Medir e reducir as emisións, os novos horizontes da gandería de vacún de leite

Diminuír os gases de efecto invernadoiro no sistema agrogandeiro mostrase case coma un requisito para o futuro. A pegada medioambiental nos produtos derivados do sector condicionará as axudas, e mesmo as ventas, polo que será cada vez máis necesario medila

Medir e reducir as emisións, os novos horizontes da gandería de vacún de leite

A redución das emisións no sector lácteo imponse como un dos principais desafíos a curto e medio prazo

Na Unión Europea estanse desenvolvendo unha serie de estratexias para dar de comer ao mundo dun xeito máis sostible, unha cuestión que involucra á agricultura e á gandería, obrigándoas a redeseñar os seus sistemas produtivos. No camiño á adopción desta nova perspectiva, como se pode lograr a sustentabilidade no negocio lácteo? Responsabilidade social, viabilidade económica e xestión medioambiental son os tres puntos entre os que se artella a resposta.

Claves para a mitigación das emisións de carbono na gandería

A tecnoloxía aparece, de novo, coma un ingrediente fundamental “pero no futuro non é suficiente con aplicala, senón que é necesario formar alianzas tecnolóxicas para conformar liñas estratéxicas entre empresas e produtores”, sinala Xoán Rodríguez, director técnico de vacún de leite en Alltech Spain, que o pasado mércores organizou a xornada online ‘A pegada da agricultura e a gandería na alimentación’. “A gandería actual ten que afrontar unha serie de ameazas e dificultades, pero nese contexto, as persoas que a xestionan teñen que ter unha intelixencia, é dicir, ser flexibles e coller isto coma unha oportunidade; se nos esixen e nos apertan por outro lado, cómpre interpretalo coma unha oportunidade”, explica Rodríguez.

Ao respecto, as emisións dunha granxa son o eixo fundamental sobre o que a normativa pretende actuar. É aquí onde cobran utilidade a tecnoloxía e as ferramentas que ofrece para “medir, predicir e reducir os índices técnicos dunha granxa en materia de cultivo, gando, dieta, dexeccións e produción”, sinala. “As medicións non se fan con ningún tipo de aparello, senón que se fan por estimacións indirectas con ferramentas competentes que teñan en conta o análise de ciclo de vida, é dicir, contemplando, non soamente o que ocorre na granxa, senón todo aquilo que a rodea”, apunta.

Emisións da granxa leiteira. Fonte: Alltech

Emisións da granxa leiteira. Fonte: Alltech

Por que é importante medir?

“Hoxe en día existen dous tipos de presións sobre as emisións dunha granxa: pola vía das axudas e do propio mercado. Na primeira, cómpre ter en conta que co apoio dos Estados Membros, as subvencións da nova PAC irán vencelladas cos índices dunha granxa. Na segunda, o mercado esixirá unha certificación de impacto medioambiental dos produtos; de feito, no caso de Reino Unido, cadeas como Lidl ou Aldi comunicaron que comezarán a traballar con isto cara a finais deste ano”, destaca Xoán Rodríguez.

En calquera caso “é fundamental ter unha calidade de medición, pero hai que traballar en estandarizar os criterios, posto que, hoxe en día, a pesar de que existen ferramentas cun maior e un menor nivel de agregación, o fundamental é ter un criterio adecuado á hora de facer as estimacións indirectas das emisións, e ter claro que é o que hai que ter en conta”, sinala Rodríguez.

“O mercado esixirá unha certificación de impacto medioambiental dos produtos; Lidl ou Aldi comunicaron que comezarán a traballar con isto cara a finais deste ano” (Xoán Rodríguez)

Como se poden baixar as emisións nunha granxa?

Nesta tarefa cómpre ter un punto de vista “poliédrico”, segundo define Xoán Rodríguez, onde a nutrición ocupa un lugar central debido á carga de emisións, tanto entéricas como aquelas que proveñen da aplicación de fertilizantes sobre cultivos para gando. No seu entorno, sitúanse outros aspectos importantes como a saúde, o benestar animal, a adaptación da estratexia reprodutiva, as dexeccións, a redución de estrés ou a produción forraxeira.

Redución das emisións en forma poliédrica. Fonte: Alltech

Redución das emisións en forma poliédrica. Fonte: Alltech

En canto á produción forraxeira, é necesaria a aplicación de boas prácticas agrarias. Por iso, a valorización das dexeccións como fertilizante, ou a caracterización do ensilado e o seu manexo no día a día pode mellorar a dixeribilidade e, así mesmo, minimizar as mermas, permitindo unha alimentación de precisión. Por outra banda, en canto á saúde, “hai que utilizar programas efectivos de vacinación, de control da mastite ou de podoloxía. Nesta liña, para contribuír á redución das emisións é fundamental coidar do benestar do animal, e procurar reducir o estrés por calor”, suliña Rodríguez.

