Mellora o estado sanitario do viñedo en Galicia que xa está no peche do acio

Publicidade
Mellora o estado sanitario do viñedo en Galicia que xa está no peche do acio

Os acios máis expostos ao sol xa empezan a manifestar síntomas de maduración. Foto: Estación Fitopatolóxica do Areeiro

A Estación Fitopatolóxica de Areeiro, centro dependente da Deputación de Pontevedra, publicou este mércores o seu boletín fitosanitario no que informa da situación dos viñedos na provincia. O tempo solleiro e as temperaturas elevadas dos últimos días melloraron notablemente o estado sanitario, freando o mildio, entre outras enfermidades fúnxicas, e adiantaron o estado do cultivo.

Aasí, a totalidade das viñas están xa, sen ter empezado agosto, no peche do acio (incluso algúns acios empezan a brillar) e mesmo algúns casos, de viñas especialmente solleiras ou variedades temperás, iniciando xa o pintado.

Mildio:

Despois de tantos días continuados de tempo verdadeiramente cálido, con ventos do norte ou nordés e humidade relativa media en xeral, o estado das viñas é excelente no relativo a esta enfermidade. Tanto é así, que malia ter habido algúns días con néboas locais que provocaron o humedecemento nocturno da vexetación que, unido ás temperaturas mínimas moi por riba de 13ºC, poderían ter xerado a esporulación nas manchas/síntomas antigos nas viñas onde aínda os houbera, os técnicos da Estación Fitopatolóxica de Areeiro non observaron máis que moi puntualmente en predios moi abrigados e con pouca circulación de aire. “Incluso aquelas parcelas da nosa rede que o día 18 cumpriron o mes sen recibir intervención algunha non presentaban síntomas nos novos crecementos. É máis, tamén as plantas testemuña practicamente defoliadas en xuño xeraron novos gromos que igualmente están libres da enfermidade”, engaden.

Esta situación parece que se vai manter nas xornadas seguintes pois, se ben é certo que as previsións anuncian unha lixeira baixada das temperaturas, non se esperan choivas e polo tanto o risco de infección será baixo en xeral. “Non obstante, tendo en conta que aínda pode haber danos nos acios, e que tamén parece que os ventos serán de dirección variable e algúns días do oeste, máis húmidos polo tanto, hai que continuar coa vixilancia”, aconsellan os técnicos.

Algunha variedade tinta xa ten cambio cor. Foto: Estación Fitopatolóxica do Areeiro

Algunha variedade tinta xa ten cambio cor. Foto: Estación Fitopatolóxica do Areeiro

Oídio:

As condicións seguiron a ser relativamente favorables á enfermidade, máis entre domingo e luns polas néboas que houbo, pero en xeral a situación que observaron nas revisións desta semana ás viñas foi positiva, pois mesmo nas viñas que tiveron ataques máis fortes as infeccións están contidas.

Deste xeito, informan de que “en xeral só apareceron puntualmente focos moi illados nos que uns poucos grans dalgúns acios tiñan presenza do fungo, e só unha porcentaxe que non acadaba o 5% de predios tiña algunha zona máis afectada, o que en principio atribuímos a unha mala distribución dos funxicidas debido a que detectamos estes ataques cara o final das viñas e/ou en zonas con exceso de vexetación”.

Próximos ao pintado, a sensibilidade dos acios ao patóxeno diminúe, pero a infección aínda pode continuar a evolucionar en especial nas viñas máis sensibles e con ataques previos. Por este motivo, os técnicos da Estación de Areeiro lembran que “é necesario non descoidar a vixilancia, pois as temperaturas previstas para os próximos días, os ventos do oeste que se esperan algunhas xornadas e as nubes que poida haber poden incrementar o risco”.

“Polo tanto -precisan-, se se observa un incremento dos acios afectados, aparte de procurar unha boa aireación das viñas, será conveniente realizar unha intervención, que probablemente xa sería a última da campaña fronte a esta enfermidade”.

Black-rot:

As condicións ambientais seguen a ser desfavorables ao avance da enfermidade, e así non observaron avance algún, tampouco nas viñas abandonadas.

Botrite:

A humidade relativa media (ou baixa nas horas con sol) destes días e a ausencia de precipitación non favorecen ao patóxeno. Tampouco as condicións previstas as próximas xornadas polas diferentes axencias meteorolóxicas consultadas o favorecerán, polo que dende a Estación Fitopatolóxica de Areeiro consideran que de momento non se espera a aparición de síntomas.

Outras incidencias:

Ademais de cada vez máis plantas que, co estrés hídrico e as altas temperaturas, manifestan síntomas de alteracións de madeira, os técnicos informan de “síntomas de trips no Salnés, pouco importantes e nunha porcentaxe que non acada o 1% de viñas revisadas”.

Tamén advirten da presenza de “máis acios con golpe de sol ou con síntomas máis claros desta fisiopatía ou da propia derivadada falta de auga”.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información