En España, a peche de 2022, o sistema de certificación forestal PEFC rexistrou un total de 2.689.271 hectáreas de superficie certificada e 56.114 silvicultores e xestores forestais adheridos ao Sistema PEFC, o que supón un crecemento neto do 8,44% e do 14,28%, respectivamente. Galicia foi a Comunidade Autónoma que maior incremento rexistrou, tanto de superficie certificada, como de novos xestores e silvicultores activos, con 122.000 novas hectáreas máis e 5.661 xestores, é dicir, o 58% e o 77% do crecemento neto nacional durante o ano.
“Isto significa que, cada vez, máis superficie forestal é xestionada de xeito sustentable e son máis os silvicultores que xestionan seus territorios atendendo á biodiversidade, ao réxime hídrico, mellorando os sumidoiros de carbono, aproveitando numerosos recursos naturais, aplicando medidas de prevención de incendios e danos, coidando os seus valores culturais, garantindo a seguridade e saúde dos seus traballadores”, destacan dende PEFC Galicia . Correspóndense cos criterios e indicadores que se avalían conforme á Norma UNE 162.002 de Xestión Forestal Sostible, baixo a que se audita o Sistema Español de Certificación Forestal PEFC.
Neste sentido, dende a entidade certificadora recoñecen que “o impulso da Consellería do Medio Rural a través das ordes de axudas, para a redacción de instrumentos de ordenación dos montes, foi decisivo no incremento de superficie certificada”.
410.000 hectáreas de superficie forestal galega contan coa certificación forestal PEFC
Os propietarios e xestores, tanto públicos como privados, adhírense ao Sistema PEFC de xeito voluntario, a través de distintas entidades solicitantes da certificación que xestionan os certificados de Xestión Forestal Sostible. Para facilitar o proceso e facer accesible a certificación, tanto ás grandes como ás pequenas superficies, a certificación forestal PEFC ofrece diferentes modalidades de agrupación que, anualmente son auditadas por unha terceira entidade independente.
A certificación forestal internacional PEFC, aplicada en Galicia garante a súa xestión sostible, grazas ao esforzo de máis de 45.000 silvicultores activos galegos dos 56.000 certificados a nivel nacional.
Galicia é líder nacional en Cadeas de Custodia PEFC
No concernente ós procesos produtivos, 456 empresas galegas demostran o seu compromiso por unha produción máis comprometida coa certificación dos seus procesos de transformación da materia prima de orixe forestal sostible e a súa rastrexabilidade, grazas á certificación da Cadea de Custodia PEFC, garantindo a sustentabilidade.