No verán do 2022, Diego e Xoel, dous rapaces de Becerreá decidiron iniciar o proxecto Mel da Colmea. A primeira toma de contacto foi cos avós, que xestionaban un pequeno apiario para autoconsumo e que sempre espertou interese nos rapaces. Despois de ver distintas posibilidades para crear un vínculo coa súa terra decantáronse pola apicultura. Ao ser unha actividade complementaria, o aspecto social e a calidade son dous piares básicos en Mel da Colmea. Para ver o futuro desta explotación, a convivencia coa vespa velutina vai a ser un punto clave, pois todo o esforzo de un ano pode virse abaixo en poucas semanas.
A actividade apícola de Xoel Rodríguez Poy e Diego Méndez Gerbolés, con 23 e 22 anos respectivamente, remóntase aos seus avós, que traballaban con abellas para autoconsumo. Estes dous mozos, despois de abandonar Becerreá para seguir coa formación académica, viron na actividade apícola unha oportunidade de non perder a ligazón co rural. Diego explica que “decidín iniciarme coas abellas, pois meu avó xa tiña unhas colmeas para autoconsumo, achegueime a este mundo e vin unha oportunidade para sacar un rendemento e ao mesmo tempo, ter unha vinculación co pobo no que crecemos. Comentei a idea con Xoel e decidimos iniciar os tramites para rexistrarnos e iniciar o proxecto Mel da Colmea”.
“Vivindo fora de Becerreá, queriamos un proxecto que nos vinculase ao pobo”
Nestes pouco mais de dous anos, todos os beneficios fóronse investindo en ampliar e mellorar a explotación. Explican Diego e Xoel, a pé do apiario do pobo de Eixibrón: “Iniciamos cuns poucos enxames en Baleira e Navia, ademais de crear un novo apiario nesta finca. Empezamos pouco a pouco, con aforros propios. Ao non ser unha actividade profesional, co volume que temos agora non é necesario nin compensa crear unha sociedade, polo que tampouco optamos a ningunha axuda inicial. Todos os beneficios se foron reinvestindo na explotación en varias actuacións. Fomos ampliando o numero de colmeas, mercamos o material necesario para esmelgar e comezamos a acondicionar un pequeno almacén”.
A formación teórica, un aspecto fundamental que logo se visualiza na práctica diaria
Durante os inicios, a formación é un aspecto primordial en toda nova actividade. Coincidindo os comezos cunhas xornadas formativas, impartidas polo Sindicato Labrego Galego, estes mozos fixeron unha primeira achega teórica na apicultura. “Naquelas xornadas chegamos un pouco perdidos, non tiñamos ningún coñecemento e a maior parte dos compañeiros xa eran apicultores que buscaban mellorar. Chegamos con poucos coñecementos pero saímos moi satisfeitos, tanto polo aprendido como pola disposición dos compañeiros a explicar todas as dúbidas. Foi un curso de gran axuda que fomos poñendo en práctica na nosa explotación”.
Para a localización do novo apiario buscamos unha boa orientación, un lugar abrigado con horas de sol e tamén un mínimo de accesibilidade para o momento de esmelgar. Tanto os enxames de Navia de Suarna coma os de Baleira xa estaban xestionados polos avós destes rapaces. No caso do apiario de Eixibrón, Xoel e Diego, buscaron estas características para asentar as novas colmeas na explotación. “Cada zona ten as súas particularidades, polas especies de plantas da zona pero tamén polo clima. O novo apiario situámolo nunha zona con moito sol, con auga cerca e é minimamente accesible en coche”.

O apiario mais numeroso é o situado en Eixibrón con 15 colmeas.
En Mel da Colmea unicamente se fai unha colleita a finais do verán, deixando reservas para as abellas durante o inverno
A produción tamén é variable en función de cada ano, o principal factor vai ser o clima pois unha primavera húmida e fría atrasaría o espertar das colmeas, do mesmo xeito que a floración das plantas do entorno. As condicións climáticas de toda a primavera e do verán tamén van facer adiantar ou atrasar o esmelgado. Sobre a colleita, Xoel e Diego explican que “soamente sacamos o mel unha vez no ano, en función do tempo facémolo entre agosto e setembro. En anos cálidos, como este, poderiamos pospoñer a colleita e sacar unha produción un pouco maior. Sen embargo, preferimos colleitar antes e deixar algunha reserva dentro da colmea para pasar o inverno, cremos que é un xeito de producir sen utilizar moito complemento alimenticio”.
A pesar de estar nunha zona alta, outro gran problema é a presión que exercen as velutinas. “No 2024 parecía que non ía ser un problema grave, pois no verán non estábamos vendo moita presión, sen embargo de un momento para outro houbo unha maior presencia e varias colmeas resentíronse. É preocupante porque non ten un claro depredador e cada ano vai a mais, coa ‘vespa crabro’ sempre houbo unha convivencia e non afectou deste xeito” comenta Diego preocupado pola evolución deste problema.
“Ademais de coidar das abellas temos que estar pendentes da velutina”

