“A mellora xenética en Galicia nos últimos 10 anos foi impresionante”

Javier Freije Freije é xuíz nacional de CONAFE e propietario da gandería Roxo, en Porzún (Vegadeo). Bo coñecedor da situación das explotacións a ambos lados da 'raia', repasamos con el a evolución do sector nos últimos anos e as perspectivas de futuro

“A mellora xenética en Galicia nos últimos 10 anos foi impresionante”

Javier Freire, nunha imaxe na súa explotación.

Con só 14 anos, collía o bus na Veiga camiño de Xixón, onde vivía un tío seu, para ver os concursos de gando. Soñaba con ser algún día coma aqueles xuíces americanos e animado polo seu pai entrou nas escolas de xuíces. Desde 2003 é xuíz da Confederación Nacional de Frisona de España e desde 2006 membro do Comité de Xuíces da entidade, o órgano que a rexe e que celebra unha reunión anual sempre no mes de setembro para escoller, entre outras cuestións, os 10 animais que representarán ao Estado español no concurso europeo. Javier foi o segundo xuíz español en ter no seu haber unha Escola de Xuíces Nacional, un Concurso de Primavera e un Concurso de Outono, así que, botando a vista atrás, pode considerar cumprido aquel soño de rapaz.

Afirma convencido que se avanzou “unha barbaridade” na mellora xenética e que “tanto Galicia como Asturias están a un nivel moi alto”, aínda que recoñece que “nestes últimos anos houbo un retroceso pola baixada do prezo do leite”. E di que “o mundo da xenética está tamén moi influenciado polas modas (primeiro foi a febre da proteína, agora a das vacas cruzadas) e está cambiando cada poucos anos para que siga sendo un gran negocio”.

“Para ter bos resultados en xenética, a chave do éxito é ser constante”

Aínda con estes tres ou catro últimos anos de pequeno retroceso, Javier destaca que “a mellora en vacas en Galicia nos últimos 10 anos foi impresionante” e dá un consello: “para ter bos resultados en xenética, a chave do éxito é ser constante, nos bos e nos malos momentos”.

Na casa Roxo son décadas de constancia. O seu avó foi un dos socios fundadores de Central Lechera Asturiana (el segue sendo compromisario) e o seu pai, Juan Antonio creou xunto a outros 3 veciños nos anos 70 unha das primeiras cooperativas da zona, que chegou a muxir 80 vacas. No ano 82 aquela sociedade desfíxose e cada socio seguiu coas vacas na súa propia casa. Juan Antonio fixo entón unha estabulación para 30 vacas que se foi reformando e ampliando até hoxe. Javier incorporouse no ano 1993, nada máis chegar da mili. Un dos problemas actuais da granxa é o déficit de espazo que ten neste momento, polo que Javier prevé unha pequena ampliación para poder chegar a 80 vacas en ordeño.

Mira, sen embargo, con desconfianza o futuro porque “coa liberación das cotas podemos competir con pouca xente”. “En España hai xa granxas de 2.000 e de 4.000 vacas e de pouco serve opoñerse á macrogranxa de Soria porque ao final o que igual conseguimos é que se instale en Portugal, pero ese leite seguirá entrando a competir co noso no mercado”, argumenta.

Central Lechera marca a diferenza
Pola súa posición de xuíz pero tamén pola súa posición xeográfica de gandeiro ubicado a cabalo entre Galicia e Asturias, Javier é un observador privilexiado para falar do sector nas dúas comunidades con máis vocación láctea do Estado español. “Estamos moi xuntos, pero somos realidades moi distintas. En Galicia hai zonas moi boas para producir leite, algo que é difícil de atopar en Asturias, que ten unha rasa costeira moi estreita e o resto é todo moi montañoso. Pero nós temos un paraugas moi importante en Central Lechera Asturiana, que é un pulmón fundamental para a subsistencia da gandería en Asturias”, di.

