Mel Rural: Pioneiros en producir mel ecolóxico en Galicia

Manuel Macía foi emigrante en Suíza e alí aprendeu a valorar os produtos naturais. Cando voltou fixo esa mesma aposta coas colmeas que tiña repartidas polos montes do Courel. Aqueles primeiros anos foron duros e difíciles e a piques estivo de tirar a toalla. Hoxe conta con 2.000 colmeas e é un dos apicultores de referencia en Galicia

Mel Rural (Quiroga) Manuel Macia“Non é bo poñer todos os ovos na mesma cesta”. É un consello que Manuel Macía gusta de dar e que el mesmo aplicou na súa vida. Ese interese por diversificar o risco foi o que o levou á apicultura e, pasados os anos, o que o salvou da crise do ladrillo, o sector no que traballara como encofrador. 

Pero Manuel é tamén un apicultor vocacional e leva 60 anos entre abellas. “Gústanme as abellas desde neno e chapei todos os libros que saíron, eu fíxenme bo apicultor porque me gustan”, admite. Aos 7 anos o seu pai mercoulle os seus primeiros trobos. “Comproulle a un señor que estivera en Cuba unha alvariza e 3 colmeas. Trouxerámolas nun burro durante dúas horas de viaxe desde Outeiro, o pobo de miña nai, até Vilarmel, onde viviamos”, conta. 

Neste pobo de Quiroga, a 930 metros de altitude, lindando xa co Courel, Manuel viviu até os 18 anos. Alí, aos pés do Pico Montouto, tiveron lugar os seus inicios na apicultura moderna. “A primeira colmea moderna que veu a Quiroga, unha Langstroth, regaloulla Extensión Agraria ao meu pai para min porque sabían que me gustaban as abellas. Tiña eu 12 anos”, lembra aínda hoxe.    

Aos 7 anos o seu pai mercoulle os seus primeiros 3 trobos e comezou unha afección que conserva aínda hoxe con 2.000 colmeas

Despois Manuel foi emigrante, en Barcelona e en Suíza, onde pasou 16 anos, pero sempre seguiu coidando das súas abellas. “Aló traballaba na construción, pero cando tiña un día libre ía ver abellas. En Suiza téñenas metidas nunha caseta, 30 ou 40 colmeas xuntas. Traballabamos 9 meses e parabamos 3 no inverno polo mal tempo, que era cando viña de vacacións. Eu ía aprendendo dos vellos, mirando onde armaban as trampas. Cando marchaba deixaba armadas ao mellor 40 trampas en cortizos e cando volvía igual tiña 20 enxamios collidos”, conta Manuel.  

“En Suíza gañábanse moitos cartos, dez veces máis ca aquí”, calcula Manuel, pero chegou un momento, cunha filla de 8 anos e a muller embarazada, que había que decidir: “era virse ou quedar alí, o 90% dos emigrantes optaba por quedar, porque era unha vida máis doada, pero eu sempre pensei en escaparme para aquí”, di. 

Non é bo poñer todos os ovos na mesma cesta, por iso decidin manter as abellas mentres traballaba de albanel

Así que Manuel e a súa familia fixeron a maleta e voltaron para Quiroga, onde continuou traballando na construción e coidando das súas abellas. “Ata que veu a crise, porque estaba claro que aquilo ía estoupar, pero eu dinme conta diso e fíxenme profesional da apicultura, tiña xa daquela 1.100 colmeas”, explica. 

O paso a ecolóxico

Alvariza tradicional de As Barxas, que Manuel mantén cos trobos antigos

Alvariza tradicional de As Barxas, en Quiroga, que Manuel mantén cos trobos antigos

Manuel levaba xa anos preparando o terreo para poder vivir da apicultura. “No 2012, con 12 colmeares e 600 colmeas pasei a ecolóxico e empecei a medrar metendo entre 150 e 200 colmeas cada ano para chegar a un número que me permitira vivir das abellas”, lembra. 

A primeira vez que usei ácido oxálico dun colmear de 80 colmeas matei a metade

Foi o primeiro produtor de Galicia de mel ecolóxico pero os inicios non foron doados. “Aquilo foi moi complicado porque cera ecolóxica aquí non había, tiven que mercala en Francia, e cos tratamentos pasaba igual. Acórdome que a primeira vez que usei ácido oxálico empreguei unha dose moi elevada e dun colmear de 80 colmeas matei a metade. Nese momento estiven a punto de tirar a toalla do ecolóxico e volver outra vez a convencional, porque o prezo do mel era o mesmo e o manexo tiña moitas desvantaxes. Por exemplo, o Timol non era eficaz, tiñas que tratar 2 ou 3 veces e producías menos porque sempre tiñas máis varroa”, relata.

