Medio Rural valora as peticións de cambios na PAC para aumentar a superficie subvencionable

Unións Agrarias trasladoulle á nova conselleira un informe que avala a modificación do pago verde en beneficio das explotacións lácteas. Considera tamén viable a ampliación dos pastos subvencionables para a gandaría extensiva

Medio Rural valora as peticións de cambios na PAC para aumentar a superficie subvencionable

En Galicia, parte do gando pastorea tradicionalmente superficies a mato.

Medio Rural está a valorar as peticións que lle trasladou o sector gandeiro para modificar as axudas da Política Agraria Común (PAC) na convocatoria do 2016. Os cambios a estudo céntranse en dúas cuestións que perxudicaron ás explotacións lácteas e á gandería extensiva na convocatoria do 2015: o chamado pago verde ou ‘greening’ e a admisibilidade dos pastos con presenza de mato e arborado. Unións Agrarias presentoulle un informe á Consellería no que argumenta as posibilidades de ampliación da superficie subvencionable tanto para as granxas intensivas de leite como para a gandería extensiva.

O sector produtor, preocupado pola perda de apoios que implicou no 2015 a nova PAC, vén demandando nos últimos meses cambios por parte das Administracións. Tanto Unións Agrarias como outras organizacións do sector, caso do Sindicato Labrego, Ovica ou a Sociedade Galega de Pastos e Forraxes, tíñanlle xa trasladado o problema ó anterior equipo da Consellería, se ben sen perspectivas de cambios. Coa nova conselleira, Ángeles Vázquez, o sector atopou unha receptividade maior as súas demandas, aínda que non hai ningún compromiso pechado polo de agora.

O informe presentado por Unións Agrarias ante a Consellería solicita catro modificacións concretas:

1) Permitir o aumento da superficie de millo nas explotacións lácteas

A implantación no 2015 do chamado pago verde ou ‘greening’, unha parte da axuda da PAC que prima prácticas beneficiosas para o medioambiente, obrigou ás explotacións lácteas con máis de 10 hectáreas a limitar a superficie cultivada a millo a un 75% do total. As organizacións agrarias entenden que hai xeitos de soslaiar esa limitación, tal e como fixo Asturias no 2015, co visto bo dunha auditoría comunitaria.

Asturias, co visto bo da UE, evitou no 2015 as limitacións que introduce o pago verde ó cultivo de millo

Só sería preciso, aseguran, que a Administración realizase a inspección dos cultivos antes do mes de maio, o que lle permitiría ás explotacións facer un manexo da superficie con herba no inverno e con millo cara o verán. A norma do pago verde establece que aquelas granxas que teñan alomenos o 75% da superficie a herba nun dos ciclos agrícolas (inverno ou verán) non terán que cumprir os requisitos de diversificación de cultivos, unha excepción que podería beneficiar entón á maioría de granxas de leite que fixesen a rotación herba-millo na mesma campaña.

2) Considerar pastos permanentes as terras con mato usadas tradicionalmente para o gando

A nova PAC provocou no 2015 unha reducción da superficie de pastos subvencionable, pois quedaron fóra das axudas os pastos con arborado, que pasaron a clasificarse como terreo forestal, e penalizáronse os pastos con presenza de mato. Unións Agrarias pide agora que todas esas terras que se catalogaron como forestais pasen a ser consideradas pastos permanentes.

O regulamento permite clasificar como pastos permanentes terras con mato que sexan pastoreadas

A organización agraria basea a súa petición na normativa comunitaria ó respecto e na estatal. Como norma xeral, ambos regulamentos establecen que poden ser considerados pastos permanentes aquelas terras que non entrasen na rotación de cultivos da explotación durante os últimos 5 anos e que estean ocupadas predominantemente por gramíneas ou outras forraxes herbáceas. Sen embargo, tamén se indica que cando os Estados membro así o decidan, poderán considerarse pastos permanentes outras terras tradicionalmente usadas para pastoreo, aínda que non predominen as gramíneas e outras forraxes herbáceas.

Unións sinala que en Galicia existen superficies con mato (carqueixas, queiroas, xestas, toxos, etc.) que eran tradicionalmente aproveitadas polo gando e que se poderían beneficiar da catalogación de pastos permanentes. A organización considera que hai ata 40.000 hectáreas en tal situación.

3) Incluir as parcelas menores de 3.000 metros cadrados entre os pastizais subvencionables

No 2015, Medio Rural excluiu as parcelas de pasto de menos de 3.000 metros cadrados das axudas da PAC. Desde Unións Agrarias lembran que a normativa permite subvencionar todas as superficies maiores de 100 metros cadrados, polo que piden que a Xunta volva incluir como subvencionables as parcelas de menos de 3.000 metros cadrados. A medida beneficiaría a máis de 5.700 hectáreas declaradas na PAC do 2015, segundo os cálculos de Unións.

En Galicia, as parcelas con menos de 0,3 hectáreas declaradas na PAC superan as 5.700 hectáreas

A exclusión das parcelas de menos de 3.000 metros cadrados debeuse, segundo interpreta a organización agraria, ó método de cálculo do coeficiente de admisibilidade de pastos empregado por Medio Rural, que consideraba como nula a admisibilidade das parcelas de menos de 0,3 hectáreas. Unións argumenta que outras comunidades empregaron métodos de cálculo diferentes que non implicaban a exclusión das parcelas pequenas.

4) Crear un rexistro para evitar a declaración fraudulenta de parcelas agrícolas

O Ministerio de Agricultura regulou a finais do 2015 que os solicitantes da PAC non terán que comunicar o NIF do arrendador das parcelas alugadas a non ser que a superficie supere as 2 hectáreas. A maiores, Agricultura exclúe da obriga de comunicar os NIFs ós produtores daquelas comunidades autónomas nas que haxa un rexistro de bloqueo para evitar o uso fraudulento das parcelas agrícolas. Unións pide que en Galicia se cree ese rexistro de bloqueo, a través do cal os propietarios poderían inscribir as súas parcelas para evitar unha posible declaración fraudulenta das mesmas para as axudas da PAC.

Agricultura xa excluiu ás parcelas de menos de 2 hectáreas da obriga de comunicar o NIF do arrendador

A organización agraria argumenta que en Galicia é habitual a cesión informal do dereito de uso das parcelas agrarias e sinala que en ocasións, as parcelas figuran no Catastro a nome de devanceiros, polo que non sería posible esclarecer a propiedade real das mesmas de cara á correcta comunicación dos NIF correspondentes.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información