“Central Lechera marca a diferenza en canto a servizos ao gandeiro, como o servizo de tanque gratis, o reprodutivo, a asesoría fiscal ou o de substitución, pero sobre todo nótase en canto a prezos, porque Central está marcando sempre por arriba os prezos, mentras que en Galicia non hai industrias cooperativas fortes que logren iso”, compara.

Vacas de Gandería Roxo nunha pradería.

Vacas de Gandería Roxo nunha pradería.

E outra diferenza: “En Asturias non temos a febre de maquinaria que hai en Galicia”, di. Javier ten 127 cabezas, 67 delas vacas adultas, que atende el só. Fai el a maioría dos traballos (muxido, inseminación, ensilado) pero hai tarefas como o sementado e a recolleita do millo ou a elaboración da ración diaria que prefire contratar.

De feito, a chegada todos os días ás seis e media da mañá á explotación do carro mesturador de ASA (Asturiana de Servizos Agrarios, empresa pertencente a Central Lechera) marca o inicio da actividade na gandería Roxo. Fai a ración para todo o día a base do concentrado, o ensilado de herba e o ensilado de millo que hai na propia granxa (gandería Roxo manexa 26 hectáreas de terreo, das que 16 adica a millo) e cobra unha tarifa por minuto segundo o tempo que lle leve facer este traballo, que non chega aos 10 minutos, polo que ás sete menos cuarto Javier xa está muxindo.

Javier, de xuez nun concurso.

Javier, de xuez nun concurso.

“O gandeiro ten que fotografarse ao lado dunha boa vaca e non ao lado dun gran tractor ou dun robot de ordeño. Hai anos o principal valor dunha granxa era a súa cota, pero hoxe son as vacas”, afirma. Esa filosofía venlle de familia. O seu pai, Juan Antonio, era un entusiasta das boas vacas e foi el quen lle inculcou ese mesmo gusto ao seu fillo. En 1994, despois de facer un curso, Javier comezou a inseminar con touros probados de Canadá e Estados Unidos cando “a maioría dos veterinarios non sabían aínda diso”, lembra.

Na súa explotación xa había dúas vacas importadas de Canadá a mediados dos 80 e no ano 98 comezaron a traballar con embrións, aínda que con bastante mala sorte, segundo recorda Javier. “Pasounos de todo, moitos machos, fetos momificados, mortes das receptoras unha semana antes de parir, pero con todo quedáronnos 5 ou 6 familias desas na casa que son coas que seguimos traballando. O 90% das vacas que temos son descendentes desas familias”, explica. Fiel a esas orixes, Javier segue aínda hoxe poñendo nas súas vacas seme dos mellores touros de Estados Unidos e Canadá.

“Ás veces saír fóra sérveche para darte conta de que non facemos as cousas tan mal aquí”

Javier envexa deses países un maior recoñecimento para os gandeiros. “Aquí non somos un sector respectado e prestixiado pola sociedade, que é cada vez máis urbanita, e o sector apágase”, afirma. E pon como exemplo á súa parroquia: “en Porzún había 15 ganderías e hoxe quedamos 3”. E compara a situación en Galicia e Asturias coa que existe noutros lugares onde producir leite aínda é mais complicado, coma en Menorca ou nas Azores.

“Só me sonaban as Azores polo anticiclón, pero tiven oportunidade de acudir alí a unha escola internacional de xuíces e sorprendeume. San Miguel, a illa máis grande e máis turística, ten 80.000 vacas, todas en pastoreo e mentras nós pechamos as nosas fincas con silveiras, alí hai ortensias”, conta. O mesmo pasa en Menorca, di, onde producir leite é moito máis difícil que na península, onde hai unha estrutura de propiedade da terra absolutamente rentista e onde os gandeiros teñen que facer queixos para esquivar unha situación de prezos do leite tamén moi baixos.

Por iso Javier afirma que “o máis gratificante da experiencia de ser xuíz é precisamente coñecer outras realidades”, a de gandeiros doutros lugares do Estado e de Europa, un exercicio de saír fóra que recomenda porque lle serviu para darse de conta “de que hai aspectos nos que temos que mellorar pero tamén que noutros tampouco facemos as cousas tan mal aquí”, conclúe.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información