O Consello Regulador da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Mel de Galicia celebrou un evento no que se presentou a súa nova identidade visual baixo o lema “Auténtico por natureza”. A nova marca foi redeseñada para modernizar a proxección da IXP sen perder a súa esencia territorial e institucional. A continuación celebrouse unha mesa redonda na que se debateu o presente e o futuro de Mel de Galicia nun contexto de mercado cada vez máis competitivo.
No debate participou a Conselleira do Medio Rural, María José Gómez Rodríguez, xunto a Esther Ordóñez Dios, Presidenta do Consello Regulador da IXP Mel de Galicia, e representantes do sector apícola: Jose Mª Seijo Coello, da Agrupación Apícola de Galicia; María del Carmen Puga González, da Asociación Galega de Apicultura (AGA), e os apicultores, produtores e envasadores, Javier Carreiras e José Luis González Portabales.
A presentación contou tamén cun showcooking e un túnel de cata das marcas adscritas á IXP, o que permitiu aos asistentes probar de primeira man a diversidade e a calidade dos meles certificados. Así mesmo, os alí congregados puideron desfrutar dunha exposición que repasaba a historia do mel en Galicia.
A IXP Mel de Galicia pechou 2025 co mellor dato de produción da súa historia: 369.743 quilogramos de mel cualificado,
O deseño de marca constrúese a partir dun logotipo que integra de forma harmónica tipografía e iconografía. Nun primeiro golpe de vista, o elemento máis destacado é a abella, que á súa vez conforma a inicial «G» de Galicia; un deseño orgánico que transmite dinamismo e reforza o vínculo co lugar de produción e coas principais protagonistas da elaboración do mel. As ás da abella poden interpretarse tamén como pétalos dunha flor, ampliando o universo visual cara á biodiversidade e á orixe vexetal do produto.

Tamén fixo repaso polos máximos históricos e destacou que a IXP Mel de Galicia pechou 2025 co mellor dato de produción da súa historia: 369.743 quilogramos de mel cualificado, un 37 % máis que en 2021, cun valor económico de 3,3 millóns de euros. O número de envasadores inscritos tamén acadou un novo máximo, con 46 operadores e 68 marcas comerciais. O Consello Regulador da IXP destaca por ser o que máis mel certifica de España, representando un 58% do total.
Con este acto inaugurouse unha nova etapa marcada pola excelencia e a autenticidade para a IXP. A mensaxe foi clara: só os envases que levan o selo acollen no seu interior o auténtico Mel de Galicia, coa mesma esencia de sempre e cunha identidade renovada, porque o Mel de Galicia é auténtico por natureza.

Galego









Control OJD