Mención especial a Sinergias Sostenibles Resiforest polo seu proxecto de optimización do aproveitamento da masa forestal residual e da súa valorización

A entrega da mención fíxose efectiva na Escola de Enxeñaría Forestal da Universidade de Vigo, situada no campus de Pontevedra, no marco do III Foro de innovación produtiva do sector agrario

Mención especial a Sinergias Sostenibles Resiforest polo seu proxecto de optimización do aproveitamento da masa forestal residual e da súa valorización

Imaxe da entrega da distinción e da posterior presentación do proxecto./ Fonte: Universidade de Vigo

Sinergias Sostenibles Resiforest tivo unha mención especial no marco do III Foro de innovación produtiva do sector agrario, celebrado o pasado mes de marzo. O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, José Luis Cabarcos, entregou esta distinción polo seu proxecto de optimización do aproveitamento da masa forestal residual e valorización do material extraído.

Este proxecto centrouse no traballo con tres masas arbóreas sen valor comercial, unha de eucalipto afectada por un incendio, outra de piñeiro que presentaba un crecemento moi reducido e unha terceira ocupada por unha especie invasora como a acacia. Un dos seus propósitos era tratar de dar valor aos produtos obtidos en ámbitos como o enerxético, a través da caracterización realizada nos laboratorios e na planta piloto da EE Forestal.

Alén das súas posibilidades neste eido, os investigadores da UVigo comprobaron tamén que é posible xerar biochar con este tipo de biomasa, nunhas probas realizadas cun forno pirolítico de deseño propio, baseado nun sistema de dobre reixa previamente patentado polo catedrático do Departamento de Enxeñaría dos Recursos Naturais e Medio Ambiente, Luis Ortiz. O resultado foi a xeración dun “produto cunha gran capacidade de absorción”, do que o investigador Juan Castro puido constatar as súas posibilidades á hora de reducir as emisións de gases de efecto invernadoiro do xurro xerado nas explotacións gandeiras.

En canto á entrega, fíxose efectiva na Escola de Enxeñaría Forestal da Universidade de Vigo, situada no campus de Pontevedra. A UVigo colaborou nesta iniciativa, xunto co Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM), entre outras entidades. O acto de entrega da mención complementouse cunha visita de campo na localidade coruñesa do Pino, na que se está a desenvolver o proxecto.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información