O mel pagábancho igual, pero eu era un fanático dos produtos naturais e quería ter un produto que non tivera ninguén

Pero Manuel tiña as cousas claras e seguiu adiante. “O mel pagábancho igual, pero eu era un fanático dos produtos naturais e quería ter un produto que non tivera ninguén”. Naquel momento foi unha aposta arriscada pero hoxe aquela decisión deu os seus froitos. “Agora o mel ecolóxico cotízase máis e hai máis demanda para el, polo que tes a venda asegurada, mentres para o convencional non. Iso é o que pensaba eu fai 20 anos, pero tardou máis do que eu pensaba”, admite. 

Mel das montañas de Lugo e Ourense

Euromel vende a granel a unha empresa catalá o mel que non logra comercializar coa súa propia marca

Euromel vende a granel a unha empresa catalá o mel que non logra comercializar coa súa propia marca

Aquel proxecto iniciado por Manuel baixo o nome de Euromel é hoxe “unha empresa familiar que funciona moi ben” na que, xunto a Manuel, de 66 anos, figura tamén o seu xenro, Rubén Ocampo. Contan con 46 colmeares, 36 en ecolóxico e 10 en convencional, repartidos polos concellos de Quiroga, Ribas de Sil, Folgoso do Courel, Manzaneda e Trives. “Para 2 que somos a traballar chégannos ben para atender”, recoñece.

Euromel dispón hoxe de arredor de 2.000 colmeas en 46 colmeares repartidos polos concellos de Quiroga, Ribas de Sil, Folgoso do Courel, Manzaneda e Trives

En total, teñen arredor de 2.000 colmeas, 1.640 en ecolóxico e 350 en convencional, “porque xa non había máis sitios onde colocar máis colmeas en ecolóxico, as montañas xa as tiña todas copadas así que para poder seguir medrando tiven que poñer algunha tamén en convencional”, explica.

As montañas xa as tiña todas copadas así que para poder seguir medrando tiven que poñer algunha colmea tamén en convencional

Ser pioneiro en mel ecolóxico en Galicia tivo os seus inconvintes, pero tamén algunha que outra vantaxe. “Ir primeiro permitiume escoller emprazamentos, algo que é fundamental en ecolóxico, porque hai que gardar unhas distancias e nun radio de 3 quilómetros non pode haber pradeiras onde se bote purín nin plantacións de frutais ou viñedo onde se empreguen insecticidas ou herbicidas”, conta. 

Monoflorais de castiñeiro, brezo, carballo e silva

Mel Rural (Quiroga) mel, pole e propoleo ecoloxico

Nos últimos anos diversificaron facendo distintos produtos, como pole de castiñeiro ou propóleo

Da súa etapa en Suíza Manuel aprendeu que había que diferenciarse e tamén que había que diversificar. “Había distintos tipos de mel no supermercado e dinme conta que nesta zona podiamos conseguir meles monoflorais de castaño e de brezo e empecei a separar”, conta.  

Os novos apicultores teñen que optar por facer un produto de calidade e diferenciado. Eu optei por iso e saíume perfecto

Hoxe ademais de castiñeiro e queiruga, logra mel monofloral de carballo e de silva. “O de silva é difícil de conseguir, teño só 5 bidóns de silva este ano, porque son moi esixente e para envasalo coa miña marca ten que ter máis do 70% de silva”, explica. O mesmo co resto. “Legalmente a partir do 35% podes poñer mel de brezo, pero o meu dá o 75% e o de castaño o 90%, cando legalmente o mínimo está fixado no 66%. Pero coa miña marca da envasadora só sae o mel especial do ano, o que máis castiñeiro, brezo, carballo ou silva ten, os que non chegan a esas porcentaxes que eu me marco prefiro vendelo a granel”, di. 

Teño logrado mel de castaño co 96% de castaño. Coa miña marca só sae da envasadora o mel especial do ano

A maior parte da produción a granel véndella desde o ano 1995 a Miel Alemany, unha empresa catalá que move grandes cantidades de mel con destino á exportación. A cotización á que lle pagaron a produción a granel este ano foi de 4 euros/quilo en convencional e 6,50€ en ecolóxico. Aínda que sexa para vender a granel Manuel procura separar tamén por floración predominante. “Os monoflorais dan un pouco máis traballo pero tamén teñen máis saída e págancho mellor. A min en concreto páganmo 40 céntimos máis e se tivera o dobre o dobre vendía”, asegura. 

