Medio Rural sinala que segue con preocupación o caso de Lácteos Pérez

A administración autonómica incide en que propiciou a saída da empresa do proxecto de Lasurgal ó detectar que non estaba debidamente saneada

Medio Rural sinala que segue con preocupación o caso de Lácteos Pérez

Sede de Lácteos Pérez na Pereira, Santa Comba. / Imaxe: Lácteos Pérez.

O concurso de acreedores voluntario no que entrou Lácteos Pérez (A Pereira, Santa Comba), logo de acumular débedas de 4-5 meses cuns 170 gandeiros, preocupa na Consellería do Medio Rural. O departamento, consultado sobre o caso, sinala que está a seguir a situación na que se atopa a empresa, se ben precisa que o Goberno galego non pode intervir nun concurso de acreedores.

Ante as críticas de organizacións agrarias a súa actuación no caso, a Administración autonómica suliña que en ningún momento deu “cobertura legal” á empresa do Xallas e incide en que foi a Xunta a que propiciou a saída de Lácteos Pérez do proxecto de Lasurgal en canto comprobou que a empresa non estaba “debidamente saneada”. A iniciativa industrial de Lasurgal, na que participan a propia Lasurgal e a cooperativa Icos, está avalada e participada por XesGalicia, sociedade xestora de fondos públicos de capital risco.

A actual situación de Lácteos Pérez é seguida tamén con preocupación polas explotacións que lle viñan entregando o leite á empresa. Tras o nomeamento dun administrador concursal, as organizacións agrarias confían en que as granxas afectadas polos impagos poidan cobrar xa o leite entregado en outubro. O sector tamén agarda xestións da Administración para incluir ós gandeiros afectados polos impagos entre os beneficiarios das axudas de minimis para o sector lácteo.

Axudas lácteas
En relación coas axudas para compensar ás explotacións lácteas afectadas pola crise de prezos dos últimos meses, o secretario de Agricultura do Ministerio, Carlos Cabanas, anunciou onte que as axudas nacionais por vaca cobraranse a partir do 15 de novembro. Cabanas tamén avanzou que o decreto que regulará as axudas europeas pola crise estará aprobado antes do 1 de decembro, polo que conta que as comunidades autónomas poidan pagar as compensacións a partir da citada data.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Solicitamos o seu permiso para obter datos estadísticos da súa navegación nesta esta web, en cumprimiento do Real Decreto-ley 13/2012. Si continúa navegando consideramos que acepta o uso das cookies. OK | Máis información