“Un punto importante e polémico actualmente é a adaptación da estratexia reprodutiva; os animais evolucionaron e non podemos manexar a reprodución das vacas no s. XXI cos mesmos criterios do s.XX; por isto, ten que haber unha xestión individualizada dos animais de acordo co número de lactacións, coa produtividade, coa persistencia da lactación ou coa súa saúde e condición corporal. En paralelo, é fundamental ter un programa óptimo de cría e recría”, detalla o director de vacún de leite de Alltech Spain.

Iniciativas de empresas para reducir as emisións

Durante a xornada ‘A pegada da agricultura e a gandería na alimentación’, representantes de diferentes empresas e cooperativas  transmitiron a importancia que se lle está dando na agroindustria ao balance das emisións. “Aplicamos unha estratexia integral coa finalidade de reducir as emisións, tomando medidas en materia de produción forraxeira, nas ganderías, e no ámbito industrial”, sinala o director de compras e desenvolvemento de negocio de Covap, Emilio de León.

“Na produción forraxeira substituímos unha parte do ensilado de millo e desenvolvemos un cultivo que se adapte ás necesidades do terreo, no noso caso, ao Val dos Pedroches, un territorio seco. En canto ás granxas, comezamos a facer medicións dos factores de emisión e establecemos ferramentas de mellora. Por último, no eido industrial, estamos buscando o residuo que xeramos para valorizar o máximo posible; nestes momentos estamos no 85%, e en leite no 95%. Ademais, planeamos varios proxectos de enerxías renovables e de tratamento das dexeccións”, detalla De León.

Igualmente, o resto de empresas seguen traballando baixo o mesmo obxectivo de reducir as emisións, aínda que non sen dificultades. “Estamos intentando reducir algo difícil de medir, hai que partir da base de que o correcto é dicir que podemos estimar as emisións, e a primeira dificultade ao respecto é que existen moitas ferramentas para facelo e non todas coinciden, polo que cómpre tratar de armonizarnos neste sentido. Outro dos inconvenientes cos que nos atopamos é que isto é algo novo, e os gandeiros están pasando a ser xestores medioambientais”, concreta o responsable de aprovisionamento lácteo de Nestlé España, Javier Gómez.

Do mesmo modo, seguen traballando no posta en marcha de iniciativas para avanzar cara os novos requirimentos medioambientais. “Nas 230 granxas coas que colaboramos na cornixa cantábrica pautamos unha serie de medidas en torno á redución de metano entérico mediante plantas de biogás e a incorporación de certos aditivos; tamén introducimos produción de legumes, fóra do millo, e procedemos a realizar unha fertilización de precisión”, detalla Gómez.

Pola súa banda, o coordinador do grupo de innovación de campo do Grupo AN, fixo especial alusión ás complicacións que este compromiso ambiental ten que sortear. “Nesta conversión temos que darlles aos gandeiros unha boa formación e sobre todo manter un discurso armonizado, trasladando efectivamente que é o que se lles quere pedir e de que maneira o poden dar”.

Novas prioridades na UE

A agricultura de carbono é un concepto co que a Unión Europea se está familiarizando cada vez máis, e tradúcese como a captura de dióxido de carbono dos solos agrícolas, pero inclúe moitos aspectos, desde a xestión dos almacéns de carbono ata os fluxos de gases e gases de efecto invernadoiro nas explotacións agrícolas.

“Segundo o comunicado da Comisión Europea de Agricultura e Gandería do pasado decembro de 2021, o obxectivo que se pretende é conseguir un modelo de negocio ambiental que recompense aos xestores da terra pola mellora das prácticas, resultando no secuestro de carbono nos ecosistemas e a redución da liberación de carbono á atmosfera”, amplía a subdirectora de cultivos herbáceos do Ministerio de Agricultura Paz Fentes.

Deste xeito, a nova Política Agraria Común aplícase en base á consecución deses obxectivos, pero, como se encaixa a agricultura de carbono na nova PAC? A mitigación do cambio climático aparece como o obxectivo específico número 4, polo cal, “un mínimo do 25% dos pagos directos deben dedicarse aos ecoesquemas; un mínimo do 35% do Feader debe ter unha finalidade medioambiental e climática; establece indicadores de impacto e de resultado,e de seguimento da aplicación da PAC, relacionados con carbono e solos”.

“Todos os pagos directos están fundamentados no cumprimento dunha liña de base, a condicionalidade -que se reforza-, e que inclúe unha serie de condicións agrarias e medioambientais dentro das cales hai moitas que teñen que ver coa agricultura de carbono, por exemplo, a Becam 1, sobre mantemento de pastos e destinada a evitar a reconversión do terreo a outros usos”, recalca Fentes.

Unha cuestión interesante coa que se pretende contribuír a manter unha estratexia de redución é “a posta en marcha dun marco de medición mediante unha aplicación, na cal, o gandeiro introducindo unha serie de datos poida estimar as emisións da gandería; estamos traballando para desenvolver algo así e facilitar a adopción de medidas nas granxas”, detalla Leonor Algarra, subdirectora de medios de produción gandeiros no Ministerio de Agricultura.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información