Menor colleita de pataca na Limia do esperado

A produción roldará finalmente os 100 millóns de quilos na comarca, inferior á previsión de 130 millóns, debido ao exceso de sol e calor durante o verán.

Publicidade
Menor colleita de pataca na Limia do esperado

Recollida de pataca na Limia

A piques de finalizar a colleita de pataca na Limia, con máis dun 80% das parcelas recollidas na principal comarca produtora de Galicia, as boas expectativas con que comezaba a compaña non parecen cumprirse.

E é que a previsión inicial de ata 150 millóns de quilos que se calculaban recoller este ano, prevese que queden nuns 100 millóns de quilos, por baixo da media de 120 millóns rexistrada nos últimos anos. É dicir, estariamos ante unha colleita normal tirando a baixa.

“A colleita foi menor do esperado nas variedades para industria, como a Agraria ou a Dayfla, que representan ao redor do 70% da superficie sementada na Limia”, asegura Servando Álvarez, director do Centro Agrogandeiro do Inorde, en Xinzo.

En canto ás causas, atribúeas a dous factores: “Por unha banda, o exceso de calor durante os meses de xuño e xullo, cando a pataca estaba tuberizando, o que paralizou o crecemento vexetativo ao superarse varios días os 30 graos. E doutra banda a pataca precisa de fotoperíodos de escuridade para engordar os tubérculos, pero sen embargo en agosto e setembro non houbo practicamente días nubrados e a pataca non tivo horas suficientes de escuridade”.

O resultado son pés de pataca con moitos tubérculos pero de escaso tamaño, con calibres na maioría por baixo de 60, cando os demandados pola industria sitúanse entre 50 e 80.

A diferenza das variedades para industria, na Kennebec si houbo unha gran colleita

Caso contrario foi o da variedade Kennebec, que ocupa ao redor das 3.500 hectáreas de tubérculo que se sementaron este ano na Limia. “Na Kennebec e no resto de variedades antigas, de ciclo curto, a produción si que foi excepcional, cunha media dun 15% máis por hectárea, pasando duns rendementos medios de 30.000 quilos por hectárea a 40.000 quilos e mesmo máis”, destaca Servando Álvarez.

Estes bos rendementos tamén se trasladaron aos calibres da Kennebec, con tamaños máis grandes do habitual. Esta variedade comercialízase en gran parte baixo a Indicación Xeográfica Protexida Pataca de Galicia.

No que si será lembrada esta campaña de pataca na Limia é polo excelente estado sanitario dos tubérculos. E é que a calor e o ambiente seco propiciou que practicamente non se rexistrasen problemas de mildeu ou de bacteriose, e soamente algún problema de escaravello que non revestiu maior gravidade.

Tamén é de destacar que esta colleita é unha das máis longas que se lembran, propiciada tamén pola ausencia de choivas. Así, comezou a mediados de agosto, e tras máis de dous meses, está previsto que finalice esta semana.

Agora toca almacenar a pataca e esperar a que se anuncien choivas para realizar a sementeira do cereal de inverno.

Prezos á baixa

Por outra banda, fontes do sector confirman que o prezo da pataca está á baixa estes días, debido á saturación do mercado pola boa colleita no resto de España e de Europa.

Así, en variedades industriais sitúase a entre 8 e 10 céntimos o quilo, por baixo dos custos de produción, estimados na Limia nuns 10 céntimos. En canto á pataca de contrato, mantense en entre 12 e 13 céntimos o quilo, pero desde as organizacións agrarias advirten de que os descontos “subxectivos” que aplican os almacenistas por calibre, terra ou outros parámetros, fan que o prezo sexa igual ao de mercado en épocas de abundancia de tubérculo.

Por iso, nesta situación os expertos recomendan que os agricultores almacenen a colleita, para sacala ao mercado a partir de novembro, cando o consumo repunta. Iso si, débese ter en conta as condicións de almacenamento, con boa ventilación, e temperaturas que non descendan dos 8 graos.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información