Consellería contrastan cos do propio sector. Dende Nagar Servicios, unha das empresas autorizadas para realizar a Iteaf en Galicia, aseguran que “no noso caso imos por riba do 60% das inspeccións realizadas e queremos pensar que o resto das empresas tamén”.

“É certo que notamos un aceleramento no último mes: a xente está máis informada e achégase coas máquinas cumprindo máis as condicións ou polo menos son coñecedores”, engaden desde esta empresa.

En canto ao desfase cos datos da Consellería, desde Nagar Servicios explícano porque “aínda que se están facendo moitas inspeccións, tamén hai moitas máquinas sen inscribir de alta no Roma que o están facendo agora ou que aínda non o iniciaron, e así a porcentaxe mantense baixa”.

Precisamente, fontes do sector sitúan no atraso na inscrición da maquinaria no Roma, especialmente se se realiza a través das Oficinas Agrarias Comarcais -que xuntan os expedientes antes de remitilos ao Roma-, como unha das causas do baixo número de inspeccións realizadas. Neste sentido, as empresas do sector recomendan realizar a solicitude de alta directamente no Roma, xa que “se non llo fan no día, tardan só dous ou tres días”.

Sedes do Roma en Galicia:

OFICINA XUNTA DE GALICIA ENDEREZO TELÉFONO/FAX
SERVIZO DE EXPLOTACIÓNS AGRARIAS DA CORUÑA Rúa Vicente Ferrer nº 2 15008-A Coruña Tel: 981184628 / 981184549
SERVIZO DE EXPLOTACIÓNS AGRARIAS DE LUGO Ronda Muralla, 70
27071-Lugo
Tel: 982294457
SERVIZO DE EXPLOTACIÓNS AGRARIAS DE OURENSE Rúa Florentino L. Cuevillas, 4-6 baixo
32003-Ourense
Tel: 988386575/988386461/
988387298/988386876
SERVIZO DE EXPLOTACIÓNS AGRARIAS DE PONTEVEDRA Rúa Fernández Ladreda, 43 2º
36003-Pontevedra
Tel: 886206587/ 886206547/886206586
SERVIZO DE SANIDADE E PRODUCIÓN VEXETAL SANTIAGO DE COMPOSTELA Rúa dos Irmandiños s/n Salgueiriños
15701-Santiago de Compostela
Tel.  881997441

Unións Agrarias reclama unha prórroga da Iteaf

O sindicato Unións Agrarias-UPA anuncia que “non tolerará que se sancionen a gandeiros e agricultores por non cumprir os prazos para pasar as revisións das Iteaf”. UUAA acusa á Consellería de Medio Rural de “pensar mais nas sancións e en recadar que en informar a os afectados, e de non preocuparse tampouco de asesorar as propias oficinas de extensión agraria”.

Así, aseguran dende a organización agraria que “moitos agricultores e gandeiros presentaron solicitudes de inscrición no Roma xa fai máis de seis meses sen que a día de hoxe recibiran ningún tipo de contestación”.

Ante esta situación, Unións reclama á Consellería que “remita urxentemente a documentación e, de ser necesario, aprobe unha prórroga para pasar a Iteaf”.

Máis información:

-¿Qué equipos teñen que pasar a Iteaf?

-Lista de empresas autorizadas pola Xunta para pasar as Iteaf

-Recomendacións á hora de pasar a Iteaf

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información