Entre 10.000 e 12.000 quilos de mel coa súa propia marca

Pero fai 30 anos que Manuel envasa tamén coa súa propia marca, Miel Rural, unha parte importante do mel que produce, aquel de mellor calidade, entre 10.000 e 12.000 quilos e que distribúe en tendas de toda Galicia ou envía a clientes de distintos puntos da península.   

Co mel de queiroga de primavera, máis denso e escuro que o de outono, lograron a medalla de bronce no London International Honey Awards 

“É clientela fiel á que lle gusta un mel concreto, uns queren mel de castiñeiro, que é máis doce e outros de brezo, pero o noso mel de brezo é diferente, porque é de primavera e leva tres tipos distintos de brezo polo que é máis denso e escuro e ten máis propiedades; non ten nada que ver co mel de brezo de outono, que leva unha soa variedade e é máis claro”, conta Manuel. Foi precisamente co mel monofloral de queiroga co que gañou este ano a medalla de bronce no London International Honey Awards, un prestixioso galardón que se une ao Premio do Craega do ano 2007 como mellor produtor de alimentos ecolóxicos. 

O propóleo ten demanda e bo prezo. O quilo págase a 165 euros e vai todo para Francia. Se fixera 100 quilos, 100 quilos vendía

Baixo a marca Mel Rural comercialízanse tamén outros produtos de Euromel, como pole ou propóleo. “O pole dá moito traballo, porque para sacar un bo pole de castiñeiro, de boa calidade, hai que sacalo todos os días e moitos dos colmeares que temos están lonxe, por exemplo, desde Quiroga hai unha hora a Manzaneda e outra ao Courel”, indica Manuel. 

O propóleo é outro dos produtos diferenciados. Comezaron a sacalo este ano en cantidade algo maior. “Ten demanda e bo prezo, o quilo págase a 165 euros e vai todo para Francia. Se fixera 100 quilos, 100 quilos vendía”, recoñece. 

“Fai 10 anos a mortandade das abellas era dun 10%, hoxe é dun 30%”

Manuel recicla a cera dos apérculos de cando saca o mel para os panais

Manuel recicla a cera dos apérculos de cando saca o mel para os panais

Con 6 décadas de experiencia ás súas costas, Manuel atrévese a dar un consello a calquera mozo ou moza que queira comezar hoxe na apicultura: “Non hai que correr, eu empecei despacio, con só 3 colmeas”. “Antes era máis doado. Eu tiña 700 colmeas e traballaba na construción, pero agora é outro mundo distinto, agora se queres ter abellas hai que ser apicultor e formarse para sacarlles rendemento”, indica.  

“Antes era un mundo e hoxe é outro. Antes todo o mundo podía ter abellas, hoxe non, hoxe hai que saber” 

“Agora non é o de antes, cando todo o mundo podía ter abellas. Hoxe non, hoxe un apicultor que non saiba pode quedar sen nada dun día para outro. Fai 10 anos a montandade de abellas era do 10% anual, hoxe é de máis dun 30%. Temos moitas cousas en contra das abellas: varroa, locke, velutina e nesta zona tamén o oso. Hai 4 osos nesta zona de Quiroga, o Courel e Oencia, xa en León, e tiven xa 19 ataques nos 7 colmeares que teño con pastor, pero non poido ter pastor nos 46 apiarios que temos”, evidencia Manuel. 

Este ano a colleita foi escasa e obtiveron uns 23.000 quilos de mel, cun promedio de 12 quilos por colmea, pero o ano pasado chegaron aos 35.000 quilos totais

Asegura que tamén foi minguando a produción nas últimas décadas. “Cando vin de Suíza, fai 33 anos, tiña 40 colmeas modernas e 40 do país. Aquel ano pasei as abellas dos trobos a colmeas modernas e sen ter cera estirada logrei un promedio de 52 quilos por colmea. Pero esas medias foron baixando primeiro a 40 quilos, logo a 30 e agora a 20. Eu hoxe considero unha colleita normal entre 20 e 30 quilos. Con iso sacaría 60 toneladas, pero fai dous anos a media foi de 10 quilos, o ano pasado de 20 e este ano o promedio foi de 12 quilos. Por iso sobe o prezo do mel”, asegura. 

