Mieles Anta, S.L., a maior empresa produtora e exportadora de mel de Galicia celebrou este venres un acto para conmemorar o seu 25 aniversario e homenaxear ao seu fundador, David Corral.
O evento, que se celebrou no Casa Grande de Nadela, en Lugo, contou coa asistencia de traballadores, amigos, provedores, clientes e representantes públicos, como a conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez; o alcalde de Bóveda, José Manuel Arias; a presidenta do Consello Regulador da IXP Mel de Galicia, Esther Ordóñez, ou o presidente do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia, José Antonio Fernández.
Primeiro produtor de Mel de Galicia
Mieles Anta, unha empresa con sede en Bóveda (Lugo) e con marcas tan recoñecidas no mercado como Pazo de Lusío, Mel da Anta e Toca, é neste momento o principal produtor e exportador de mel de Galicia.
Así, pecharon o 2015 con máis de 500.000 quilos de mel comercializados, boa parte producido polas súas máis de 10.000 colmeas, repartidas por toda Galicia, pero fundamentalmente no Courel, onde a riqueza da flora silvestre lle confiren unhas características únicas ao seu mel. Boa proba disto é que no 2015 a Organización de Consumidores e Usuarios elixiu a Mel da Anta como o mellor mel de España.
Mieles Anta ven de comezar a exportar mel galego a China
Aumentar as exportacións é un dos obxectivos que se marca Mieles Anta para 2017, que xa representa o 25% do seu mercado, especialmente no mel ecolóxico. “Actualmente en torno ao 35% do mel que comercializamos é ecolóxico, e exportamos fóra de España o 80%, pero trátase dun mercado en expansión polo que temos que aumentar a produción”, salientou David Corral.
Nesta liña, o fundador de Mieles Anta destacou o inicio de exportacións a China -o principal exportador de mel a España e á Unión Europea- a finais do pasado ano, así como a consolidación das vendas a Estados Unidos.
David Corral manifestouse “emocionado e sorprendido” pola homenaxe sorpresa organizada polos seus traballadores e familiares e amosou o seu agradecemento a clientes, administracións, e provedores pola confianza no seu proxecto empresarial.
“Consolidámonos como referente do mel de Galicia e queremos seguir medrando nos próximos anos, poñendo en valor este produto de altísima calidade que contribúe á creación de riqueza e emprego no rural”, asegurou.
Mieles Anta rematou o 2016 cunhas vendas de máis de 2 millóns de euros e con 20 persoas en plantilla.