A Deputación de Lugo desenvolve un convenio coa Asociación de Criadores de Raza Rubia Galega (ACRUGA) para facilitar ás explotacións de vacún de carne da provincia xovencas de alto valor xenético que son criadas nas instalacións da Granxa Gayoso Castro.
Este acordo ten contribuído á conservación da principal raza autóctona de vacún de carne galega e á súa calidade xenética, porque “se melloras as reprodutoras ao final estás mellorando a raza”, razoa Sonia Verdes, directora do centro.
Aínda que o número de animais que hai en cada momento no centro de recría depende da época do ano, en función das xovencas que saen a subasta nas poxas que se celebran en distintas localidades da provincia, a cabana gandeira mantense en torno ás 135-150 cabezas.
Acruga adquire os animais nas explotacións, o que permite a estas granxas valorizar a súa recría
Acruga selecciona xatas con altas cualidades nas explotacións e unha vez adquiridas son introducidas no centro de recría para ofrecelas posteriormente, próximas ao parto, a outras granxas da provincia.
“Contrólase todo o proceso, desde a alimentación aos cruzamentos ou os parámetros sanitarios, para obter animais ben conformados segundo os parámetros establecidos no Libro Xenealóxico da raza”, detalla.
Hai moita demanda por parte das ganderías de carne de animais de alta calidade xenética
A introdución destes animais de alta calidade permite a mellora xenética das explotacións receptoras, ao mesmo temo que se logra unha valorización da recría por parte das explotacións de orixe, xa que vender animais para vida sempre permite ás ganderías de procedencia obter un maior retorno económico dos seus animais.
15 hectáreas de pastizais
Acruga ocupa as instalación da antiga nave de leite e xestiona unha parcela dunhas 15 hectáreas para as xovencas xa preñadas. As xatas chegan ao centro en torno aos 5-6 meses de idade, insemínanse cando cumpren ano e medio e son subastadas a partir dos 6 meses de preñadas.
A granxa é autosuficiente na produción forraxeira
A superficie agraria total da Granxa Gayoso Castro está conformada por unhas 300 hectáreas de terreo, das que 200 son xestionadas polo Centro de Recría de frisoas (xestiónaas a empresa concesionaria, Recría Castro, para a produción de forraxes para a alimentación dos 2.800 animais que alberga o centro).
Das restantes 80 ha que hai do outro lado da estrada, 57 son produtivas e adícanse á produción de forraxe e o resto son as que ocupa a Lagoa de Caque, un espazo natural protexido de alto valor ambiental. Esas 57 ha son as que xestiona directamente a Deputación de Lugo para producir forraxes para a elaboración da ración coa que alimentar o gando da Granxa Experimental de leite, as xovencas de recría de raza rubia galega de Acruga e a suplementación dos rabaños de vacas cachenas e de cabalos nas épocas de escaseza de pasto.
As condicións edafoclimáticas condicionan o manexo da superficie
Fan rotacións anuais de millo e pradeira nunhas 20 hectáreas de terreo e están apostando pola introdución de leguminosas. “Hai dous anos botamos unha mestura de veza con raigrás nas fincas máis enxoitas e este ano imos rotar de novo con leguminosas, que é precisamente unha das orientacións da Política Agraria Común pola función que teñen á hora de fixar nitróxeno e aforrar fertilizantes”, conta a directora da Granxa Gayoso Castro.
Fan rotacións anuais de millo e pradeira nunhas 20 hectáreas de terreo
“Tendo en conta as condicións edafolóxicas do terreo é necesario xestionar ben a recollida da forraxe e a sementeira posterior. A parcela agrícola ten unhas características particulares, xa que ten unha composición caliza que fai que se encharque facilmente cando chove pero que se seque tamén moito no verán. Por iso temos que procurar adiantar o máis posible a sementeira do millo, para o que temos que ensilar cedo a herba”, explica.
Externalización de parte dos traballos agrícolas
Sonia Verdes é veterinaria de formación e pasou 15 anos facendo clínica en explotacións leiteiras. Actualmente, á fronte da Granxa Gayoso Castro desde o ano 2021, dirixe un equipo cualificado e con experiencia. O equipo directivo da granxa inclúe un veterinario e un enxeñeiro técnico agrícola e o plantel de traballadores complétase cun capataz, unha administrativa e con peóns e maquinistas.
Veñen de adquirir unha cisterna con inxectores para a distribución de xurro dotada de tecnoloxía 4.0
En canto á maquinaria, “non diferimos moito do que fai unha granxa comercial calquera, onde a tendencia a día de hoxe é a externalizar servizos”, asegura Sonia. Contan con maquinaria básica de funcionamento para o día a día, como un carro mesturador ou unha cisterna de distribución de xurro recentemente adquirida, dotada de inxectores e das últimas tecnoloxías 4.0 de mapeo e xeolocalización, pero subcontratan os traballos agrarios de sementeira e ensilado tanto da herba como do millo.
Conservación e fomento das razas autóctonas en perigo: vaca cachena e cabalo galego
Ademais de contribuír á mellora da raza rubia galega, nos últimos anos a Deputación de Lugo fixo esforzos para axudar a conservar outras razas autóctonas que se atopan en perigo, como a cachena ou o cabalo galego, tratando de fomentar o seu mantemento.
A explotación de cachenas mantense no entorno das 15 reprodutoras e un semental e os animais que nacen, tanto machos como femias, son subastados en poxas públicas para que sexan adquiridos por outras explotacións. “As cachenas son animais moi prolíficos que preñan moi ben e temos un importante excedente de recría para o que hai moita demanda”, di.
A Granxa Gayoso Castro conta cun rabaño de 15 cachenas e un núcleo de cría de cabalo de pura raza galega para tratar de fomentar estas razas autóctonas
As cachenas ocupan unha zona marxinal da finca, ao ser unha raza rústica de pequena talla que se adapta ben a cría en extensivo en zonas de pasto onde non é posible outra actividade. En épocas de escaseza supleméntanse con forraxe.
“En canto aos cabalos, partíase de dous lotes de cabalos mestizos froito dun proxecto de investigación da facultade de Veterinaria de Lugo para reducir o número de parásitos por medio duns fungos que inxiren en forma de xelatina e decidiuse substituir eses cabalos mestizos, que non teñen interese desde o punto de vista xenético, por cabalos de pura raza galega para deste xeito manter un núcleo de cría duns 15 exemplares entre cabalos e éguas repartido tamén en dous lotes para que se poida continuar co proxecto de investigación iniciado”, explica a directora do centro.