Na loita contra a velutina en Mel da Colmea empregaron varios sistemas de protección da colmea, entre eles o método Koldo.
A convivencia da velutina coas abellas é a principal incógnita que teñen estes mozos de Becerreá de cara ao futuro. “Actualmente o principal inimigo que temos é a velutina e o futuro da nosa actividade na apicultura pode estar ligada coa evolución desta praga. Probamos varios tipos de inventos e varios produtos que hai a venda. Probamos o método Koldo ou reducir o tamaño da entrada á colmea, por exemplo, e vimos que nos primeiros días funcionaba ben pero a medida que as vespas se acostuman, a efectividade redúcese”.

Un niño da avespa velutina, próximo ao apiario fixo importantes estragos.
Son animais complicados de entender, pero ao mesmo tempo é unha actividade bonita
As explotacións apícolas son tan complexas como calquera outro tipo de gandaría, para sacar unha certa produción e calidade requírese de coñecementos e unha dedicación, sobre todo en momentos concretos. Xoel e Diego destacan que “sempre estamos aprendendo e mellorando, por exemplo na selección xenética das raíñas. Buscamos sacar novas raíñas daquelas colmeas que mais nos interesan, por ter unha maior produción, unha boa actividade ou tardar mais en enxamear entre outros factores. Son pequenos detalles que temos en conta para ir seleccionando as futuras colmeas. É unha actividade complexa e non hai tanto aceso a información ou asesoramento como en outro tipo de gandaría, pero coa observación e intercambio de pareceres entre produtores, sempre se van sacando cousas en positivo ”.
Ao ser unha actividade complementaria, o aspecto social deste proxecto é fundamental
Polo momento, está é unha actividade complementaria onde a busca dun beneficio a curto prazo queda nun segundo plano. Tanto Diego como Xoel teñen outra dedicación e buscan na apicultura un complemento e unha forma de manterse vinculados co pobo. “Temos outras profesións, buscamos o ámbito social desta actividade sen descoidar o apartado económico porque ao final tes unha inversión feita e ten que ter un certo retorno, sexa para sacar unha renda ou para reinvestir, como levamos feito ata o de agora”.
A comercialización, punto final de toda a produción, realízase directamente ao cliente final, dándose a coñecer polas redes sociais e polo boca a boca, principalmente. “Temos unha produción reducida para a demanda actual. No 2024 colleitamos en setembro e nun par de meses case vendemos todo. De feito a varios clientes tivemos que dicirlles que non podiamos venderlles todo o que nos pedían. Preferimos chegar a mais persoas. Estamos comezando e necesitamos ter visibilidade e ao mesmo tempo ter un retorno sobre a apreciación que moita xente fai do noso produto, para ir mellorando en base ás súas demandas. Do mesmo xeito, preferimos sacar un produto de maior calidade e de xeito tradicional, sacrificando o volume de produción”.

A calidade é un aspecto fundamental en Mel da Colmea. En función da localización do enxame, as plantas son diferentes polo que a mel ten matices diferenciados.
Que dous rapaces inicien un proxecto deste tipo sempre foi ben acollido entre consumidores e apicultores
Sempre é satisfactorio, tanto por parte de outros produtores como dos consumidores ver que dous mozos se inician nunha actividade no rural. Estes rapaces explican que “percibimos un bo acollemento por parte de outros produtores para resolvernos todas as dubidas que tiñamos e aconsellarnos. Do mesmo xeito que nos consumidores, teñen unha boa acollida polo mesmo motivo.
A convivencia coa velutina será o principal aspecto que marque o futuro deste apiario
O futuro deste proxecto, iniciado no verán do 2022 e logo de sacar 3 colleitas, vai estar influenciado directamente pola convivencia coa velutina e novas técnicas para minimizar o seu impacto. “Queremos aumentar o volume de produción, principalmente no apiario de Eixibrón, é o que nos queda máis cerca para revisar e traballar. Esta é a idea pois a aceptación é boa e podemos compaxinalo coas nosas vidas, sen embargo ver que todo o traballo e inversión dun ano se pode vir abaixo polo ataque destas vespas en poucas semanas é frustrante”.
Diego tamén explica que seria un proxecto bonito para Mel da Colmea “seguir aumentando a produción e ao mesmo tempo poñer en marcha un proxecto de divulgación para ensinar o noso traballo e, ao mesmo tempo, mostrar este entorno rural. Comezamos rehabilitando a casa antiga da avoa de Xoel para exercer de almacén na parte baixa e sería unha boa localización para seguir con este proxecto. É algo a longo prazo, pois levamos soamente 3 colleitas e isto requiriría dunha importante inversión”.