Medio Rural sostén que o decreto de cesión de prezos do leite segue adiante a pesar do informe de Competencia

A Consellería agarda o visto bo á iniciativa do Consejo de Estado e a súa posterior posta en marcha. Ángeles Vázquez, partidaria de que cooperativas, organizacións de produtores e Interprofesional dean pasos para regular a produción de leite en España

Medio Rural sostén que o decreto de cesión de prezos do leite segue adiante a pesar do informe de Competencia

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez.

A Consellería de Medio Rural mantén que o decreto que aclarará os prezos de cesión do leite entre a industria e a distribución sairá adiante. Desde a Administración galega enténdese que o informe da Comisión Nacional de Competencia que cuestiona o proxecto de decreto non terá repercusión na súa aprobación. Medio Rural agarda o visto bo do Consejo de Estado ó proxecto e a súa posterior posta en marcha.

O informe de Competencia que se coñeceu onte consideraba “negativo” o proxecto de decreto sobre cesión de prezos e incidía en considerar que presentaba riscos “moi elevados” de coordinación de prezos e de reducción da tensión competitiva, polo que solicitaba cambios no proxecto. Consultado o Ministerio de Agricultura ó respecto, aínda non se pronunciou. Desde Medio Rural, pola súa banda, dan por seguro que o proxecto de decreto sairá adiante a pesar das reticencias de Competencia.

Regulación da producción
Doutro lado, a conselleira de Medio Rural, Ángeles Vázquez, compareceu onte no Parlamento para valorar as medidas adoptadas por Bruxelas para encarar a crise láctea. Vázquez entende que organizacións de produtores, cooperativas e Interprofesional teñen que dar pasos agora de cara a establecer acordos voluntarios para regular a produción de leite líquido, nun intre no que hai un forte desequilibrio entre oferta e demanda.

“Galicia precisa dunha única organización produtora con músculo suficiente” (Ángeles Vázquez)

“Galicia precisa dunha soa organización produtora con músculo suficiente que sexa capaz de realizar a encomenda que lle fixo a Unión Europea”, valorou a conselleira en alusión á autorización da Comisión Europea para que as organizacións de produtores cheguen a acordos de regulación da produción.

A conselleira valorou as medidas da Comisión como positivas “no medio prazo” e incidiu en que a súa Consellería continúa a traballar no plan de fortalecemento do sector lácteo.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información