Galicia consolídase como a comunidade autónoma con maior grao de execución nos pagos da Política Agraria Común (PAC), alcanzando un 83% do total, fronte ao 53% da media estatal, segundo asegura nunha nota de prensa a Consellería de Medio Rural.
A segunda rexión máis eficiente atópase a 11 puntos de diferenza, con só o 72% executado.
A Consellería do Medio Rural adiantou este ano a outubro o pago anticipado, cun total de 45 millóns de euros. Este adianto, sinala a Xunta, resulta crucial para o sector, xa que permite aos agricultores e gandeiros operar antes de que abra o período de pagos da PAC.
Os 45 millóns destinados ás liñas de vacún de leite e carne executáronse con seguridade xurídica, evitando os riscos asociados aos controis de monitorización que aínda non estaban finalizados en outubro.
Ademais, Galicia aboou outros 117 millóns de euros en axudas da PAC, desagregados en máis de 99,3 millóns de achegas directas e case 17,73 millóns para zonas con limitacións naturais.
En total, o sector agrogandeiro galego beneficiarase de máis de 160 millóns de euros antes de rematar o ano e dentro do primeiro mes a partir do cal se permiten os pagos para a actual campaña. A Xunta valora que isto asegura liquidez dende os primeiros días do ciclo agrícola.