A Escola Politécnica Superior de Enxeñaría (EPSE) da USC conmemora o vindeiro 21 de novembro as vodas de ouro da primeira promoción da titulación en Enxeñaría Técnica Agrícola formada en Galicia, no marco dun acto promovido xunto coa Asociación de Antigos Alumnos e Amigos da USC (Alumni) e que, entre outras actuacións, servirá para que aquel grupo de pioneiros, convertidos hoxe en xa veteranos enxeñeiros e enxeñeiras técnicas agrícolas, deixen a súa pegada no Recanto da Saudade do Campus de Lugo.
“A importancia da Enxeñaría Técnica Agrícola, tanto en Lugo como no contexto de Galicia, está fóra de dúbidas, posto que a posta en marcha destes estudos universitarios en 1967 nas dependencias da primitiva Escola de Comercio da cidade amurallada resultou ser un éxito inmediato e sostible no tempo”, destacan desde a Universidade de Santiago de Compostela.
A chamada “enxeñaría do sacho” agocha, segundo lembra o profesor da USC e representante de Alumni na EPSE, José Antonio Pardiñas, “os segredos da grande árbore na que se ten convertido o Campus de Lugo ao longo do último medio século”.
A aventura da enxeñaría agrícola callou en Lugo en 1970 cunha primeira promoción de 44 titulados técnicos, un grupo de marcado perfil masculino, pero do que tamén forman parte catro mulleres, que serviu de alicerce para a actual arquitectura do Departamento de Enxeñaría Agroforestal da USC. Desde o punto de vista técnico, lembra Pardiñas, a implantación da Enxeñaría Técnica Agrícola “supuxo a entrada, lenta pero constante, de coñecemento e tecnoloxía nas explotacións agrarias galegas”. “O estado actual das variadas iniciativas que se están en marcha no agro galego comezaron coa promoción de 1970”, sinala este docente.
Evolución do sector agrario
“A evolución do sector agrario a partir de 1970, ano no que se gradúa a primeira promoción de Peritos Agrícolas en Galicia, depara un panorama caracterizado por un crecemento da economía con profundos cambios que afectan singularmente á estrutura e natureza do sector primario. Daquela, no medio rural galego apréciase un descenso na produción de autoconsumo, a especialización gandeira orientada á produción cárnica e leiteira, un aproveitamento crecente dos recursos forestais e unha evolución favorable da industria de transformación”, analiza o director da Escola Politécnica Superior de Enxeñaría da USC, Tomás Cuesta.
Engade que “incentivar a produción agraria e modernizar as técnicas aplicadas, unido ao descenso da poboación do medio rural, requiriu dun inxente esforzo técnico e fixo preciso un corpo especializado no ámbito da enxeñaría agraria”. Así, a primitiva Escola Universitaria de Enxeñaría Técnica Agrícola (Euita) de Lugo contribuíu de xeito decidido a dotar un corpo técnico acaído para avanzar na modernización do agro galego.
Acto conmemorativo
O acto conmemorativo das vodas de ouro da primeira promoción de Peritos Agrícolas de Galicia desenvolverase o 21 de novembro, a partir das 12.00 horas, no monólito do Recanto da Saudade instalado a carón da rotonda de acceso á Biblioteca Intercentros do Campus de Lugo, lugar no que se darán cita responsables da USC, así como representantes do Concello e da Deputación Provincial de Lugo, do Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos Agrícolas e da Asociación de Antigos Alumnos e Amigos da USC (Alumni).