Mel da Anta, elixido mellor Mel de España 2015, chega á gran distribución de Estados Unidos

David Corral, fundador de Mieles Anta, espera aumentar este ano un 50% da produción do seu mel galego ecolóxico, cada vez máis demandado polos mercados internacionais. Aposta por asinar contratos homologados cos apicultores e por que “todo o mel que saia de Galicia sexa envasado e coa etiqueta da IXP Mel de Galicia”

Mel da Anta, elixido mellor Mel de España 2015, chega á gran distribución de Estados Unidos

David Corral nun dos seus apiarios

Mieles Anta, elixida no ano 2015 como o mellor mel de España por un estudo da Organización de Consumidores e Usuarios (OCU), acaba de dar o salto ao gran mercado de Estados Unidos.

A empresa con sede en Bóveda (Lugo) e principal produtora de mel de Galicia, con máis de 500 toneladas deste prezado alimento comercializadas en 2015, acaba de asinar un importante contrato para exportar a Norteamérica.

En concreto, o responsable e fundador de Meles Anta, David Corral, informa de que ao longo deste mes empezarán a vender mel ecolóxico e pole, a través da marca Toca Honey, en 50 establecementos da cadea de tendas Whole Foods Market, no estado de Washington. E ao longo deste ano iranse estendendo aos 400 establecementos que esta gran distribuidora ten en todo Estados Unidos.

Ademais de en Estados Unidos o mel e o pole ecolóxicos de Mieles Anta tamén están presentes baixo a marca “Toca” nos principais mercados europeos, sobre todo no Reino Unido, Bélxica, Holanda, Alemaña e Francia. Precisamente no país galo acaban tamén de asinar contratos de distribución con outras dúas grandes cadeas de produtos ecolóxicos: Naturalia e Bioocop, esta última cunha rede de 450 tendas. No caso de Biocoop o acordo contempla que o grupo francés adquirirá máis de 30 toneladas de mel galego, iniciándose as vendas neste mes de xuño.

Obxectivos para este ano: aumentar as vendas un 50% e instalar 3.000 colmeas máis en ecolóxico

A gran demanda de mel ecolóxico galego está a levar a Mieles Anta a incrementar a súa produción propia e a asinar contratos homologados de subministro con apicultores. “Tanto o mel como o pole de Galicia son produtos diferenciados de gran calidade que o cliente no estranxeiro valora e está disposto a pagar por eles”, destaca David Curral.

Neste sentido, subliña que “a riqueza de vexetación melífera que temos en Galicia, sobre todo a de zonas de montaña, atópase en poucas partes do mundo, xa que dispoñemos de case todas as variedades de ericas, de silvas, de castiñeiros ou de carballos”.

Actualmente Mieles Anta conta cunhas 10.000 colmeas propias en toda Galicia, situadas principalmente nas zonas de montaña da provincia de Lugo e en alturas superiores aos 500 metros. Con todo, a alta demanda de mel ecolóxico levoulles a ampliar este ano a 3.000

“O 80% do mel ecolóxico exportámolo fóra de España”

“Actualmente en torno ao 35% do mel que comercializamos é ecolóxico, e exportamos fóra de España o 80%, pero trátase dun mercado en expansión polo que temos que aumentar a produción”, explica David Corral. Ademais do mel, tamén comercializan propóleo e xelea real, baixo a marca Pazo de Lusío, así como pole, un produto con gran demanda no mercado, sobre todo o de castiñeiro galego, e do que nunha boa campaña chegan a comercializar ata 40 toneladas.

Desta forma, e grazas aos contratos asinados con grandes cadeas de distribución de Estados Unidos, Francia e Holanda, as previsións de Mieles Anta pasan por aumentar este ano as súas vendas ao redor dun 50%, consolidando unha tendencia positiva dos últimos anos con incrementos de entre o 20 e o 30% anuais.

Contratos homologados cos apicultores

Ademais da instalación de máis colmeas propias, Mieles Anta está a medrar mediante acordos de compra con apicultores galegos, sobre todo de zonas de montaña da provincia de Ourense.

“Ofrecemos contratos homologados a 3 ou 4 anos, como mínimo, e cuns prezos referenciados, que dean estabilidade ao sector”, asegura David Corral. “De feito -engade- mentres este ano os prezos do mel a granel en Galicia baixaron ata un 30%, nós mantivémoslles os prezos do ano pasado aos apicultores que traballan connosco”.

 “O futuro do mel galego pasa por envasalo en Galicia baixo a IXP”

E é que a garantía de subministro, e por tanto a dispoñibilidade de grandes volumes, son requisitos imprescindibles para poder vender ás grandes cadeas de distribución tanto de España como do estranxeiro.

David Corral tamén se mostra firme defensor de que “o mel galego que se venda para o exterior sexa envasado aquí e leve a etiqueta da Indicación Xeográfica Protexida Mel de Galicia”.

Neste sentido, lembra que os prezos do mel galego a granel -calcúlase que se comercializa desta forma ata o 25% do mel producido na Comunidade- “son totalmente inestables, porque dependen de factores externos, como de que en Estremadura haxa seca e baixe a produción de mielato de aciñeira (encina)”. E é que o mel galego de montaña que se vende a granel é utilizada polas grandes envasadoras, principalmente alemás, para mesturala con meles de baixa calidade procedentes de China e doutros países, co obxectivo de proporcionarlles condutividade, unha propiedade que presenta en maior medida o mielato de aciñeira.

“Para os apicultores galegos vender mel a granel é pan para hoxe e fame para mañá, o que temos que facer é darlle valor ao noso produto apostando pola IXP Mel de Galicia”, conclúe.

David Corral: de producir mel para autoconsumo a converterse no principal apicultor de Galicia

A vida de David Corral é unha historia de superación e de paixón pola apicultura, desde a súa infancia na súa aldea natal de Toca, no concello lucense de Samos. “O meu pai -relata- tiña unhas colmeas para autoconsumo e eu era o encargado de vixiar cando saían os enxames. Empezamos co tradicional trobo, e logo, baixo as indicacións do famoso cura Ledo, fomos dos primeiros en construír unha colmea Layens, cunha laxa de lousa como tapadeira”.

Decidiu dedicarse á apicultura en 1982, cando comprou 30 colmeas en Sanabria, “e tamén cometín os erros de novato, morrendo unha boa parte delas”, recoñece. Non se desanimou, e decidiu ir aprender cos grandes apicultores do Sur de España: “Estiven un mes traballando gratis cunha apicultor de Estremadura porque quería aprender, e durante ese mes durmía con eles no camión nun colchón mentres faciamos a transhumancia das colmeas”.

“Sigo aprendendo das abellas cada día”

Hoxe dirixe unha empresa, Mieles Anta, que dá emprego a 19 persoas. “E aínda sigo aprendendo apicultura, porque as abellas séguenme ensinando cada día”, confesa.

Aos mozos apicultores que se están incorporando á actividade aconséllalles “non desanimarse nunca, porque todos pagamos a novatada”. E ante todo recoméndalles formación e profesionalizarse: tanto mediante os manuais de apicultura, “que hai que adaptar a cada zona, xa que a vexetación, clima e floración varían moito entre cada zona de Galicia”, como a través das asociacións profesionais de apicultura existentes en Galicia.

“Se facemos as cousas ben, os apicultores galegos temos un futuro prometedor porque en vexetación melífera Galicia é un paraíso para a apicultura, o mel que producimos é de gran calidade e hai aínda moitas zonas nas que podemos instalar apiarios”, conclúe.

 

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información