A Xunta ultima unha Estratexia para impulsar o sector da planta ornamental e a flor cortada, co fin de consolidar a condición de Galicia como potencia destacada neste eido produtivo. Así o salientou hoxe a conselleira do Medio Rural, María José Gómez, na súa visita a Viveiros Compostela, empresa familiar situada na localidade coruñesa de Boqueixón e dedicada a esta actividade.
Na visita, na que estivo acompañada polo director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria, Martín Alemparte, e polo alcalde de Boqueixón, Ovidio Rodeiro, a conselleira explicou que esta Estratexia sectorial ten como principal obxectivo avanzar na produción sustentable, respectuosa co medio ambiente e que xere riqueza e oportunidades no rural. Trátase, tamén, de mellorar o valor engadido en toda a cadea, de manter ou aumentar a produción e o consumo, de mellorar a imaxe e o recoñecemento social dos produtores e de potenciar a promoción da planta ornamental galega.
Con este traballo -mediante un proceso participativo dos distintos axentes implicados- procédese a analizar en profundidade a situación actual da cadea de valor deste eido, avaliando as súas debilidades, fortalezas, ameazas e oportunidades. En función dos resultados desta análise, formularanse os obxectivos concretos que cómpre alcanzar, definindo as liñas de actuación para acadalos.
Facturación, exportación e creación de emprego
Nesta visita, María José Gómez puxo en valor fitos como a facturación da produción de planta en Galicia, que rolda os 48 millóns de euros anuais, así como a súa quinta posición entre as autonomías máis exportadoras. Destacou, asemade, que este sector xera na nosa terra uns 1.500 postos de traballo directos, na súa maior parte mulleres do rural, algo no que a conselleira fixo especial fincapé. Outro dato subliñado pola titular de Medio Rural foi, en particular, o da produción de camelia, que Galicia lidera dentro de Europa.
Precisamente Viveiros Compostela conta cunha vintena de empregadas, a maior parte delas mulleres, e está considerada como a principal produtora de planta de tempada en Galicia, sendo ademais un dos viveiros cun maior nivel de mecanización na nosa comunidade autónoma.