Os efectos do cambio climático

Manuel achaca boa parte do aumento da mortandade de abellas e o descenso de produción ao cambio climático. “Está clarísimo, boa parte do incremento de mortandade débese a que cambiou o clima. Desde fai cinco anos eu estou facendo de 500 a 700 núcleos cada ano e fanme falta para cubrir as baixas practicamente, non logrei aumentar o número de colmeas un 10% nestes 5 anos. Antes saían enxamios, hoxe case non ves ningún”, argumenta.

Os núcleos véndoos a 80 euros porque eu se vendo algo quero que sexa bo, o que non quero para min non llo vendo a ninguén

Na actualidade non ten en mente seguir medrando, polo que vende os excedentes de abellas. “Vendo núcleos, até agora poucos porque os tiven que usar para min, para ir aumentando, pero agora penso manter só as que teño. Os núcleos eu véndoos a 80 euros porque teño tres razas que non ten calquera. Eu o que non quero para min non o quero para ninguén. Eu se vendo algo quero que sexa bo”, asegura.  

Mellora xenética

A través da selección de raíñas Manuel foi tratando de mellorar o nivel produtivo das súas abellas e a súa resistencia a enfermidades. “Non é o mesmo unha raíña dunha raza que doutra, pasa igual que no caso doutras especies como polos ou vacas, a produción é moi diferente”, di. 

A raíña autóctona é máis dura e aguanta máis, aínda que produce menos

Mantén neste momento  tres liñas xenéticas diferenciadas. “Non me gusta ter todo da mesma raza. Teño a raza de aquí e tamén outras razas cruzadas nas que a raíña pon moitos máis ovos, polo que as colmeas producen moito máis mel. Teño un cruce que na primavera enche 8 cadros da cámara de cría, pero tamén son colmeas máis delicadas se non vén unha boa floración, porque se temos 20 quilos de abellas e non temos bo néctar e pole fóra para alimentalas temos un problema. Por iso hai que ter un pouco de todo, igual que é bo ter vacas pintas, rubias e cachenas, porque cada unha adáptase a un terreo, come unhas herbas e produce tamén cousas distintas”, compara.  

Cera de apérculo para renovar os panais

Ademais de facer os tratamentos e vixiar as colmeas para manter controlada a varroa, Manuel reutiliza a súa propia cera como estratexia para combater o locke americano. “Non teño moitos ataques de locke, pero para iso hai que renovar moito os cadros e poñer moita cera nova. Teño cambiado máis de 10.000 láminas nun ano. Eu agora uso a cera natural miña, cera de apérculo de cando saco o mel. Antes mercaba cera ecolóxica, pero desde fai máis de 10 anos reutilizo esta e non uso a cera da cámara de cría”, explica. 

A cera mercada vén chea de parafina e pode traer enfermidades, a de apérculo é a mellor cera e a máis sa e sabes que non a van rexeitar as abellas

Asegura que a do apérculo “é a mellor cera e a máis sa”. “Facer isto é moito máis importante do que se cre, porque é unha maneira de eliminar o locke e de meter unha cera que sabes que está libre de enfermidades e que non van rexeitar as abellas. A cera mercada vén chea de parafina e pode traer enfermidades”, asegura. 

Unha alvariza única

Alcornoque e alvariza de As Barxas

Sobreira e alvariza de As Barxas

Amante da natureza, Manuel disfruta dela cando vai ver as abellas ou cando vai de caza ou de pesca, as súas outras dúas grandes afeccións. Foi tamén ese gusto pola tradición apícola o que lle fixo ir adquirindo distintas alvarizas tradicionais que mantén en uso. “Unha delas está intacta, compreina fai 20 anos e costoume 130.000 pesetas. Hoxe está na ruta das abellas do Courel. Viñeron uns xaponeses e botaron o día enteiro filmándoa”, conta. 

Para un apicultor non hai cousa máis bonita que ter unha alvariza

Esta construción circular, coñecida como a alvariza de As Barxas, ten tamén a carón unha sobreira centenaria, o máis grande que se conserva na zona de Quiroga e o Courel. “Eran as árbores que se usaban para facer os trobos para as abellas. Paguei 15.000 pesetas pola sobreira e outras 15.000 polo terreo onde está, porque aquí antes comprábanse estas árbores sen a terra unicamente para poder facerlles o aproveitamento da cortiza”, explica. 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información