Medra un 42% a venda de alimentos ecolóxicos “made in Galicia”

Medra un 42% a venda de alimentos ecolóxicos “made in Galicia”

De esquerda a dereita, Belén do Campo, Ángeles Vázquez, Francisco López e Javier García

A produción ecolóxica en Galicia segue medrando a un forte ritmo, e prevese que esta tendencia continúe nos próximos anos. Así, no 2017 o volume de ventas certificadas polo Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega), aumentou un 42%, ata chegar aos 59 millóns de euros.

Así se reflicte na memoria correspondente a 2017 do Craega, que foi presentada esta mañá en Santiago de Compostela, nun acto presidido pola conselleira de Medio Rural, Ángeles Vázquez, e o presidente do Craega, Francisco López.

A titular de Medio Rural destacou as principais magnitudes deste informe, que –dixo– reflicten un “crecemento imparable” da agricultura ecolóxica na comunidade. Así, en relación co 2016, incrementouse un 42% o volume de ventas certificadas polo Consello Regulador. En valor monetario son 59 millóns de euros, fronte aos 41,7 millóns de 2016. Así mesmo, Ángeles Vázquez salientou o aumento, por riba do 15%, da superficie inscrita e a suba de case un 13% do número de operadores, ata superar os mil rexistrados.

Previsión de que a superficie certificada polo Craega medre un 25% de aquí ao 2021

Polo demais, tanto a Consellería do Medio Rural como o Craega prevén que Galicia contará no 2021 cunhas 40.000 hectáreas de superficie certificada de agricultura ecolóxica, o que supón un 25% máis que as 32.000 actuais. Esta é a previsión do Plan estratéxico que impulsa a Xunta, en colaboración co sector.

Para lograr este obxectivo, Ángeles Vázquez anunciou un investimento total de 4,3 millóns de euros nos próximos anos para fomentar a agricultura e a gandería ecolóxicas.

Riqueza e emprego

A conselleira referiuse á importancia que ten esta evolución positiva do ecolóxico desde o punto de vista de xeración de riqueza e emprego no agro galego e botou a vista atrás, aportando datos que reforzan esta tese. Así, afirmou que no ano 1997, cando iniciou a súa actividade o Craega, apenas había 13 hectáreas en toda Galicia de cultivos ecolóxicos e en dez anos pasouse a 10.000. Na actualidade, destacou a conselleira, “contamos con case 32.000 hectáreas certificadas”.

A titular de Medio Rural sinalou ademais que Galicia destaca no ámbito gandeiro, sendo a primeira comunidade española en ganderías de leite ecolóxico e ocupa o segundo posto en produción de aves de curral para carne, así como tamén a segunda posición no eido apícola.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información