Medio Rural sostén que o cebadeiro inmobilizado en Narón ten relación epidemiolóxica cun caso de tuberculose

A Consellería argumenta que a propietaria da instalación usa alí os mesmos medios que na granxa afectada por un positivo no saneamento gandeiro. Acúsaa de incumprir a inmobilización decretada hai seis meses, ó incorporar un novo animal en agosto

Medio Rural sostén que o cebadeiro inmobilizado en Narón ten relación epidemiolóxica cun caso de tuberculose

Imaxe da explotación.

O caso de inmobilización dun cebadeiro en Narón durante 6 meses, que o Sindicato Labrego levará ante a Valedora do Pobo, está xustificado, segundo Medio Rural. A Consellería sostén que o cebadeiro ten relación epidemiolóxica coa granxa da vacas nutrices na que houbo un positivo por tuberculose, xa que a propietaria é a mesma e empregánse os mesmos medios (coidadores, transporte dos animais, aparellos, etc.). “Esta actuación (de inmobilización) realízase en tódolos casos en que un titular ten varias explotacións”, advirte Medio Rural.

Tralo positivo por tuberculose na granxa de vacas nutrices, a Xunta procedeu ó baleiro sanitario da granxa e á inmobilización do cebadeiro, se ben precisa que este pode enviar animais para matadoiro, pero non para feiras ou vendas para vida. “A pesar diso, a persoa interesada incumpriu a inmobilización decretada para o cebadeiro e incorporou un animal procedente de Badaxoz”, sinala a Consellería.

Medio Rural precisa, por último, que o 14 de agosto realizouse a desinfección das instalacións da granxa por parte de Tragsatec. A partir dese momento, aconséllase un período de espera de 2 meses para realizar a visita de comprobación de limpeza e desinfección que desmobilizará a explotación e permitirá que o gandeiro poda incorporar novamente animais, levantándose ao mesmo tempo a inmobilización do cebadeiro.

Indemnizacións
Respecto ás indemnizacións, a Xunta recorda que, sempre que se cumpra a normativa sanitaria, o gandeiro que sacrifica un animal positivo obtén, por un lado, o valor da carne no matadoiro no caso de que os animais sexan aptos para consumo humano, se así o determina a inspección veterinaria, e por outro a indemnización polo sacrificio do animal, que está establecida a través dun baremo nacional, así como o resto de animais sacrificados polo baleiro sanitario.

A Administración incide ademais en que Galicia é a única comunidade que da axudas para repoñer os animais sacrificados e que ofrece pagos por lucro cesante. “Entendemos a preocupación da gandeira, pero temos a obriga de ser moi rigorosos nesta materia, para garantir o status sanitario da nosa cabana gandeira. Por iso, os servizos veterinarios oficiais da Xunta recomendan unha e outra vez que non se merquen reses en comunidades autónomas ou países de prevalencia de tuberculose superior á de Galicia”, sinalan desde Medio Rural, que aconsella a recría na explotación.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información