O director da Axencia Galega da Industria Forestal XERA, Alfredo Fernández Ríos, destaca que o auxe da madeira na construción está a favorecer que cada vez sexan máis as empresas galegas dedicadas ao deseño e fabricación de mobiliario que traballan no canal contract. O contract impulsou nas últimas décadas a internacionalización de empresas galegas, que se especializaron no deseño, fabricación e instalación persoalizada orientada a cadeas comerciais, de hostelería e outros espazos públicos.
Fernández Ríos destacou o auxe do contract durante a visita á carpintería JAR Novoa, especializada na fabricación de mobles e interiorismo, e sita no polígono industrial de Botos, en Lalín (Pontevedra). Ademais do mercado particular, está tamén enfocada ao sector contract, con proxectos a nivel internacional en países como Portugal, Francia ou Reino Unido.
Tamén é unha das empresas beneficiarias das axudas da XERA para a adquisición de maquinaria; uns apoios cos que incorporou un centro de control numérico e un equipo de encolado, que lle permitiron incrementar a súa capacidade produtiva, reducir custos e mellorar a calidade e os acabados dos seus produtos.
O director de XERA aproveitou a visita para lembrar que esta liña de axudas, Xera-valor, cun orzamento de 4,5 millóns de euros, aínda está aberta ata o 13 de marzo, con apoios específicos para as empresas da carpintería e do contract dedicadas á fabricación de mobiliario e de elementos para a construción en madeira.
Galego










Control OJD