As mellores leguminosas para explotacións de leite

Resumo da ponencia de Gonzalo Flores na xornada técnica do CIAM "Novas leguminosas anuais nas rotacións forraxeiras para a produción de leite: Aspectos Agronómicos e nutricionais"

As mellores leguminosas para explotacións de leite

Tractor segando forraxe mestura de raigrás e leguminosas.

O cultivo de forraxes durante o inverno, especialmente de raigrás híbrido combinado con distintas variedades de trevo, é unha alternativa moi interesante e recomendable para mellorar a rendibilidade das explotacións lácteas galegas ao reducir a compra de proteína vexetal, principalmente soia.

Esta foi unha das conclusións da xornada técnica que se celebrou o pasado 19 de decembro no Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo (CIAM) sobre “Novas leguminosas anuais nas rotacións forraxeiras para a produción de leite: Aspectos Agronómicos e nutricionais”.

O xefe do Departamento de Pastos e Cultivos do CIAM e experto en produción de forraxes, Gonzalo Flores Calvete, encetou a xornada cunha ponencia sobre “Aspectos agronómicos do cultivo de leguminosas anuais en rotación con millo” na que expuxo as conclusións dunha investigación para determinar cal é a combinación de variedades de forraxes máis interesantes para as explotacións lácteas de Galicia.

Case o 40% das parcelas de millo quedan sen cultivar durante o inverno

Gonzalo Flores comezou a súa ponencia advertindo do desaproveitamento de gran parte das terras de labor das explotacións durante o inverno para cultivo de forraxes en rotación co millo. En concreto, o 71% das explotacións de leite de Galicia cultivan millo durante o verán, e destas o 49% rotan ese cultivo con raigrás italiano anual durante o inverno.

Sen embargo, case un 40% das explotacións sempre ou ás veces deixa a terra sen cultivar durante o inverno, desaproveitando esa superficie para o cultivo de forraxes, e en especial de novas variedades de trevos, adaptadas aos solos ácidos de Galicia e cun interesante rendemento en proteína vexetal.

Ensaio con 4 combinacións de forraxeiras para ver cal é a máis productiva

Para averiguar cales son os tipos de forraxeiras máis interesantes para as explotacións lácteas de Galicia, tanto en volume de produción como en porcentaxe de proteína, o CIAM fixo un ensaio con 4 fórmulas en varias explotacións galegas entre os anos 2010 e 2013.

En concreto as 4 fórmulas que se probaron foron as que se detallan neste cadro :

GONZALO_VARIEDADES_ENSAIO_LEGUMINOSAS_01_STANDAR copia

E o resultado dos 4 anos de ensaio foi o seguinte :

GONZALO_VARIEDADES_ENSAIO_LEGUMINOSAS_02_STANDARa

MS= Materia seca PB= Proteína Bruta.

Conclusións: a fórmula Raigrás híbrido con 5 leguminosas é a máis interesante

Á vista deste datos, as conclusións que expuxo Gonzalo Flores na xornada do CIAM son as seguintes:

As leguminosas anuais presentan unha alta productividade e un elevado valor nutricional, adaptándose a un aproveitamento para ensilar nun único corte a comezos de maio.

O aproveitamento neste momento, nas condicións de ensaio, optimiza a extracción de enerxía neta leite e de proteína por hectárea.

O raigrás italiano como cultivo único produce máis rendemento por hectárea comparado coas mesturas con trevos ou os cultivos de leguminosas sen raigrás.

Pola contra, na produción de proteína por hectárea, a maior porcentaxe de leguminosas na fórmula que se semente, máis proteína.

O raigrás presentan valores baixos ou moi baixos de proteína, polo que unha proporción adecuada de leguminosas na mestura debería ser, como mínimo, do 50% da materia seca total.

Os raigrases con alta capacidade de crecemento invernal tenden a dominar as mesturas e dificultan a implantación e crecemento das especies leguminosas, rendendo forraxe con baixo contido proteico.

Neste sentido, a utilización de raigrases híbridos dá bos resultados proporcionando mesturas equilibradas en canto á proporción de leguminosas.

As mesturas de leguminosas son preferibles ao cultivo só de raigrás, e as mesturas con raigrás son preferibles ás mesturas de só leguminosas en canto á produción de enerxía e proteína por hectárea.

Cómpre avaliar de forma conxunta e integral a rotación tendo en conta o comportamento do cultivo de verán e, se é posible, as vantaxes derivadas da integración de leguminosas nos cultivos.

Podes descargar aquí a ponencia de Gonzalo Flores Calvete.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información