Mel de Galicia fai un balance do ano comprobando como as cifras do 2024 melloran as do ano anterior. Actualmente hai 45 envasadoras con certificado de produto que apostan polo valor engadido, un 13% máis respecto ao 2023, e uns 200.000 kg de mel contraetiquetados, o que supón un 20% máis.
O consello regulador non deixará de lado a súa labor de difundir os beneficios da Indicación Xeográfica Protexida, que é a que ten máis inscritos, colmeas e que máis mel certifica dentro das denominacións de Calidade de España. Esto contribuirá a que o sector apícola galego se fortaleza.
Esta semana celebrouse un pleno no Pazo de Quián en Sergude ao que asistiu Martín Alemparte Vidal, director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria. No acto pediuse apoio para impulsar o sector e fomentar a súa comercialización nacional e internacional, ademais de destacar a necesidade dunha campaña de control de orixe e rastrexabilidade na produción primaria.

Pleno do Consello Regulador co director de AGACAL. / Mel de Galicia.
O director foi informado dos retos do sector apícola, como os altos custos de produción derivados da Vespa Velutina, a varroa e o cambio climático. Destacou a importancia de promover a denominación de Calidade e a inscrición na IGP para aumentar o valor dos produtos.
Durante o evento, a AGACAL comprometeuse a apoiar a promoción, formación e investigación para atender as necesidades do sector. Tamén se propuxeron diferentes propostas para renovar o logotipo e a contraetiqueta, coa idea de buscar unha imaxe fresca pero sen perder a esencia.
O consello regulador recorda que Mercar Mel de Galicia significa consumir un produto 100% galego de calidade diferenciada e apoiar aos apicultores locais, clave para a polinización, os cultivos e a biodiversidade.